Nunha noite de alerta vermella e temporal, Ses conseguiu practicamente encher o auditorio Mar de Vigo na presentación na cidade de "Opoñerse á extinción". Tal e como aconteceu na Coruña, Narón ou Ourense, un público entregado gozou cos temas do novo disco, mesturados cos clásicos da cantautora da Coruña. A súa xira continúa este vindeiro sábado en Pontevedra; se non te das decidido a ir le a nosa crónica e escoita o novo disco. Sairás de dúbidas.

Sábado 4 de febreiro collín o carro e fun até Vigo. En barco non podía, suspendido polo temporal, e mentres esquivaba colectores do lixo na estrada pensei se non pincharía Ses no Mar de Vigo nunha noite como aquela. Porque ganiñas de saír da casa para ir a un concerto as xustas…aínda que estar sen luz axudou a espelir a nugalla e non quedar na casa “a dúas velas”.

Non tal. O mesmo ca min deberon pensar as máis de mil persoas que case enchían o auditorio. Público variado. Parellas de todas as idades, algunha que outra crianza, moitas máis mulleres das que normalmente hai nun concerto de rock. Ses saíu puntual, arroupada coma sempre por Tito Calviño ás guitarras, Lorena Martín na batería e Fernando Fraga no baixo. Mais, a diferenza do formato habitual nos festivais, xunto a eles estaban as tres “Lucías”, Lucía Souto, Lucía Cela e Lucía Ínsua, nos coros e mais Chicho Cordeiro na percusión. Isto é, -agás a percusión- as mesmas persoas que gravaron no verán con Xabier Ferreiro en Bruar, na Coruña, Opoñerse á extinción (Fol Música, 2016), o disco que viñan presentar. 

E iso foi o que fixeron. Maxistralmente. Alternando os temas roqueiros con toda a banda con momentos en que Ses en solitario, a dúo con Calviño ou xunto as outras catro mulleres, introducían un punto de acougo, por veces con cancións que non adoitan aparecer no setlist dos festivais. Sabendo ademais mesturar o novo disco con temas antigos, deixando oco para unha versión de Ana Kiro. Falou, tamén, Ses. Moito nos primeiros momentos, nos que entre tema e tema sempre houbo unha historia. Porén, o público gustaba tanto – ou máis- das paroladas coma da música. Mesmo semellou que a gran comunión da parte final, cando enlazou varios temas sen apenas os presentar e puxo o auditorio de pé a cantar e bailar, non se daría conseguido se non nos contase antes todo o que nos contou. Explicounos temas, dedicou outros, deulles alma máis alá da beleza formal que posúen no disco. Exerceu de cantautora, nun tempo en que, como ela dixo, non mola contar certas cousas que precisan ser contadas. Con todo, tamén hai que recoñecer que xogaba un chisco na casa, cunha inmensa maioría do público desexoso de vibrar con ela, esquecéndose durante case tres horas do temporal que zoupa(ba) fóra. É obvio, pero hai que dicilo: desexoso de opoñerse á extinción. E facéndoo cun sorriso nos beizos, cantando e bailando, gozando cun espectáculo de calidade, cunha produción e unha profesionalidade que doe recoñecer que sorprenden por inusuais. E todas marchamos contentas, atesourando momentos como o de Con tambores de mar, Co sorriso ante a malicia ou Semente de vencer. E, é claro, co Tempestades de sal cantado por máis de mil gorxas que pechou o concerto.

E de que vai este cuarto disco de Sés?

Nos traballos de Sés amalgábanse diversos estilos musicais, a paisaxe sonora pola que transitou ao longo da súa vida e así a pegada da súa orixe tradicional e cantareira é patente, probablemente neste novo disco máis incluso ca nos anteriores. “Polo teu corazón”, “Bótanlle leña” ou “Romance da bela rosa” son mostra innegable disto e con certeza representan tamén a meirande variación ou innovación estilística de Sés respecto dos anteriores discos, especialmente a primeira, que nos trae ecos da mellor Mercedes Peón, na súa cadencia de muiñeira americanizada. Cara este continente olla, coma adoita de sempre, a coruñesa con continuidade ao longo dun disco en que ela é a creadora de todas as letras e músicas. E faino tanto a un lado coma outro do río Bravo del Norte. “Co sorriso ante a malicia” ou “Dúas lúas” mostran o seu crecente interese polo blues e a música toda que corre polo Mississippi abaixo, patente xa no anterior traballo, Tronzar os valos, (2015). E “Semente de vencer” –a luminosa e esperanzadora canción que fecha o disco-, “Desde o altar” ou “Con tambores de mar” achegan os ritmos latinoamericanos, a pegada dos cantautores de América do Sur, que foron de sempre un dos sinais de identidade do proxecto de María Xosé Silvar. Porén, lonxe de se acomodar, Sés amplía o abano de influencias que recollen os seus discos e así ten pasado de alicerzar a súa música apenas nos estilos latinos máis recoñecibles e en estándares do rock a atesourar nas súas cancións moitos máis matices, sutilezas que engaden profundidade e –aínda máis- beleza ao seu traballo, sen esquecer o eclecticismo que lle é propio de sempre e que nos permite, por exemplo, saltar do rock descarnado de “Se a alma non me doe” á feitura tradicional do “Romance da bela rosa” e  de aí deica o fulgor mexicano de “Semente de vencer”, na fermosísima tríade de cancións final do disco.

TEXTO: Lavesedo & S. Murias

FOTOS: Lavesedo (Aquí podes velas todas).

Aquí che queda o disco, paga moito a pena.

{fcomments}

Vindeiros concertos

830436858_1724598499675369_1681460389390176096_n.jpg }23 Out 2026
06:00PM -
Pakolas
Biblioteca Municipal - Negreira
849322528_1541015238065170_4552444256315218672_n.jpg }23 Out 2026
08:00PM -
Foliada en Lisboa
Centro Galego - Lisboa (Portugal)
795663354_10246232162647843_8696830435274065083_n.jpg }24 Out 2026
Hugo Guezeta
Sala Capitol - Santiago de Compostela
832896718_18115728389092036_3454160212033361874_n.jpg }24 Out 2026
Minguante
O Xandoneto - As Neves
840809026_28711085741867270_7028194588712960272_n.jpg }24 Out 2026
01:00PM -
VI Foliada e Cantos de Taberna de Taboada
Taboada
825271574_1370119861532417_3017303303335931565_n.jpg }24 Out 2026
05:00PM -
As San Lucas. Terras de Encontro
Mondoñedo
830632125_18134977579630147_7693089141231421728_n.jpg }24 Out 2026
05:00PM -
Pasabodeghas
San Miguel de Sarandón (Vedra)
836334423_1074770502029218_2588016385055379423_n.jpg }24 Out 2026
05:00PM -
XVII Foliada da Mariña
Praza do Concello - Xove
830436858_1724598499675369_1681460389390176096_n.jpg }24 Out 2026
06:00PM -
Pakolas
Biblioteca Municipal - As Pontes
792408397_28250828677890501_6389619091779715764_n.jpg }24 Out 2026
07:00PM -
XIV Ruada de Teixeiro
Praza do Pobo - Teixeiro, Curtis (Curtis)