Donicelas presentou o pasado 23 de xaneiro o seu novo disco, homónimo, despois de dez anos de Que nunca fora abalada. Con nova formación, na que inclúen agora gaita e acordeón de xeito permanente, mais continuando cunha proposta baseada na parte vocal, con melodías maioritariamente tradicionais. Tivemos a oportunidade de velas ao vivo no Aturuxo de Bueu o 21 de febreiro, nun dos concertos que están a dar para presentar o traballo. Falámosvos delas -Donicelas- e do seu novo disco.

O pasado domingo 21 de febreiro, Donicelas presentou o seu novo traballo no Aturuxo de Bueu, que estaba practicamente cheo. Entrada de balde e a celebración dos derradeiros actos do Entroido 2016 na vila do Morrazo favoreceron a presenza de moitas persoas ás 8 da tarde para gozar ao vivo co segundo traballo deste grupo tradicional. O disco de Donicelas, homónimo, fora estreado en Salceda de Caselas apenas un mes antes, o 23 de xaneiro nun auditorio totalmente ateigado. E non podía ser doutro xeito, pois a formación está intimamente ligada á vila do Caselas, de feito naceu no xa afastado 1992 no CEP Altamira desa vila, como continuación dunha actividade escolar posta en marcha no colexio por Antón López, integrante de Treixadura. Foi aló onde un grupo de raparigas comezou a fedellar en ferreñas, melodías e ritmos tradicionais e aquilo foi o xermolo do que despois sería Donicelas. E foi coa formación redondelá coa que se estreou nas gravacións, pois colaboraron no seu Obrigado ( Discmedi, 1996). Tamén colaboraron posteriormente con outra formación da Louriña, Na Lúa, no seu Feitizo (Boa Music, 1999). Houbo que agardar até o 2005 para Donicelas publicaren o seu primeiro disco, Que nunca fora abalada (Edisco, 2005), no que reflectiron a que hoxe é –aínda- a súa liña mestra. Melodías tradicionais, moitísima importancia para a parte vocal, coas pandereteiras como eixo sobre o que pivota toda a música do grupo, na altura formado só por elas.

Tras outros once anos de silencio discográfico, o segundo disco de Donicelas afonda aínda máis no vieiro que veñen trazando nos seus xa 23 anos de vida. Para alén da muiñeira “Donicelas” –agasallo de Paulo Nogueira (Treixadura) en 2012 polo 20º aniversario da banda-, da “Rumba dos anaquiños” de Xesús Díaz e da “Muiñeira de Mos”, incluída no arranxo de “Costureiriña” e da autoría de Xulio Lorenzo, o resto das melodías –predominantes muiñeiras e xotas- que soan nas nove cancións do disco proceden da nosa tradición. Mais hai unha diferenza entre os traballos, froito da evolución da banda ao longo dos anos. Na súa estrea de 2005, Donicelas presentábase coma un grupo de pandereteiras e a presenza doutros instrumentos no traballo viña da man dos membros de Treixadura que colaboraron activamente en todo o proceso. Eran nomeadamente acordeón e gaita os que aparecían naquel traballo, aínda que non estivesen sempre nas actuacións ao vivo. Agora, Donicelas alén de por Andrea, Bea, Noelia e Rosa que poñen voces e percusións, está formada tamén por Víctor e Xesús, acordeón e gaita que xa non son colaboracións externas senón parte esencial do disco e do directo do grupo salcedense.

O novo disco comeza coas voces das Donicelas soas, ás que se lles une apenas unhas cunchas –no retrouso- e despois un acordeón. Muiñeira cantada, acompañada despois por pandeiros, estrofas tradicionais para o tema que se chama coma o grupo e coma o disco. A gaita tarda en soar na maioría das pezas en que aparece, pois as cantadas ármanse de inicio sobre acordeón e percusión. De feito esta estrutura de voces, percusión menor e acordeón repítese en varios momentos ao longo do disco, rachada pola colaboración de Isaac Millán que fai soar o seu bouzuki na “Muiñeira de Oliveira” para lle dar feitura rítmica ao tema ou polo whistle –tocado por Xesús- que aparece en “Flor de Murta”, na que tamén colabora Uxía Senlle. Non son as únicas colaboracións, pois varios ex-membros ademais de Paulo Nogueira e Miriam Lorenzo tamén fan a súa achega a Donicelas. Á espera de anunciaren novas datas, debemos conformarnos polo de agora con escoitalo online –está dispoñible en Spotify- ou buscalo na rede de puntos de venda que van tecendo paseniño.

{fcomments}

Vindeiros concertos

749259054_1022925090316568_702947243320794699_n.jpg }24 Ago 2026
Castelo Conta
Castelo (Culleredo)
779842583_1511208527718173_9040372768246417128_n.jpg }25 Ago 2026
Festas de San Bartolomeu
735067502_1525625742938780_5092150722826748651_n.jpg }21 Ago 2026
Festas do Cristo 2026
Cangas
782599213_27643494828666077_5555947664295935009_n.jpg }26 Ago 2026
07:00PM -
As Tareixas
Biblioteca Pública Municipal - Ponte Caldelas
787017267_18390520846167288_85477063262168742_n.jpg }26 Ago 2026
09:00PM -
Barahúnda
A Pousada da Galiza Imaxinaria - Boiro
706188401_18449682028118994_1584780685745276143_n.jpg }27 Ago 2026
Arredas Folk Fest
Tregosa, Barcelos (Portugal)
749259054_1022925090316568_702947243320794699_n.jpg }24 Ago 2026
Castelo Conta
Castelo (Culleredo)
735067502_1525625742938780_5092150722826748651_n.jpg }21 Ago 2026
Festas do Cristo 2026
Cangas
759904625_935298589588940_2999413444636491151_n.jpg }27 Ago 2026
07:30PM -
Belém Tajes
Camping Lago-Mar - Muxía
786313222_18624825229040228_6709132429704761639_n.jpg }27 Ago 2026
08:00PM -
Uxía, Emiliano Faryna e Invitadas
Rúa Charco, 33 - A Illa de Arousa