O Quinteto Tradicional Muxicas formouse contra finais da década dos anos 70 do século pasado no seo da agrupación folclórica Lembranzas Galegas na cidade de Vigo. Foi José Fernández Lago quen formulou a idea de crear a nova formación, á que moi logo se sumaron Manolo RinRin e Xosé Manuel Fernández.
A formación nace como evolución natural do grupo instrumental que acompaña o baile en Lembranzas, que vai collendo identidade musical de seu. Pouco despois incorporouse ao proxecto Nazario González, Moxenas. Foi o propio José Fernández Lago quen foi convidalo a participar, ao seu barrio de San Pedro de Sárdoma, e Moxenas, gaiteiro de sona na altura, achegou a mestría dos vellos gaiteiros á nova formación. Ao longo dos seus máis de vinte anos de vida, deron o seu concerto de despedida o 15 de setembro de 2000 en Vigo, mantiveron unha liña coherente, apegada a vertente máis tradicional da música folk. Malia abandonar Moxenas a formación tralos dous primeiros discos, Parolada, (Edigal, 1982) e o impresionante disco dobre Muxicas, (Edigal, 1986), a incorporación da voz na persoa de María Xosé López, que logo tamén deixaría o grupo para pasar a Anamoura, ou incluso a modificación do nome –o terceiro traballo, O demo fungón, (Edigal, 1988), xa aparece só baixo o nome de Muxicas-, non se pode falar de variacións significativas no devalar artístico do grupo, aferrado a unha sonoridade enxebre onde só hai espazo para a gaita, a zanfona, o acordeón, a requinta e a percusión tradicional, tratada con agarimo e cun amplísimo abano de opcións instrumentais: pandeiro, pandeireta, cunchas, culleres, tarrañolas, bombo,...
Muxicas coa súa formación orixinal: Nazario González "Moxenas",Xosé Manuel Fernández, Xosé Anxo Failde, ,Manolo Rin-Rin e Liño Figueroa (Bombo).
Este esquema ségueno tamén en Desafinaturum, (Edigal, 1990), de significativo título na defensa do que é para eles a música tradicional, calidade e non afinación, Escoitando medra-la herba, (Clave Records, 1992), de estrutura circular e No colo do vento, (Clave Records, 1996). O ano en que cumprían vinte anos de carreira tiran Naturalmente, (Clave Records, 1998), segunda cimeira da súa produción, onde o grupo vai introducir colaboracións atípicas na súa traxectoria: o piano de Diego García ou a Banda de Música de Beade. A súa carreira rematou con 20 anos de camiño, (Clave Records, 1999), unha sorte de grandes éxitos, onde recollen pezas dos seus discos anteriores xunto a algunha nova gravación.
Muxicas en 1998, con Liño Figueroa, Xosé Manuel Fernández e Manolo Rin-Rin xunto a novos integrantes