O mes de agosto adoita traer escollas complicadas. Marisquiño ou Castelo? Pardiñas, Zas ou SonRías? Nesas e noutras dúbidas existenciais debatémonos na redacción de GZmúsica a primeira fin de semana deste mes. Non nos dabamos posto de acordo así que optamos pola solución salomónica: Ti a Boston e eu a California, ou o que é o mesmo, andamos por Bueu e por Guitiriz gozando coas propostas -ben diferentes- que se ofrecía eses días. Primeira entrega, o SonRías. A viaxe do C. Gende até o Morrazo para vivir a edición do festival de Bueu e de paso atoparse co Xabicas, que fixo unhas fotazas como acostuma.

Volta ao Morraso, ese lugar que non é illa polo anaco de terruño que o une a Pontevedra. Ese lugar que para moitos é a illa na que illarse da xungla de asfalto da que escapan para afundir os pés na area das súas praias. Para algún coma min, esta fin de semana era ese lugar onde facía 10 graos ou máis por riba da temperatura da miña casa. Estaba desexando voltar namáis deixei atrás o aire acondicionado do tren pero quedaban por diante tres dias de festa que cun calimocho ben frío se poderían aguantar. O festival SonRías Baixas deste ano anunciaba grandes bandas para encher a vila de Bueu como se nesta época estival non estivese xa ben cuberta polos "jodechinchos", verdadeiros grupis que apostan todos os veráns polas terras do Morrazo. E así foi que estes fillos adoptivos puideron aproveitar a entrada gratuíta do xoves de festival para poñer no seu currículum algo de cultura musical sobre a liña antes reservada as panoramas e parisdenoias e xunto a que fala "experiencia en gastronomía" e "chiringuitos que visita habitualmente".


Xoves ás 23h e cunha afluencia coa que posiblemente a organización non contaba, comezaba Gato López, banda tributo que fixo que @s asistentes voltásemos a cantar as cancións máis coñecidas de SKA-P. Entoación grupal dos retrousos, bo ambiente e temperatura, vasos con cervexa que voaban polo aire nalgún momento de emoción formaron parte deste concerto onde os compoñentes da banda sacaron a espiña que tiñan pola cancelación de hai dous anos do festival onde a banda raíz ía actuar. Unha mirada á mesa de son e vela chea de pó doeume máis que ver os meus zapatos, e iso que non era miña. 

Algo que se fixo notar tamén esa noite foi a grandísima nube de pó que se formou e que envolveu a tod@s dentro da carpa e que previa un fin de semana horríbel nese sentido, pero a organización amañouno perfectamente para os días seguintes poñendo unha moqueta na que se podía andar en zapatillas e que os jipis aproveitaron para andar descalz@s. Remata o concerto e dende o son poñen Lendakaris Muertos, a xente volta a entoar as gorxas nos retrousos de Ojeras Farloperas como premonición do que pasará no festival ao dia seguinte. Aproveitamos para retirarnos do recinto de maneira pacífica e sen roñar, a xente xa saben que ese foi o único e derradeiro concerto da noite e posiblemente o alcohol aínda está comezando a facer efecto, así que é momento de aproveitar para dar ganancia nos bares da vila.

Xa é venres pola tarde, quen apurou colleu praia, quen non ten resaca pode aguantar a calor sen que se lle caia a alma ao chan. Pobres que van aínda a montar a tenda de acampada pensado que igual queda algo de sombra. Esperas na porta do supermercado debaixo da sombra que proxecta un toldo recollido. Xa imaxinades. E Bueu tomado por unha orda de festivaleir@s facendo toda a burocracia previa ao comezo dos concertos. Para a xente que entrou con tempo, unha consumición refrescante por conta da organización, detallazo!. Eu debín levar das últimas pois tamén entrei para o remate de Chotokoeu! Dixéronme que a xente estaba moi volcada co grupo e non esperaba menos. "Grupo galego colocado ao comezo dos concertos para quentar o ambiente", podereino ver como unha falta de respecto que máis seguro que non houbo pero do que si que non dubido e da calidade deles para facer ese traballo, e a noite comezou ben quente. Continuou La Gran Pegatina que inaugurou o seu "bolo" cun comezo máis propio dun final. Confeti e VJ cun gran videowall acompañaban un directo movido e moi bailable onde foron varias as voces que apareceron. Destacar a La Canija polo súa conexión con Bueu e o Aturuxo e a Pipo Ti, cantante de reggae co que tiven a oportunidade de cadrar nun ReggaeBoa. Para a miña sorpresa unha canción en galego e  que tiña por tema o Lacón con Grelos aínda que a xente alzaba máis ben os licores cafés.
Cambio de estilo musical e algún cambio no "tipo" de xente. Lendakaris Muertos tardaron en facer o cambio pero a xente aguantou e cantou a pesar de que non é que o son fose malo, pero a intelixibilidade do conxunto si o era e ao non saber as letras, apoiábame no público para saber o que dicían dende o escenario. Fixeron unha referencia ao Xabarín Club o cal tamén fixo o grupo seguinte, e non ía ser menos, Heredeiros da Crus e o Porco Bravo van collidos da man. Público moi entregado ao "sabor" dos de Ribeira que incluso e na súa liña, alongaron o concerto uns temas máis. Cerran a noite La Sra Tomasa e o son electro latino devolven o escenario á xente que prefire menos cantos e máis bailes. Son salsón para uns, dubstep con caña para outros e así contentos tododiós.

Sábado, horror, calzóns pegados ao cu. Quería voltar para a Cochikeira, que aínda que cheire polo menos... Volteille fallar aos grupos galegos encargados de abrir o festival. Comentáronme que o grupo local, os buenenses non o podían poñer máis fácil The Skarnivals, estiveron ben arroupados polos da casa. Xa lle expliquei a un dos compoñentes que o concerto me colleu na praia así que supoño estarei medianamente perdoado, é unha cuestión climática e os meus baixos necesitaban de algo fresco. A continuación montaron chiringuito os de Soziedad Alkoholika. A cantidade de pantallas de amplificación botoume para atrás, algúns comentaban que igual a metade estaban desconectadas, que se postureo... Eu lonxe de sabelo só pensaba na relación consumo eléctrico/aire acondicionado e case prefería isto aos decibelios, pois botei de menos de novo escoitar con claridade as letras e temáticas que na maioría das canción comparto ideoloxicamente. Gran cantidade de seguidores coas súas camisetas apoiaron o concerto dos vascos. Boikot rompe o o silencio de entre grupos cos solos de batería e demais instrumentos. Supoño que sen probar son e facendo un chequeo das liñas, amenizaron con algunha instrumental de Rosendo ao que o público ser uniu a cantar. De novo unha pantalla de LEDs, desas como as que puxeron de moda as grandes orquestras do país pero con contido e non só cun cutre salvapantallas de windows, acompañaba con imaxes o tema do momento. Lonxe de caer en tópicos, o momento foi para unha canción que trataba sobre a violencia de xénero. Por fin subiron elas e agarraron micrófono, cona!, as colaboracións femininas rompían puntualmente a monotonía masculina de todo o festival. Creo non me equivoco moito se digo que só pisaron ese escenario estas colaboradoras ademais de  Marta de Chotokoeu e La Canija de La Gran Pegatina. O concerto máis cantable (para quen soubese as letras, claro) foi para La vela puerca. O único grupo que veu dende fóra da península compaxinou ben cancións máis relaxadas con outras máis ska e fixo que os asistentes se sumasen en coro a acompañar os temas máis melancólicos e emotivos. Subía o licor e o festival ía cara ao final. Acórdarme destas últimas horas, intentado previr equivocarme e inventarme cousas, cada vez é máis complicado. Cerraron o festival os Vendetta. Conxuntados cunhas vestimentas escuras, é dicir,  todos gentleman como bo grupo de ska; fixeron vibrar as derradeiras horas chegando a agarrar timbais con neóns de cores para facer unha batucada potente.

Ben, para @s que chegastes ata o final da crónica, espero fose un resumo fiel ao evento e ao licor café. Non contei intimidades porque non as recordo. Que pasedes un bo resto de verán, que festivais aínda quedan ben deles!

FOTOS DO SONRÍAS 2016 (XABICAS)

{artsexylightbox picasaUser="gzmusicaweb" picasaAlbum="6319012565784983169"}{/artsexylightbox}


Crónica: c.gende.
Fotos: Xabicas

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.