A temporada de festivais galegos comezou xa en febreiro co Taíña de Goián e tivo a súa segunda etapa o pasado 4 de maio en Salceda de Caselas. No sur do país estalaron os foguetes festivaleiros no tempo da invernía e logo han alagar o país, hoxe, mañá e pasado no Reperkusión e axiña na Rebusca. Antes de saírmos para o Reper deixámosvos crónica e fotos da VI Festa Treze-Catorze de Salceda. Ademais, esta noite, @s que quededes na casa poderedes ver o Episodio 9 de GZmúsica TV, con entrevistas e actuacións dos grupos que pasaron por Salceda.


Achegámonos até Salceda o mesmo sábado 4, aínda que a Festa xa comezar o día anterior, cun periplo taberneiro polos locais da vila. Á tardiña, mentres os grupos remataban as probas de son, a rapazada e os non tan novos divertíanse no concurso de chimpos e co resto de actividades organizadas pola Asociación Treze-Catorze. Ambiente familiar, moit@s veciñ@s foron coas crianzas a pasar a tarde no torreiro e gozar cos xogos, e todo a punto para o comezo dos concertos, pouco despois do solpor.
Os primeiros en subir ao escenario, -despois de o Bloquinho de Aperta facérennos bailar a todos coas súas percusión ao pé do palco-, foron os Quempallou. Non temos fotos do seu concerto, nós tamén fomos en familia até Salceda e preferimos gozar coas crianzas do fabuloso concerto dos Quempallou e non “choiar” coa cámara. Iso si, no programa de GZmúsica TV que se emite esta noite poderedes ver a entrevista que lle fixemos a Roi Maceda e un par de temas do seu concerto.
Viñan bravos e con ganas de facer bailar o persoal e, coma sempre, deixaron claro porque son unha das bandas de base tradicional con máis pegada nos festivais. O chapeu que lles tiraron desde o público os de Taragoña, -a presenza de festivaleir@s doutras latitudes do país era abondosa-, pasou polas cabezas de todos eles e semellou darlles o pulo definitivo para faceren bailar até os punkis coa súa música de raigame tradicional mais ollada actual.
Despois chegou o, con certeza, grupo máis agardado da noite. Falamos con eles tamén, antes de subiren a tocar, e temos que dicir que non agardabamos o que despois vimos. O Caimán do río Tea sorprendeu desde o comezo, abordando o escenario cunha enerxía inusitada para unha banda que festexaba os 20 anos da súa primeira aparición e despois de varios anos inactivos. Chimpando desde o primeiro intre, abrindo o concerto cos seus históricos Estou na lavadora e Ven a bailar, os de Ponteareas non tiveron medo de gastar as mellores balas de saída, pois, como se mirou despois, a potencia do seu directo unida aos ases que gardaban na manga, -como a non menos coñecida Manolo Pescadilla ou a versión hardcoreta de Barrio Sésamo-, permitíronlles manter o listón moi alto ao longo do concerto. Remataron volvendo ao Estou na lavadora, máis apoteósico aínda ca o inicial, e deixaron o escenario quentiño para os Terbutalina pecharen a noite. Os de Muros, como é costume, tampouco defraudaron. Tralla de comezo a fin e, para os que os levamos a ollar desde que comezaron a se mover polo país hai un par de anos, a sensación de atopalos cada vez máis cómodos enriba do palco. Sabedores de que xa hai unha parroquia abondosa que os segue polo país adiante, interactúan sen medo ningún co público, mantendo por riba a desvergoña punk que os caracteriza de sempre. Déronlle paus a curas, turistas e presidentes da SGAE, -por moi mitificados que estean-, demostrando máis unha vez que o futuro está garantido mentres sigan a saír bandas coa frescura dos Terbutalina.
Pechou a noite DJ Croqueta, -tamén el pasou polo micro de GZmúsica TV-, cunha sesión heteroxénea, onde tod@s atopamos temas do noso agrado mentres amañabamos o país acobadados na barra. Para nós, festivaleir@s confes@s, foi un auténtico placer atopar xente do Rebumbio, do San Martiño Caníbal, do Asighieiras, do AntrosPinos, da Festa da Poesía,..., en definitiva, a vangarda trouleira da Federación Galega de Festivais, que segue a demostrar, -como fixo no Taíña en Goián-, que a festa é para quen a traballa e non imos consentir que nos quiten o vehículo de relación social, de entremento e de culturalización que supoñen os festivais de música galega do país.


Texto e fotos: lavesedo

{fcomments}

Vindeiros concertos

671759038_18390812491086258_1023473060004002704_n.jpg }23 Abr 2026
07:00PM -
Fernando barroso
Cortijo Las Monjas - Periana, Málaga (España)
672686302_10233151173587927_4475006899934474632_n.jpg }23 Abr 2026
08:00PM -
Serán en Castrelos
Parque de Castrelos - Castrelos (Vigo)
671640471_1408498291320583_6216349526970800401_n.jpg }23 Abr 2026
09:30PM -
Amoebo + Law
Garufa Club - A Coruña
648284173_122199600338514264_4015877305865184625_n.jpg }24 Abr 2026
35ª Festa do Champiñón
Ordes
673512103_1398293465676347_6257268258974208661_n.jpg }24 Abr 2026
Festas de San Marcos
Noia
656314818_1357532299725393_4507579258918980907_n.jpg }24 Abr 2026
Galegote Rock
Pontevedra
621632675_1218402530420411_2454559970369722286_n.jpg }24 Abr 2026
LXVI Festa da Lamprea
Arbo
677924763_1284940897076743_1724474441057786643_n.jpg }24 Abr 2026
12:30PM -
Soylent Green Project
Roi Xordo Gastro Café - Allariz
670788881_18104088635501094_3326185845991164495_n.jpg }24 Abr 2026
06:00PM -
Interritmos Raíces Vivas
Alohacamp - Guntín
670644375_17951222622133610_3427381850511580883_n.jpg }24 Abr 2026
07:30PM -
Petiscada Bailada
CS A Nubeira - Vigo