Sábado 11 de maio, Couso acolleu a terceira edición do Churrasconcerto. Polo escenario montado no eido do local social desta parroquia estradense pasaron Pauliña, os John Deeres, Bastardos de Rivera e mais Impulsos Criminais. Noite de concertos e churrasco que acabou con selección musical de Lor Xanadú Picadiscos. Ambiente estupendo nunha noite á beira do Ulla da que vos traemos uns vídeos.

Contra as nove da noite comezaron a desfilar as racións de churrasco -e de empanada vegana- para a xente que desde Couso, doutras parroquias de Tabeirós e incluso desde Compostela ou O Morrazo se achegaron até a antiga escola unitaria de Couso. Fermosa paraxe -onde tamén se celebra no verán o festival As Nosas Músicas- para a celebración do III Churrasconcerto.

Ambiente estupendo nunha noitiña que parecía case de xullo, coa xente dando conta do churrasco mentres as bandas remataban as probas de son. Pouco despois das dez, Pauliña foi a encargada de encetar o concerto. Soa, apenas armada coa súa guitarra, foi debullando os temas do seu disco de estrea, De-xeneración (Xonix Records, 2018), publicado hai agora un ano.

Despois foi a quenda dos John Deeres. Xogando na casa, os de Couso puxeron enriba do escenario unhas contundentes postas de hard rock, coa calidade e o ar clásico aos que nos teñen habituados. Como novidade, a presenza de Patty Castro na voz nalgúns temas, ao carón de Ferni.

A noite quecía baixo o cuberto acaroado ao local onde montaran o escenario. Facíao a medida que a temperatura fóra comezaba a lembrar que estabamos en maio. Porén, o punk de ghalpón dos Bastardos de Rivera mantivo a xente quente. Primeira vez que mirabamos ao vivo aos de Vimianzo, dos que gostamos tanto no escenario como no terceiro tempo. 

E para pechar os concertos, a volta aos escenarios de Impulsos Criminais. A banda formada hai 11 anos na Amaía por un fato de estudantes mostrou que non lles sentou nada mal o paso do tempo e seguen a engaiolar o persoal co seu punk-rock clásico.


Vindeiros concertos

656873453_936502832086705_5892457802773672080_n.jpg }30 Mai 2026
Festa do Boi
Allariz
702487412_1402242221941733_7935464418755134823_n.jpg }29 Mai 2026
Festa do Peixe
Bande
706134511_1381686480651543_3123029993361332245_n.jpg }30 Mai 2026
LVIII Festa da Troita
Ponte Caldelas
Cartel-Feira-da-Empanada-das-Nogais-26-600x847.jpg }30 Mai 2026
XIX Feira da Empanada e Outros Produtos dos Ancares
As Nogais
festa-do-labrego-de-vilariño-cambados_img4053n1t0.jpg }30 Mai 2026
XLIII Festa do Labrego
Vilariño (Cambados)
703906906_1312700457670547_5050642381357101192_n.jpg }31 Mai 2026
11:30AM -
Homenaxe a Manuel Viqueira Vieites
Ordes
689909914_1088583571004863_2916270623792594949_n.jpg }31 Mai 2026
01:00PM -
II Festa do Centenario
Rábade
1777109004184893-0.jpg }31 Mai 2026
01:00PM -
Davide Salvado
A Casa da Memoria - Xullán, Tuimil (Bóveda)
708959008_18469167148102696_5586373996370314845_n.jpg }31 Mai 2026
01:00PM -
Dé Primeira
Rúa San Xoán - A Coruña
708715252_18326960614271568_3246057877784362384_n.jpg }31 Mai 2026
05:30PM -
Uxía Lambona e a Banda Molona
Auditorio Reveriano Soutullo - Ponteareas