Volvían os máis jrandes e os movementos previos auguraban noite épica: boa promoción na rede, 3 500 entradas esgotadas en 2 días, e centos de seareiros quentando o ambiente ás portas da discoteca LP45 de Ordes 5 horas antes do retorno dos Heredeiros da Crus. Na porta escoitábase falar o galego de Verín ou o das Mariñas, mais sobre todo o dos visiños dos protagonistas da noite.

A mocidade da Barbanza foi fiel a unha banda recoñecida en todo o país e reverenciada na súa bisbarra de orixe. Mulleres ribeirenses que lembraban a estrea nas festas da Dorna en 1992.

Mozos sonenses que non puideran ir ao concerto na súa parroquia hai 10 anos porque a avoa non lles deixara tras escoitar as atrocidades que daqueles ghedelludos contaba o cura. E ademais centos de rapaces de Ribeira, da Pobra, de Aguiño ou de Boiro que apenas naceran cando saíu A Cuadrilla de Pepa A Loba, (Xurelo Roxo, 1994).

Precisamente o cartaz do concerto era unha homenaxe a capa dese histórico traballo, protagonizada daquela pola avoa do Tonhito de Poi e agora pola súa bisneta, a filla do guitarrista. Posando na mesma postura e sendo reflexo de como os Heredeiros xa son un grupo interxeracional ou como eles din un show con público de 0 a 80 anos.

As tres horas e media de espectáculo comezaron irreverentes na mensaxe e stonianas na actitude dun Javi Maneiro contaxiado pola enerxía dun público enfervorizado con “Alabaré” e continuaron debullando unha gran parte da súa discografía no medio dun espectáculo potente, de moi bo son e produción coidada. Quitando certos festivais do verán, -agora en horas baixas pola falta de apoio-, non é habitual ollar un grupo de rock galego gozar da oportunidade de exprimir o seu potencial cos medios dos que dispuxeron os Heredeiros o pasado sábado en Ordes e cómpre sinalar que a iniciativa resultou. Nas vindeiras semanas sabérase canto de proféticas teñen as palabras coas que Tucho abandonou o escenario e se definitivamente a banda volveu para ficar ou se, pola contra, todo morre nesta apoteose, mais o certo é que demostraron ser a banda de rock galego con máis tirón entre a mocidade. O motivo do éxito é loxicamente complexo, mais ten que  ver moito coa aparente facilidade coa que fusionan o rock anglosaxón da década de 1970 no musical cunhas letras e un xeito de falar e de dicir as cousas que lles son moi próximos aos seareiros.

Pioneiros en facer rock galego falando de sexo sen ningún tipo de reparos, recibiron críticas da Igrexa pero tamén do feminismo e pódese dicir de feito que a proposta escénica do grupo sempre camiñou na estrema co bizarre, para algúns ultrapasándoa en certas actitudes como nos stripteases que non faltaron no seu revival. Eles deféndense dicindo que naceron antes de que existise o politicamente correcto e o seu público semella aprobalo; unha rapaza explícao así diante das cámaras de TV que gravaban os prolegómenos: gústanme porque son eles propios.

Volvendo ao rego do musical, hai que sinalar que as novidades na sonoridade do grupo veñen da man da nova sección de ventos e dos teclados, que xunto á formación tradicional de voz, dúas guitarras, baixo e batería, conforman un son que apunta a big band, mais só se volven entrar a gravar material no estudio saberemos se se consolida esta nova proposta. Sería interesante ver se segue a ter o éxito que tiñan nos anos 90, mais a fidelidade coa que  as miles de gorxas cantaron “A chaqueta de lana”, “O fillo de José” ou “Que jallo é”, só por citar 3 dos temas máis agardados, fai ver que si. Que seguen a ser os máis jrandes.

Vindeiros concertos

811304409_2294471158032466_5850236406160331118_n.jpg }25 Out 2026
A Pedreira + Beautify Junkyards
Teatro Colón - A Coruña
828392525_1507169507838680_1591961306741483531_n.jpg }25 Out 2026
Anxo Araújo
Krazzy Kray! - Cambados
834360154_1753198923476594_7467849745056626010_n.jpg }25 Out 2026
10:00AM -
VII O Son da Gaita
Pazo Besada - Poio
825292512_1403439681947818_5337116742516565110_n.jpg }25 Out 2026
12:00PM -
Mercado de Artesanía e Produto Local
A Arca da Noe - Vilar de Santos
825325247_17888000316682326_1337381658359308050_n.jpg }25 Out 2026
07:00PM -
As Darbukas Dacolá
O Adro - Cangas
825328425_1849953423408606_2192198202431545320_n.jpg }25 Out 2026
08:00PM -
Sumrrá
Casa das Crechas - Santiago de Compostela
839157800_18348525814268419_3961946061528077243_n.jpg }28 Out 2026
10:00PM -
Banda das Crechas
Casa das Crechas - Santiago de Compostela
703131652_18531464947075076_602153652775660309_n.jpg }30 Out 2026
XXI Castañazo Rock
Chantada
830436858_1724598499675369_1681460389390176096_n.jpg }30 Out 2026
06:00PM -
Pakolas
Biblioteca Municipal - Ordes
825325247_17888000316682326_1337381658359308050_n.jpg }30 Out 2026
10:00PM -
Lacón sin Jrelos + Satenta + Youcanthide
O Adro - Cangas
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.