O pasado venres 1 de xullo estivemos en Sabucedo, a gravar no Rapasons o que vai ser o cuarto programa desta 3ª temporada de GZmúsica TV. Volvía o festival de Sabucedo despois duns anos de parón, cun cartaz ben atractivo: Xabierz Díaz&Adufeiras, Sés, Ataque Escampe e Cuchufellos. Para alén de entrevistar as bandas e gravar un pouquiño tivemos tempo para bailar, comer churrasco a fartar e de paso tirar unhas fotiños -o Lavesedo- e facer esta pequena crónica -a S. Murias- do que por aló houbo. Pasen, lean...e miren!

Comezou a temporada festivaleira 2016 e eu decidín encetala pola porta grande: Sabucedo, Rapa das Bestas. Alí fun, camuflada entre os meus compañeiros que ían gravar un programa de TV e por alí estiven, agachada entre o churrasco e os cowboys. A Rapa é unha festa brava, na que mentres lle metes o dente a calquera cousa -e hai moitas nas que trabar- che pasa unha manda de cabalos desbocados que che deixan a cabeza tola. Tamén hai algún machito deses que confunden ser bravo con ser parvo, mais unha xa está afeita a atopalos nos festis de praia, nos garitos alternativos ou na cola do súper, así que tampouco nos estrañamos xa de encontralos onde for. Ah, e unha cousa antes de botarme a falar do festival: veganas, abstéñanse de ir. Aquilo é unha bacanal de churrasco, polbo, callos e incluso carne de poldro que non poderán soportar os vosos corazonciños febles.

Aterramos en Sabucedo o mesmo venres á tardiña e o primeiro que nos sorprendeu foi a moita xente que xa andaba por alí acampada e a morea de leira-parkins que se ían enchendo paseniño de vehículos. Semellaba que ía haber moito público e de feito hóuboo, se ben non todo lle foi botar unhas pezas no Rapasons. Hai quen vai tomar unha tapa e un viño polas ducias de bochinches montados e apenas escoita de lonxe algún dos grupos. Resérvanse para as orquestras, que toman o torreiro -fermosísimo- a noite do sábado. As primeiras en saír ao escenario foron as Adufeiras de Salitre mais o Xabier Díaz. Nunca escoitara aínda a nova proposta do Xabier ao vivo e tamén recoñezo que non son eu moi folqui, mais non sería xusto agachar que Díaz e compaña deron un concerto estupendo no que repasou completiño -segundo me chivaron- o "Tambourine Man" que tan ben lle está a funcionar. Ah, e para que rabeen os cosmopaletos, Díaz e as adufeiras saíron pitando da que acabaron o concerto pois tiñan actuación ao día seguinte en Bélxica. O noso, coma sempre, a rachar coa pana por aí adiante e aquí medios e gobernos a velas vir.

Despois de Xabier veu Sés. Tampouco son moi fan dela -vale, recoñezo que non son fan máis que de punkarradas varias- pero o que non se lle pode negar á da Coruña é que o dá todo no escenario e que arrastra unha lexión de seguidoras que xa quererían para si moitas bandas. Lingoreteira, brava, ecléctica, Sés cumpriu o guión e satisfaceu as persoas que foron alí só por mirala. E foron moitas, pois notouse ben a desbandada ao acabar ela. O público coreou "Tempestades de sal" ou "Non son fada", riulle as grazas, transmitiulle enerxía e houbo un chisquiño de catarse por vía musical, alí, entre carballos, boleros e arrecendo a churrasco. Por non botarlle flores sen máis, indicar que xa nos imos cansando un pouco -igual só nos pasa ás menos fans, claro- dos mesmos temas. Xa sei que Tronzar os valos ten pouco tempo, pero queremos xa temas novos! 

Acabar Sés, marchar boa parte do público e saír Ataque Escampe foi todo un. Ai, as miñas Ataque Escampe! Non as mirara ao vivo desde o cambio de cantante e o que vin veu confirmar as sospeitas que tirei do seu Bandcamp. Tocar tocan "a dios" agora, onde quedou o rock de serie B!!, mais a conexión co público foi nula. As que quedaron no torreiro moi logo comezaron a formas "corrillos" e falar, alleas ao que acontecía no escenario. Apenas o Xurxo Souto -que exerceu de mestre de cerimonias- e unha ducia máis de seareiras estiveron atentas ao concerto. A nova voz decántaas cara a un pop máis convencional, menos canalla e moito máis previsible, ao que tamén axuda a mellora nas cualidades interpretativas dos músicos ou a entrada do novo batería. Pero non lle chegaron á xente e  a cousa rematou entre o desleixamento global e a promesa do grupo de volver "dentro de 20 anos" por alí. E o peor, ao día seguinte no Hío a cousa foi igual segundo me contaron as veciñas que foron velos.

Rematou a noite cos Cuchufellos. O público tiña ganas de bailar e triunfou o chunda-chunda gaiteiril dos de Maceda de Trives. Por certo, señor alcalde baixista, vai sendo hora de lle mudar o nome deturpado ao seu concello. Xira de despedida dos da montaña, que levan 20 anos gatillando torreiros varios de toda índole. Non se saíron do guión e puxeron a bailar novas e vellas, as primeiras ao solto e as segundas ao agarrado. Festa, ánimos a Plutón e cantata ás vellas de San Pedro. O esperado dunha xente que malia non ser profesional semella selo. Quedamos con moitas ganas de ir á Rebusca deste ano, onde van dar o seu derradeiro concerto. Vai tremer o macizo todo!!  

Despois tocou ir durmir na furgo con sumo coidado de non levar un agasallo en forma de pisada dunha merda de cabalo para dentro. Durmimos ben, na sombra dos carballos e cos centos de tabáns que alí había respectando a nosa pel, así que pola mañá todo foi erguerse e ir almorzar...máis churrasco, polbo e callos, regados cun bo viño con gasosa! Paraíso das carnívoras coma min, Sabucedo presta mil xa só polo feito das paparotas que te podes meter alí. E se, ademais, a Fanfarria Taquikardia amenízache o almorzo...por riba do mel, filloas!!! 

Así foi a nosa aventura pola comarca de Tabeirós, quedamos con moitas ganas de repetir para o ano!!

TEXTO: S. Murias

FOTOS: Lavesedo

{artsexylightbox picasaUser="gzmusicaweb" picasaAlbum="6304951353645870417"}{/artsexylightbox}

{fcomments}


   


Vindeiros concertos

469077758_10228832800226350_1390659224882485866_n.jpg }05 Dec 2024
David Regueiro Trío
Vitruvia Café - Vigo
468397678_1118889186622796_4808253067514913950_n (1).jpg }05 Dec 2024
Foliada da Fonsagrada
A Fonsagrada
}05 Dec 2024
07:00PM -
Maravallada e Banda de Música de Pontevedra
Praza de España - Pontevedra
468392419_1121638636631074_7649405687349782681_n.jpg }05 Dec 2024
07:30PM -
Ponte na Foliada
A Ponte Nafonso, Cando (Outes)
fulmine.jpg }05 Dec 2024
10:00PM -
Fúlmine + Proyecto Paralelo
Contrabajo - Vigo
468334077_1172995044276109_4038510889853536103_n (1).jpg }05 Dec 2024
10:30PM -
Belém Tajes
Club Clavicémbalo - Lugo
464367914-1083173960484336-5526670485185719009-n.jpg }06 Dec 2024
Comarea
Muxía
469325328_1082224587246668_3759229998996388445_n.jpg }06 Dec 2024
Festival Ilustracion-Arte
Ferrol
468397678_1118889186622796_4808253067514913950_n (1).jpg }05 Dec 2024
Foliada da Fonsagrada
A Fonsagrada
malheira.jpg }06 Dec 2024
Frakture + Malheira + Txuvasko
Auriense - Ourense
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.