Superoito fixo parada no Hío antes do seu concerto no OurenRock. Foi o pasado 3 de xuño no Carlete, en Vilariño, un novo local a programar música ao vivo na comarca do Morrazo. Non podiamos faltar a un concerto dunha das bandas das que máis gustamos en GZmúsica e menos no bar onde tomamos o vermú algún de nós. Así que baixamos á aldea para velo e aquí vos deixamos crónica e fotos de Lavesedo do concerto.

Expectación entre os seareiros de Vilariño diante da primeira visita de Superoito á parroquia. O Carlete é un local que leva anos aberto en Vilariño, no que é habitual que se monten foliadas improvisadas algunha que outra noite. O Hío é terra de gaiteiros e o Carlete é un dos centros neurálxicos da música tradicional da parroquia. Agora, desde que Andrés tomou o relevo á fronte do local tamén se decidiron a organizar de cando en vez algún concerto alén do tradicional, nunha xeira que comezou con Tino Baz hai un par de semanas e que continou con Superoito.

Os de Ordes trouxeron até O Morrazo o seu RockanRolla Tour que os ha levar a bo número de lugares aínda neste verán de 2016. As vindeira citas desta xira hoxe mesmo en Vilanova de Arousa, no Pre RockinVila Festival e mañá sábado no Mercado Street Food en Lugo. Estreaban a lona que deseñaron para a xira e deitaron 90 minutos de rock sen concesións, diante dun público que comezou algo frío pero que rematou entregado á enerxía dos Superoito. 

Á espera de entraren a gravar o seu terceiro disco despois do verán, a banda de Ordes presentou temas dos discos anteriores e mais algunha nova que vai entrar no vindeiro disco, nalgún caso en primicia pois entraban por vez primeira no repertorio ao vivo da banda. E remataron suando, como se comprometen a facer en todos os seus concertos, tocando o último tema enriba da barra mentres bebían cervexa das billas. O rock'n'roll ten moito de actitude e diso van sobrados estes rapaces, como ben dicían algúns dos seareiros máis veteráns ao remate do concerto, no que había público variado, como acontece sempre nos lugares pequenos como Vilariño. Así, algunha familia coas crianzas, moita rapazada e vellos heavies da parroquia saíron contentos do que mostraron os de Ordes en Vilariño.

{artsexylightbox picasaUser="gzmusicaweb" picasaAlbum="6294501140158065041"}{/artsexylightbox}

TEXTO E FOTOS: lavesedo

{fcomments}


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.