Chotokoeu comezan esta noite xira por toda Europa. Fano na casa, no Garufa ás 10 da noite. Andarán despois por Holanda, Bélxica, Inglaterra, Alemaña,... e volverán o 11 de xullo, ao Festival da Chaira. Mais esta non é a primeira xira no 2015 dos Chotokoeu. A banda máis viaxeira do panorama galego xa estivo polo sur da península Ibérica hai unhas semanas. Até Granada -nada menos!- fomos velos. Eis a crónica do Brais Arroutado do concerto que os de Uxes se marcaron na capital andaluza.

Era xoves á mañá e alí estaba, rodeado de ingleses na terminal de Santiago sen poder parar de tararear “Only fools get caught”, dos Booze and Glory, en cuxo videoclip un skinhead exconvicto foxe cara a Marbella, aínda que as miñas similitudes con dito personaxe non fosen nin tan sequera capilares. A piques de coller un voo a Málaga e non ter moi claro como chegar a Granada antes do concerto xa intuía daquela que as miñas experiencias no sur tampouco ían ter nada que ver coa canción e moito menos coa historia que relata.

Aterramos puntuais e, aínda hoxe non sei ben como, cun par de trasbordos en tren cheguei á estación de autobuses. Boa temperatura, primeiras guasas andaluzas do condutor e tamén antes da hora prevista xa estaba na cidade onde actuaría esa noite Chotokoeu. A cidade que fora o refuxio ante a fama de Joe Strummer, líder dunha banda á que, curiosamente,  tanto lle debe a fusión como foron os Clash.  Deixamos as cousas na casa e directos ao Jergón, onde caerían os primeiros vasos entre tapas veganas e música dos Delinqüentes, a introdución máis correcta para unha cidade que se forma como un puzzle, con bares e espazos que non lle deben nunca nada ao que poida suceder no seu exterior. Saímos do Realejo dirección á Quilombo xustos, coma sempre, e de camiño, na praza que se sitúa ao lado da sala, atopamos xa o primeiro grupo de galegos, algúns residentes e algúns que fixeron milleiros de quilómetros en transportes bastante máis fastidiados ca min. A xente apura os litros no parque mentres entramos na sala, infórmanme de que antes se chamaba Sala Príncipe e conclúo que lle acae mellor o nome actual, máis para unha sala que me recordaba tanto á Nasa de Compostela, estreita e tremendamente acolledora.

Debín intuír no primeiro momento, coa entrada progresiva de Chotokoeu no escenario, que aquilo non ía ser simplemente un concerto, senon que unha constante que xogaba co circo e máis co teatro, algo así coma o cheiro a maquillaxe antes de saltar a unha función, ían unha influencia fundamental no desenvolvemento da noite. Supoño que hai grupos que te introducen no escenario e te fan parte del e moitos, quizais a maioría, que intentan marcar claramente a distancia co público. Chotoko son dos primeiros, crean o imaxinario e obrigante a participar del, estaban alí para repartir alegría. E así comezaron, en Alegría decidín volver a vista e puiden observar que o aspecto da sala cambiara totalmente, dun aspecto semibaleiro pasara a rexistrar unha entrada máis que digna e a xente agrupábase na parte  dianteira do escenario sen parar de moverse.

Teño un amigo, o Fon, que sempre discute a miña teoría de que os galegos somos algo así coma os británicos do sur e que me insiste en que nós somos máis do leste, que a nosa paixón polo feísmo urbanístico e os mandilóns para traballar a terra nos acercan máis a Romanía que a Escocia. Naquel momento entendino, mentres sonaban Tashkä e Balcanal e unha nube de galegos nos movíamos ao ritmo do violín vino claro, nada máis semellante a unha tribo de nómades que bailaban a ritmo de balcan e que se mesturaban co público andaluz que quenceu as primeiras filas do concerto.

Xa en calor e pasadas as primeiras cancións o seguinte pensamento que me viu á cabeza foi o do virtuosismo. É necesario moito para lograr ese equilibrio tanto músical como carismáticamente nun escenario, a combinación en cancións como Global riot entre violín, saxo e guitarras é algo que require unha xenerosidade e sentimento de grupo que non se da demasiadas veces. Como se da fin dun primeiro acto se tratase as percusións de Rubén e Carlos fixeron vibrar os recunchos da Quilombo sen deixar de impresionarme. Aínda non sabía daquela que o mellor estaba por chegar.

Co regreso do resto da banda chegaría a esperadísima bye bye mais un dos novos temas que aínda están a mesturarse preparados para saír á luz próximamente, Xa fai sol, de novo cunha compenetración espectacular entre toda a banda e unha exhibición de enerxía que poucas veces puiden ver nun escenario, especialmente por parte de Marta, sempre hiperactiva dun lado a outro enchendo totalmente o espazo. Máis tarde O ritmo que bailas foi algo así como trasladar 1.017 km o histórico Mesón do Hockey da Coruña á Quilombo para enchela de churrasco e licor café aínda que a tolemia total chegaría con Huracán no que os máis xa nos lanzamos ao pogo que se formou frente ao escenario sen importar cara a onde podíamos saír despedidos nin os fluídos corporais que se mesturaran entre tanto para rematar exhaustos aplaudindo con máis admiración que forzas toda a banda. Como remate agasallaríannos aínda cun último Gipsy spirit que remataría por demostrarme que Lafrage se equivocaba cando dicía que os galegos eramos os “auverrenses de España”, mentira, somos os gypsies do norte, capaces de meter o país nunha furgoneta e levalo onde nos pete. O bo de Chotokoeu é que cando remata a última canción non tes a sensación de que acabas de ver un concerto, senon de que chegaches ao final dunha viaxe en caravana e co posto que nunca te deixa no mesmo lugar de onde partiches.

E facendo esforzos por recuperar a miña chaqueta entre o ruído da xente que abandonaba a sala non podía deixar de imaxinarme a Joe Strummer apoiado na barra, falando co camareiro da sala do impresionado que estaba co que acababa de ver e roendo naquela súa teima de montar unha ferretería en Andalucía. Quizais tamén se lle pasase pola cabeza naquel momento trasladala a Uxes, pero iso, quen o sabe.

TEXTO: Brais Arroutado Pangalaico

FOTOS: Artistamíniko (concerto de Chotokoeu en Trebujena-Cádiz)


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.