Cuarteto tradicional vigués que publicou hai dous anos o seu último traballo, (XXI, Autoeditado, 2010). Gravado nos Muu! Estudios por Pedro Feijoo e distribuído por Lonxa Cultural, XXI supuxo rachar 10 anos de silencio discográfico, os que pasaron dende a publicación da súa achega a colección Os Nosos Gaiteiros de edicións do Cumio, o seu anterior traballo.
A música de Noitarega bebe do repertorio tradicional do sur da provincia de Pontevedra, bisbarras de sempre senlleiras no número e calidade de formacións tradicionais que aló nacen. Deste xeito, vellas melodías que a gaita de Henrique Otero ou a de Moxenas popularizaron hai xa 30 ou 40 anos, -moitas delas recollidas por estes do repertorio doutros gaiteiros-, son reinterpretadas por Noitarega. E aínda que a presenza das pezas de Moxenas e Otero ocupan coma sempre un lugar predominante no repertorio de Noitarega, non só os únicos aos que acoden para se fornecer de novos temas; así, nos créditos podemos atopar pezas tradicionais recollidas nos repertorios dos Morenos de Lavadores, -tamén habituais en Noitarega-, de Ricardo Portela, de Rique o Salueiro, a carón doutras pezas de autor, asinadas por nomes coñecidos no eido tradicional como Luis Correa “O Caruncho”, Juanjo Fernández, Ernesto Campos ou Carlos Justo.