Outro ano máis que fomos gozar do Castañazo Rock a Chantada, a quitar o frío bailando no mercado gandeiro. De principio botamos en falta máis presenza de grupos galegos no cartaz deste ano, só tres grupos, ou catro contando as actividades de rúa, e dous deles pechando as xornadas do venres e do sábado.

A xornada do venres comezou ás oito da tarde cravado, o que supuxo que La Otra y Las locas del Co comezaron sen demasiado ambiente. Pero sendo venres día de choio, nin a nosa equipa completa  deu chegado para este concerto. Parécenos preciso facer fincapé nesta banda, porque foi a única presenza de maioría mulleres. Sabemos que es veces pode ser difícil, que en xeral as bandas máis “masivas” non son femininas, pero parécenos preciso que os festivais pouco a pouco comecen a valorar que é preciso que as mulleres tamén comecen a estar entre ás súas filas, e non só dende o bando do público.

Polo que ata o segundo concerto da noite, Desakato, non se chegou ata o apoxeo no ambiente no festival.  O máis salientable do venres foron os concertos de Desakato e de Talco. Tanto asturianos como italianos soaron moito mellor que o resto dos grupos da noite, e fixeron bailar á xente presente no mercado gandeiro.


A representación galega  do venres corría a cargo de Rebeliom do Inframundo que demostraron a forza que teñen os seus directos, cos seus temas cheos de letras reivindicativas. E con esa enerxía e raiba, con lume e rebeliom rematou a primeira xornada do Castañazo.

A segunda xornada comezaba cedo para o público infantil. Nós non acudimos, había que reservarse para a tarde e os cantos de taberna, pero seica que foi un éxito, incluso tamén para os adultos que acompañaban ás crianzas. Tamén comentaban algunhas compañeiras, que estaría ben ter ido a presentación da documental "20 anos de Bravío" de Anna Diz, pero puxeron horario de madrugadores e os festivaleiros, somos máis de trasnoitar.


Despois da comida comezaron os afamados cantos de taberna polos bares de Chantada, que reúnen unha chea de xente, foránea e nativa, con ganas de pasar un bo rato e dan vida ás rúas da vila. Gustamos moito deste tipo de actividades, que abren os festivais a un público máis heteroxéneo e reportan beneficios aos negocios das vilas onde se organizan.

Unha vez rematados os cantos de taberna, chegou o que foi unha das grandes sorpresas, a Mekanika Rolling Band. Escoitáramos falar dela, pero nunca a miráramos actuar, e a verdade é que cumpriu coa súa encomenda de xeito maxistral: unha riada de xente seguíndoos polas rúas de Chantada ata o recinto do festival, a ritmo de ska e doutros clásicos bailados e cantados por todo o mundo.

Todas estas actividades fixeron un bo caldo de cultivo para o que ía ser unha longa noite de música en directo. Abriron fogo Boikot, unha banda veterana que soubo conectar co público dende o inicio, primeiro con temas potentes e despois con clásicos, propios e alleos, coreados pola xente.


Tras os madrileños, chegou a quenda de Smoking Souls, que pagaron tocar a esa hora que a xente acostuma aproveitar para coller forzas para o resto da noite. Directo correcto antes dun dos pratos fortes da noite, o grupo Zoo. Os valencianos contan con moitos seguidores no noso país e notouse durante todo o concerto.

Tras Zoo, veu o primeiro dos grupos galegos da noite, Dakidarría. Son innumerables as veces que gozamos xa do directo dos do Val Miñor, e non por iso deixamos de bailar e cantar os seus temas. E aquí vou facer un aparte para falar dun dos seus temas, co que adoitan pechar os seus bolos, “Terra”. Ë un deses temas que xa forman parte do imaxinario musical da Galiza, un himno xeracional que perdurará no tempo. Un tema que fala de nós coma país e, por iso, conectou tan fondamente na xente.

Tras a apoteose final de Dakidarría, tocaron NOHA, incorporados ao festival tras a baixa de última hora dos franceses de La Phaze. Ritmos electrónicos ante un público menos numeroso tras os concertos de Zoo e Dakidarría. Máis aínda así entre a primeira fila xa había quen lles pedía un tema que subiran tan só uns días antes na súa canle de youtube.


Tras eles o último dos grupos galegos, Raiba, que tocaron ante numerosos incondicionais que aguantaron ata última hora para ver o seu directo, poñendo o broche de ouro á XVI edición do Castañazo Rock.

Rematamos a crónica felicitando á organización do Castañazo pola gran labor que fan, acadando un festival cómodo para o público e querido polas habitantes da vila.

Podedes topar tódalas fotos do festival aqui


Texto: Fer GV

Vídeo: Martín Rodas

Foto: Lety GF

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.