Fomos até a parroquia viguesa de Matamá, para asistir ao festival Sons da Lameira. Este ano só un día, o primeiro sábado de xullo xa que non se celebrou a xornada de folc, mais con moita afluencia de xente e cun cartaz variado que permitiu gozar as e os asistentes dunha calorosa e longa noite de música.

De feito a incríbel calor que vivimos, cando menos no sur do país, os primeiros días de xullo fixo que as primeiras bandas da noite, aínda pola tardiña, tivesen menos persoas a ollar os seus concertos. Nós chegamos co tempo xusto para botar unha ollada aos Liska, dos que gustamos mais botamos en falla un pouco máis de contundencia no escenario. Tamén é certo que á beira dos 35º á sombra, -que se ultrapasaban con folgura no palco e no torreiro-, pouca contundencia se lle pode pedir a ninguén. Ficamos á espera de ollalos de volta en mellores condicións e mentres gozamos co adianto do seu novo disco que sairá a finais deste mes. Aquí vos queda!


{artsexylightbox picasaUser="108444696226697831003" picasaAlbum="liskanosonsdalameira"}{/artsexylightbox}

Á vista de que aquilo ía ser unha noite longa e calorosa, saímos do recinto para cear e refrescarnos dalgún xeito un chisco e voltamos xa cos Recambios Tucho derriba do escenario. Para nós, a sorpresa da noite. Bandaza cun moi bo directo e que xoga bazas seguras, alicerzando a súa proposta en varios dos hits da outra banda de Tucho e mais en versións de clásicos do rock. Moita xente pode pensar que así é doado gustar, mais sen negar o evidente cómpre destacar a fenomenal conxunción sobre o palco da banda. Grandes músicos sen dúbida, con experiencia e unha opción boa para gozar dunha noite de rock galego. Unha das bandas a seguir este verán.


Unha das vantaxes do Son da Lameira, -até onde sabemos só compartida hoxe en día polo Revenidas-, é a de contar con 2 escenarios, co que entre banda e banda non hai respiro, e mentres algúns pedían o enésimo bis aos do Barbanza, xa os Vacalouras comezan o seu espectáculo no escenario MalaHerba Rock. Sinceramente, tiñamos curiosidade por ver como funcionaban nun palco e diante de máis de mil persoas, pois só os miraramos tocar en recintos máis pequenos e con menos seareiros. Pensabamos, inxenuos de nós, que toda a súa provocación se podía diluír nun ambiente así, que lles podía entrar algo de medo escénico. Erramos de vez. E tan só velos saír a tocar ataviados coas roupaxes máis estrafalarias que un poida imaxinar xa sentimos que nós iamos trabucar. É verdade que por momentos non soaron alá moi ben, mais tamén é certo que buscan a festa e a provocación e non o virtuosismo. Partindo destas premisas, evidentemente acadaron o obxectivo. O público pasouno ben, coreando incluso os temas máis coñecidos da banda, e por se non fora provocación abonda a posta en escena inicial, -camisola de Gora ETEA incluída-, a vestimenta imposíbel do convidado que saíu acompañalos nun par de temas, Juan de Liska, puxo o ramo.

{artsexylightbox picasaUser="108444696226697831003" picasaAlbum="vacalourasnosonsdalameira"carousel="true" carousel_visible="4"}{/artsexylightbox}

Despois chegou xa un dos pratos fortes da noite. A única banda estranxeira, La Gran Orquesta Republicana, veteráns que demostraron ter aínda moito tirón pois sen dúbida a súa actuación foi o momento en que máis xente accedeu ao recinto, con máis de 3.000 persoas ateigando o torreiro, que se volvía sufocante por momento baixo a carpa que decidiu manter malia as previsións meteorolóxicas, -para nós, un erro-, a organización. Comezaron fríos, malia a chiscadela inicial do cantante que recoñeceu ter nado en Vigo, se ben por casualidade. Semellaba sentírense estraños, como convidados de pedra no Sons da Lameira. Perderon fol nos últimos anos e a formación reducida, -batería, baixo, guitarra e trombón de varas-, impón novos arranxos para os temas máis coñecidos, dos que tiraron no comezo para tentar enganchar. Curiosamente, algún que outro cruzamento de ideas, botellas de auga e palabras con parte dos seareiros, -que parecían querer convencelos de deixaren as súas conviccións anarquistas por un medio ou outro e gañalos para a causa independentista-, encirrounos de vez e fíxoos encarar a parte final do seu directo, -colaboración de García MC incluída-, con bastante máis enerxía.

{artsexylightbox picasaUser="108444696226697831003" picasaAlbum="lgorsonsdalameira"carousel="true" carousel_visible="4"}{/artsexylightbox}

In extremis, cando xa había quen dubidaba de que fosen tocar, apareceron os Labregxs do Tempo dos Sputniks no outro escenario. Estes si verdadeiramente anarquistas, -e non só na teoría, como LGOR, senón tamén na praxe e incluso no peor sentido do termo-, comezaron tarde e remataron apagados polo concerto dos Keltoi que comezaron tocar, non sabemos se foi cousa dos do son ou que aconteceu-, mentres o Leo aínda encaraba un tema no outro escenario. Pagaron o feito de non comezar a tocar inmediatamente despois de rematar LGOR e de non contar con tantos seguidores como esta banda e os que viñeron despois deles, Keltoi, e así moita xente aproveitou para tomar un descanso mentres eles tocaban. Non foi o noso caso, e a verdade é que gostamos do que vimos. A unión entre a forza creativa e transgresora do Leo, o hiphop fluído de García e o acubillo que lles dá a ambos Lydia Bolboreta con acordeón, primeiro, e batería despois fai dos Labregxs unha das formación máis interesantes do panorama galego actual. Iso si, nunca serán unha banda de masas, pois a súa proposta pode serlle e soarlle estraña, mesmo indixesta, a moitas persoas. Para os membros de GZmúsica que fomos até Matamá non o é. Xa gustabamos do traballo do Leo en solitario, e encántanos escoitar as súas cancións no novo formato que lle imprimen os Labregxs. Outro tanto, aínda que quizais non tanto, acontece coas de García MC, pois xa de partida dan pé a menos modificacións, polo que sorprenden menos nos Labregxs malia soaren tamén ben.

{artsexylightbox picasaUser="108444696226697831003" picasaAlbum="labregosnosonsdalameira2013"carousel="true" carousel_visible="4"}{/artsexylightbox}

E para rematar, Keltoi. Posta dupla de honestidade, punk-rock e incluso unhas pingas de retranca dedicada a republicanos e persoal de seguridade que, de todos os xeitos, a nós nos soaron un chisco a baza fácil diante dos seus incondicionais, non o podemos deixar de dicir. Porén, os vigueses non enganan a ninguén e deixan claro quen son, que fan e de que van. O seu é o punk-rock cargado de crítica ao sistema neofascista no que vivimos e a proposta foi do agrado tanto dos seus seareiros, -varios centos que formaban un pogo infernal, máis por calor ca por intensidade, na parte dianteira-, como aos que ollaban o concerto desde a retargarda. Percorrido por todo o seu repertorio e sentidas lembranzas ao grande ausente da noite, o veciño de Matamá e amigo da banda e de moitos dos que nos atopabamos entre o público, Manolo Matamá, falecido traxicamente apenas unhas horas antes.

{artsexylightbox picasaUser="108444696226697831003" picasaAlbum="keltoinosonsdalameira"carousel="true" carousel_visible="4"}{/artsexylightbox}

Texto, vídeo e fotos: Lavesedo

{fcomments}

Vindeiros concertos

811304409_2294471158032466_5850236406160331118_n.jpg }25 Out 2026
A Pedreira + Beautify Junkyards
Teatro Colón - A Coruña
828392525_1507169507838680_1591961306741483531_n.jpg }25 Out 2026
Anxo Araújo
Krazzy Kray! - Cambados
834360154_1753198923476594_7467849745056626010_n.jpg }25 Out 2026
10:00AM -
VII O Son da Gaita
Pazo Besada - Poio
825292512_1403439681947818_5337116742516565110_n.jpg }25 Out 2026
12:00PM -
Mercado de Artesanía e Produto Local
A Arca da Noe - Vilar de Santos
825325247_17888000316682326_1337381658359308050_n.jpg }25 Out 2026
07:00PM -
As Darbukas Dacolá
O Adro - Cangas
825328425_1849953423408606_2192198202431545320_n.jpg }25 Out 2026
08:00PM -
Sumrrá
Casa das Crechas - Santiago de Compostela
839157800_18348525814268419_3961946061528077243_n.jpg }28 Out 2026
10:00PM -
Banda das Crechas
Casa das Crechas - Santiago de Compostela
703131652_18531464947075076_602153652775660309_n.jpg }30 Out 2026
XXI Castañazo Rock
Chantada
830436858_1724598499675369_1681460389390176096_n.jpg }30 Out 2026
06:00PM -
Pakolas
Biblioteca Municipal - Ordes
825325247_17888000316682326_1337381658359308050_n.jpg }30 Out 2026
10:00PM -
Lacón sin Jrelos + Satenta + Youcanthide
O Adro - Cangas