A finais do pasado mes de maio Os Cempés presentaron Tentemozo, (BOA, 2012), o traballo co que celebran os seus 20 anos sobre o escenario. A banda de Ferrolterra escolleu a Casa das Crechas de Compostela para dar a coñecer o seu novo traballo en petit comité. Os e as que aló asistiron, ou os que tiveron a sorte de miralos no festival Música da Noite de Calo, aseguran que veñen con folgos renovados. Analizamos a volta dun dos puntais da música folc galega.

Tan só amizades e os “mecenas” do novo disco dos Cempés tiveron o privilexio de asistir á súa volta aos escenarios na casa das Crechas. Porque este quinto traballo do grupo foi financiado mediante unha iniciativa de crowfounding, un mecenado colectivo grazas ao que Os Cempés reuniron o diñeiro para poder gravar o disco coas achegas de máis de 700 seareiros e seareiras.

Este novo xeito de financiamento, -que están a desenvolver tamén con éxito outras iniciativas como o tributo a Magín Blanco ou o compilatorio Galician Bizarre-, permitiu xuntar o diñeiro para o agardado retorno da banda, que anunciara un parón pouco despois de Moe e moa, (Discmedi, 03). Agora retornan con folgos renovados e algunha incorporación na formación, na que seguen Antón Varela á gaita, Serxio Ces, no bombo e voz e Óscar Fernández á zanfona e entran Ramón Dopico nas percusións, Pablo da Lama, no saxo e clarinete e mais Fernando Barroso ao bouzuki. Mais o financiamento por crowfounding non é a única novidade neste Tentemozo, no que destaca a colaboración das mozas e mozos da Escola Livre da MPG, para alén doutros moitos convidados, o que se traduce na presenza de até 50 músicos nalgún dos temas. Así, a base tradicional que sempre está na cerna dos traballos dos de Ferrolterra é arroupada por unha instrumentación abondosa e uns arranxos loxicamente máis traballados que sen perder a esencia do son da banda achega moitos e variados matices.

Entre os 12 cortes que contén Tentemozo atopamos moitas pezas pertencentes ao repertorio tradicional galego, como os pasodobres da Illa e de Lugo-Ferrol, a Mazurca de Paco de Escornabois, -tirada do repertorio deste prestixioso gaiteiro limiao falecido hai un par de anos-, ou as Polcas de Luis e Secundino, a primeira tirada do disco O Cego Andante, do eonaviego Pablo Quintana e a segunda do repertorio de Secundino, gaiteiro da Fonsagrada. Ao carón delas, algunha peza da autoría do zanfonista da banda, Óscar Fernández, responsable tamén dos arranxos da maioría dos temas. Para alén disto, sorprende a canción que abre o traballo, Mirandesa, sacada do repertorio da gaita de fole de Miranda de Douro e que fai que o comezo deste novo disco soe non só aos Cempés senón tamén a formacións como Galandum Galandaina. A outra sorpresa gárdana para o remate do traballo, onde “1904” recolle coplas de cego gravadas polos Aires d’a Terra de Perfecto Feijoo nese ano, no que foi a primeira gravación da música galega da historia e tamén a primeira vez no mundo que se gravaba unha zanfona. Entre estes dous temas discorren 10 pezas que atesouran a esencia da música dos Cempés, que seguen a moer na súa particular moa a tradición galega para apresentala co seu selo inconfundíbel. E iso que a presenza de moitos músicos a tocar a canda Os Cempés no disco nos trae por momentos a lembranza da música das orquestras que nos anos 20 e 30 do pasado século abundaban no país. Mais os pasodobres con arrecendo orquestral que seguen a “Mirandesa” non conseguen que esa sonoridade agache a particular maneira de interpretar a música tradicional dos de Ferrolterra e, como se quixesen borrar calquera dúbida ao respecto, o disco semella dar un xiro a partir do quinto tema, o moi cempeseiro “Encima de mel, filloas”, que abre unha segunda tandada de temas onde o estilo da formación se fai máis evidente.

Porén, cómpre non esquencer que Os Cempés son unha banda de directo e é nos torreiros das festas onde han volver demostralo. Por exemplo, o sábado 21 de xullo nas Revenidas de Vilaxoán ou o venres 27 no Antrospinos de Taragoña.

Este artigo aparece publicado hoxe no FdC, suplemento cultural do Faro de Vigo

[issuu viewMode=singlePage width=420 height=594 backgroundColor=%23222222 documentId=120712080738-02f4576f30554b73a570b3ba23455d41 name=cempes username=lavesedo tag=cempes unit=px v=2]


Vindeiros concertos

825340763_1139853172316835_4099096475273801725_n.jpg }21 Out 2026
09:30PM -
Pablo Sanmamed Quartet
Filloa Jazz Club - A Coruña
839157800_18348525814268419_3961946061528077243_n.jpg }21 Out 2026
10:00PM -
Banda das Crechas
Casa das Crechas - Santiago de Compostela
830436858_1724598499675369_1681460389390176096_n.jpg }23 Out 2026
06:00PM -
Pakolas
Biblioteca Municipal - Negreira
849322528_1541015238065170_4552444256315218672_n.jpg }23 Out 2026
08:00PM -
Foliada en Lisboa
Centro Galego - Lisboa (Portugal)
795663354_10246232162647843_8696830435274065083_n.jpg }24 Out 2026
Hugo Guezeta
Sala Capitol - Santiago de Compostela
832896718_18115728389092036_3454160212033361874_n.jpg }24 Out 2026
Minguante
O Xandoneto - As Neves
840809026_28711085741867270_7028194588712960272_n.jpg }24 Out 2026
01:00PM -
VI Foliada e Cantos de Taberna de Taboada
Taboada
825271574_1370119861532417_3017303303335931565_n.jpg }24 Out 2026
05:00PM -
As San Lucas. Terras de Encontro
Mondoñedo
830632125_18134977579630147_7693089141231421728_n.jpg }24 Out 2026
05:00PM -
Pasabodeghas
San Miguel de Sarandón (Vedra)
836334423_1074770502029218_2588016385055379423_n.jpg }24 Out 2026
05:00PM -
XVII Foliada da Mariña
Praza do Concello - Xove
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.