Os d'Abaixo comezan unha campaña de concienciación cidadá para que a música galega estea presente en todas as festas do país. Formulan unha serie de medidas a realizar entre músic@s, programador@s e cidadanía en xeral para traballar en colocar de volta a música galega no sitio que merece en todos os torreiros das festas. A páxina que abriron no Facebook para publicitar a campaña superou as mil cincocentas adhesións en apenas 24 horas. Le aquí o comunicado colgado nas redes sociais.

A música galega dá síntomas a cada paso de estar máis viva ca nunca. Xa o evidenciou coa emerxencia de ducias de grupos nos últimos anos, co artellamento de parte do tecido asociativo festivaleiro na FEGAFE ou co fito histórico dos Premios Martín Códax da Música, que precisamente escollen esta noite en Compostela as propostas gañadoras nas distintas categorías. Por iso, é lóxico que reclame o lugar que merece, nos medios de comunicación pero tamén nos torreiros. Vai sendo hora de moverlle -sequera un chisco- os marcos a esas mafias que manexan o negocio da música. Eses que pretenden decidir o que temos que escoitar ou o que temos que bailar.

Todo o noso apoio a campaña Ningunha festa sen música galega!!  

 Eis o seu comunicado: 

A MÚSICA GALEGA TEN QUE ESTAR NAS NOSAS FESTAS

 

Os d’Abaixo inician unha campaña de concienciación cidadá para que non haxa ningunha festa en Galicia sen música galega.

 

En Galicia temos 3.778 parroquias. Unha boa parte delas fan dúas festas ao ano, ademais de romaxes, festas tradicionais, gastronómicas e outras. Non é errado estimar en máis de 6.000 as festas que se fan anualmente no país, tirando baixo. A maioría son amenizadas en exclusiva por orquestras de “pachanga”, distribuídas por unhas cantas empresas que monopolizan a contratación e moven millóns de euros cada ano.

A música feita en Galicia e en galego ocupa unha mínima parte destas celebracións. A presión dos medios galegos –especialmente da TVG- que promocionan sen descanso a estas orquestras ao tempo que ignoran a diversidade e riqueza das nosas músicas, a moda que se impón con estas prácticas e os procedementos de programación e contratación habituais relegan á música galega a un papel marxinal que non podemos dar por bo e aceptar como normal.

Os d’Abaixo estamos a iniciar unha campaña para que a nosa música teña máis protagonismo nas festas e para que non haxa ningunha festa en Galicia sen música galega. Facemos un chamamento aos concellos, asociacións, empresas, bares e tabernas, locais de copas, entidades públicas e privadas, organizacións, grupos e solistas, ademais de a toda a cidadanía galega, para apoiar a nosa música en todas as súas manifestacións, para non calarnos e para promover unha mudanza desta situación.

Propoñemos:

1. Non colaborar economicamente con ningunha festa que non programe algunha actividade musical galega. Hai que demandarllo á comisión de festas cando veña pedir polas casas ou solicite axuda das empresas e os negocios particulares.

2. Dar a máxima difusión a esta campaña: nos medios, nas redes sociais, en Internet e de calquera xeito ao noso alcance.

3. Manifestar publicamente a adhesión a esta causa e ser consecuentes, favorecendo na medida das posibilidades de cada quen a contratación de música galega nas festas de cada lugar.

Hai que deixar claro que estas accións non van contra ninguén. Non pedimos que desaparezan as orquestras nin que se deixe de contratalas. Simplemente, reclamamos un lugar nunhas festas que teñen que deixar de ser o monopolio de catro empresas que fomentan unha música allea ao país e uns espectáculos que non nos representan nin no aspecto musical nin tampouco no cultural.

Mentres a estas orquestras se lles pagan cantidades astronómicas, aos músicos do país négaselles unha retribución minimamente digna. Sirva como exemplo a oferta que nos fixeron hai uns días aos d’Abaixo para dar un concerto no mercado de nadal da Quintana, en Compostela: cun presuposto total de 130.000 €, ofrécennos… 300. Asi está a situación. Lóxicamente, desta volta a Quintana terá que agardar.

Este chamamento tamén vai dirixido aos programadores/as para que contraten directamente cos grupos e saquen do medio a eses “empresarios” que por coller un teléfono encarecen os concertos de xeito inaceptábel. Ao tempo, manifestamos o noso respecto por aquelas contadas empresas de contratación que traballan seriamente e ofrecen servizos que fan máis doada a organización de actuacións, cobrando xustamente polo seu traballo.

Para rematar, un exemplo que fai proba. Non ten nada de especial, coma este hai milleiros, sendo a norma en case todo o país a dia de hoxe. Son as contas das festas deste ano feitas públicas e repartidas estes dias entre os veciños de Cacheiras-Teo, concello onde viven varios membros dos d’Abaixo. A música galega, neste caso baixo un único epígrafe de “gaiteiros”, leva o 2% do orzamento total adicado á música. Aparte disto, nada máis. O resto son orquestras. Ista é a situación que imos tentar mudar coa axuda e a complicidade de toda a cidadanía galega.


Orquestras: 37.524 € / Gaiteiros: 650 €

(Fonte: documento de contas da Comisión de festas)

 

Sen a participación do pobo galego a nosa cultura esmorecerá

Ningunha festa sen música galega!!

{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.