O segundo traballo de Caxade vén de ser publicado en maio. Falámosvos de "E isto é o amor" un paso adiante no indie-folk singular desta banda, que mantén os sinais de identidade de Caxade combinados con novos matices, máis peso das percusións e a inclusión dos sintetizadores. Escoitade o disco e apuntade na axenda as datas da xira de presentación; a vindeira, este sábado 11 de xuño no Aturuxo de Bueu.

O segundo traballo de Caxade vén de ser publicado a mediados do pasado mes de maio e, para o dar a coñecer, a banda facía unha pequena presentación no SCQ café bar de Compostela o día 15 dese mes, no que foi un  adianto para os máis gorentosos dunha xira que botou a andar tamén en Santiago, na sala Sónar, o pasado 21 de maio e xa fixo paraxe en Ponteceso e mais en Pontevedra e ha lévalo polo país durante o mes de xuño, cunha saída a Francia de por medio.

Porque E isto é o amor, (Discos da Máquina, 2016) , era agardado por moitas persoas con entusiasmo, despois do suceso d’A dança dos moscas, (Discos da Máquina, 2013). Había curiosidade por saber cara a onde e como evolucionaría o proxecto que naceu dunha tríade de videocreacións do propio Alonso Caxade que bateron en nós con dozura mais tamén con contundencia contra o ano 2012. Dozura no seu son, unha sorte de indie-folk de cerna tradicional e baseado no acordeón de Alonso Caxade. Contundencia nunhas letras que desde a ironía ofrecían unha análise surrealista e certeira da nosa sociedade. A boa acollida destes vídeos deron azos para continuar e o que era un proxecto persoal converteuse nunha banda na que ventos, acordeón e percusión fabricaban un pop minimalista nado directamente da nosa música tradicional, nun camiño que asemade comezaron transitar tamén Guadi Galego ou Davide Salvado, arrimándose quizais máis ao pop, no caso de Guadi, e ao trad, no caso de Davide.

Este segundo disco de Caxade continúa a camiñar, con moito criterio, por ese novo vieiro do pop made in galiza alimentado directamente desde a tradición. Estas novas propostas veñen ampliar o abano da música popular galega e, ao carón doutras debedoras do pop máis convencional nas súas múltiples vertentes, como Poetarras, Chicharrón ou os máis veteráns Ataque Escampe, certifican que os violentos anos dez están a ser os de consolidación do pop do país. Porén, Isto é o amor non é en absoluto un “copia e cola” do seu traballo de estrea e dá resolto con eficacia a complexa ecuación de manter a identidade propia e ao mesmo tempo evolucionar. Así, para os que escoitamos e reescoitamos a Dança das Moscas até a saciedade, rechama en primeiro lugar a importancia que gañaron as percusións e mais a incorporación dos sintetizadores. Semella que Caxade quería deixalo claro desde o principio, velaí a escolla de “O homem bala” para abrir o disco, alicerzada precisamente en sintetizadores e percusión e na que non aparece o sinal de identidade da banda, o acordeón, pero que remata por ser –alén dun dos puntos álxidos do disco- quizais a máis “caxadiana” de todas as cancións. Segue despois un ronsel de fermosas cancións, “Nábia”, “Colesterol”, “Sanduicheira”,…, todas elas sinxelas, agudas por momentos nas letras, sempre sutís e con interpretacións diversas aínda que probablemente menos reivindicativas ca na estrea –de obviarmos “Indepence day”-, arroladas na música acougante e ensoñadora que é marca da casa. Iso si, máis diversa, con máis matices, co engadido da electrónica e cuns ventos con máis peso nas melodías.

Gravado e mesturado de volta no Estudio A Ponte de Roxos, mais só por Tomás Ageitos que fixera tándem nestes labores n’A Dança das Moscas con Marcos Paino, o disco pódese escoitar na rede, na web da súa discográfica, www.discosdamaquina.com, ou no propio bandcamp do grupo. E tamén pode ser gozado ao vivo, pois Caxade continúa coa xira de presentación do traballo que arrancou en Compostela en maio. Así, estarán no Aturuxo de Bueu este sábado, para despois parar en Rianxo e mais en Vilagarcía, ademais de Toulouse, en Francia, neste mes de xuño.

TEXTO: lavesedo

IMAXES: caxade.gal

{fcomments}

Vindeiros concertos

549292425_18369460801151211_4914527866342768656_n.jpg }18 Out 2025
Festichao
Praza Chao - Vigo
539094976_18321159910237107_7676875090965060696_n.jpg }15 Out 2025
Festival Sisons
Santiago de Compostela
548855481_17882056770390181_1838950311065351309_n.jpg }17 Out 2025
II Festa Furancheira
Barrio da Cruz - Budiño (O Porriño)
558974603_1398090065649733_7229011336591531093_n.jpg }18 Out 2025
Keltoi! + Brigade Loco
La Fábrica de Chocolate Club - Vigo
559610044_10163349625698728_7202014970797591302_n.jpg }17 Out 2025
Muinhada Vimianzo
Vimianzo
561332558_833343666038637_2251393961794887978_n.jpg }18 Out 2025
12:30PM -
Festichao
Praza Chao - Vigo
557594956_1241276071369867_106675839777332693_n.jpg }18 Out 2025
02:00PM -
Xacarandaina
Carpa da Praza do Balneario - Arteixo
561052012_1393972826062282_7595201555034142451_n.jpg }18 Out 2025
02:00PM -
Orquesta Bravú Xangai
CS Artábria - Ferrol
559741502_1117911843882364_9080679670774416681_n.jpg }18 Out 2025
05:00PM -
XX Napalm Fest
O Buril - Sarria
559675904_1395897692545453_6152988833574424953_n.jpg }18 Out 2025
05:00PM -
Pakolas
Casa Museo Manuel María - Outeiro de Rei