Volveu o Rebumbio. Desde a autoxestión e o traballo en man común, a xente máis bulideira de Mos volveu encher o monte do Rebullón de boa música. Este ano, o Rebumbio celebrouse conxuntamente coa Festa do Monte dos comuneiros da parroquia de Tameiga, e desde o venres 30 de agosto até o domingo 1 de setembro houbo música e festa no Parque Forestal. Estivemos alá a sexta-feira, a ollar os concertos de Chotokoeu, Ulträqäns e Os Vacalouras. Aquí tedes crónica, fotos e vídeo do que alí houbo.

Subín ao Rebullón o venres, na xornada do Rebumbio deste ano (sábado foi o Serán do Monte e domingo a Festa do Monte polos que pasaron o Cé Orquestra, Fanfarria Taquikardia ou Os Veraneantes), co concerto do Leo i Arremecághona a piques de rematar. A organización cumpriu os horarios con apenas media hora de atraso e, cando isto pasa, as que saímos tarde de traballar adoitamos perdernos o primeiro grupo. Porén, non quedei sen o Leo, pois aínda lle botou un par de pezas cos Vacalouras. A verdade é que había unha noite ben boa, e malia moit@s andarmos de principio abrigadiñ@s, logo sobraba a roupa toda. Ou case.

E iso que ao Rebumbio lle pasou como a moitos outros festivais este ano e tivo menos xente que outros anos. Apenas Revenidas ou Malaherba, -dos que agora lembro-, mantiveron os números doutros anos mentres que noutros, grandes e pequenos, se notou un baixón de arredor dun 20-25% de público. Porén, no cumio do Rebullón, acarón do vello psiquiátrico e das novas autovías, o ambiente era o da Galiza Tropical. O das verbenas. E os suadoiros e as cazadoras ían desaparecendo mentres avanzaba a noite. Moita culpa disto, -a que non lles corresponde ás e aos camareiros que enchían a plan os vasos de LK-, tivérona a Fanfarria Taquikardia primeiro e Chotokoeu despois, coas súas propostas netamente festeiras. A Fanfarria demostrou táboas no labor de manter o ambiente a ferver nos cambios de grupo. Afortunadamente, a maioría de festivais evita xa os paróns entre grupos, -cando non monta dous escenarios como os devanditos Revenidas e Malaherba-, con actuacións de charangas ou solistas que, cun equipo mínimo ou a pelo, son quen de achegar os mellores momentos dun festival. Uns deles son esta taquicárdica fanfarria que entre Balcáns, Tarantino e Tradición puxeron a bailar o torreiro nos 2 primeiros cambios de grupo.

Despois de a Fanfarria acabar o primeiro pase, saíron ao escenario Chotokoeu. Teño que confesar que levaba tempo sen os ver e a banda mellorou o seu directo, que se percibía máis rodado que antano e que por riba non perdeu un chisco da  súa enerxía enriba dun escenario. Ou abaixo, como mostran con Patxaranga. O asunto é que deitaron 90 minutos de tralla, con apenas un par de respiros, e souberon conectar co público. A xente baila, entralles no xogo e pásao ben, aínda que as máis roqueiras coma min botamos en falla unha miga máis de mala hostia musical. E iso que camiñan polo ska, o rock e a música balcánica, pero eu quedo cos trallazos funk que botan aquí e alá, síntoos máis contundentes.

Deseguido, segundo pase da Fanfarria e os Ulträqäns ao escenario. Apresentaron en Mos a formación de cinco membros coa que están a xirar desde comezos do verán e que tamén está a gravar o segundo disco ulträqänido. Ao esqueleto rítmico do tándem Amil&Díaz e as frautas e gaita de Bouzón unénse agora a guitarra de Seoane, -entrou na formación tras a saída de Tino Vilaro-, e o engadido do saxofonista Pablo Añón. Gustei deles máis ca no Revenidas. Daquela andaba baixa de forzas e os Ulträqäns non son pataca miúda. Desde logo, non aptos para as delicadas de espírito, que poden rematar esmagadas no muro de son que constrúen por momentos. De feito, entre os seus seareiros máis fervorosos andaban os de Carnelao -denantes mortos que veganos- e algún outro ultravitaminado que case leva os valos para a casa.

Para rematar, Os Vacalouras. Disfraces, globos, retranca e...música, pois os de Teis son outro grupo que cada día vai a máis e soa mellor ao vivo. Non me pareceu sentirlles ningún tema novo e aínda que xa me cadrou velos este verán 3 ou 4 veces cun concerto moi semellante, volvín gustar do seu directo. A mestura punk, irreverencia e retranca adoita funcionar e máis cando a parte musical vaise aperfeccionando. O público sábelles as cancións, -notouse que eran da comarca-, e o show furrula cada vez mellor, polo menos nas Rías Baixas. Fáltalles dar o salto definitivo e saír tocar máis polo país adiante, pero Os Vacalouras xa son unha banda consolidada que de seguro vai dar moito a falar nos vindeiros anos.

Faltábanlles 2 ou 3 de temas aos Vacalouras cando decidín marchar. Sentino por perderme ao Hadri Hache pero unha xa non cumpre máis os vintecinco e o venres pesaba moito no corpo. Iso si, o bo do Rebullón é que está ao carón de Vigo, así que en 15 minutos na camiña.

Por certo, aquí están as fotos que demos feito no Rebumbio:

Chotokoeu e Ulträqäns

Os Vacalouras

Texto: Saínza Murias

Fotos e vídeos: Lavesedo

{fcomments}



Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.