Xa alá onde vai o 2016, pero aínda non falaramos en GZmúsica da grande acollida que tiveron os dous novos discos que Malandrómeda presentou o pasado ano. Despois dun período de silencio, a volta do Hevi -acompañado agora polo Máster do Son- gustou moito e non só en Galiza pois foron varios os recoñecementos estatais para a volta do rapeiro compostelán. E non só el, o certo é que o ano pasado a música en galego espertou curiosidade en medios estatais e nos concertos había bastante máis ca emigrantes saudosas do noso rouco son. Tanto é así que esta fin de semana se celebra en Madrid o Fala Galego Fest, con 4 bandas galegas.

Se houbo algo realmente destacable para a música galega no 2016 foi o gran recoñecemento que colleitou fóra, algo que había tempo que non acontecía. O bo momento da música do páis nesta segunda década do século XXI está a ter paseniño repercusión fóra de Galiza. Non hai que esquecer que despois dos Resentidos as olladas foráneas que repararon na música en galego, agás no eido folque, foron ben poucas. Si que os Diplomáticos tiveron certo tirón, sobre todo en Euskal Herria, pero quizais até Das Kapital non volvamos ter un grupo que chame a atención fóra, se ben no caso da banda compostelá lonxe sempre dun público moi numeroso, pois foi unha proposta tan interesante como minoritaria. As cousas mudaron de vez nos últimos dous ou tres anos, en parte seguramente pola aposta de saír tocar fóra que Ses, Terbutalina, Agoraphobia, Familia Caamagno ou Dakidarría -só por citar algunhas bandas- veñen facendo desde a súa creación. Ademais, e afortunadamente, vai deixando de ser noticia que a música en galego soe en Radio 3 ou protagonice os concertos que organiza a radio pública e emite tamén La 2. 

Una mostra evidente disto é o feito de que por vez primeira na historia  Madrid vai acoller un festival de música galega, o Fala Galego Fest. Esta vindeira fin de semana a capital do país mesetario gozará con Familia Caamagno, Terbutalina, The Phantom Dragsters, surf'n'roll desde Ourense e The Phantom Keys, banda de garage do Grove. Seguramente aos Caamagnos e á Terbutalina xa os coñecedes, así que vos deixamos por aquí un par de temas das outras dúas fantasmagóricas bandas que protagonizarán a noite. Se andades por Madrid ou arredores, non o dubidedes. Promete ser unha fin de semana de garage, punk e surf galaico como nunca se ten visto na Meseta. 


A culpa foi de Leño Malandrómeda

Pero se o 2016 confirma esta tendencia dun crecente interese a nivel estatal pola música galega, en boa medida é pola gran repercusión que tiveron os dous discos que Malandrómeda publicou ao tempo hai pouco máis dun ano, no mes de febreiro de 2016. O dobrete de Malandrómeda con Matapadre, Cada can que lamba o seu carallo (Matapadre, 2016), Os 48 nomes do inimigo (Matapadre, 2016), publicado despois de 5 anos de silencio, volveu demostrar que o dúo compostelán está entre o máis interesante do hip-hop estatal. E tanto revistas especializadas coma blogues e webzines estatais rendéronse ao flow do Hevi e as bases do Máster do Son, que substitúe a ao mando dos trebellos a Caldeirada, que estivera poñendo as bases en Malandrómeda desde o primeiro disco, Os estranos sempre traen malas novas (2006). Así, nas listas de mellores discos do 2016 moitas víronse sorprendidas pola aparición de dous discos rapeados en galego, situados entre os mellores do ano.


E todas esas referencias destes dous discos de Malandrómeda coinciden en sinalar que ambos se complementan á perfección, malia ser diametralmente opostos. Luz e sombra. Os 48 nomes do inimigo é unha ollada griseira ao presente. Máis íntimo, cántalle ao desamor e debuxa recantos dunha sociedade miserenta. Tan esmagador como os dous temas que abren e pechan o disco, “Chegar e encher” e mais “Emerxencia”. Cada can que lamba o seu carallo é a antítese. Festa, convite ao baile, unha resposta sorrinte a ese presente gris que retrata o outro disco. Espazo até para a cumbia e o reguetón, presentes en “Bótalle caldo [cumbia malandra]” e “Golibuz” que xunto a “Bum-Xanca” supoñen a cerna latexante deste segundo disco. E desde logo, o fenomenal traballo do Master do Son coas bases é crucial para conseguir as dúas atmosferas opostas que acollen os rapeos do Hevi en cada disco. A variedade, o uso de multiples recursos, os xogos coa voz do Mc, a capacidade de transmitir ideas e sensacións que van nas letras fan que o peso do DJ sexa moito maior ca noutras propostas onde a mensaxe é só literal, adoecendo estas dos matices que o Master é quen de introducir no xa de por si incrible xeito de rapear do Hevi.


Como quen non quere a cousa, Malandrómeda publica dous discos onde recolle o seu traballo no estudio entre os anos 2012 e 2015 e de paso crea dous clásicos do hip-hop en galego, dúas obras que co paso do tempo serán vistas como parte do mellor que se fixo musicalmente en Galiza nesta segunda década do século XXI.


TEXTO: S. Murias

{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.