Agosto remata e temos aínda un feixe de cousas que contarvos dos moitos festivais que visitamos nese mes. Comezamos polo principio, coa crónica e mais as fotos da primeira xornada do Festival de Pardiñas deste ano. Até aló foi o Lavesedo a botar unhas pesas coa música da Banda Crebinsky, Anxo Lorenzo Band, Rare Folk e Liviao de Marrao.

 A concentración festivaleira comeza a facer estragos no país. Nos mapas de festivais de verán que viñemos publicando en GZmúsica desde xuño podedes localizar máis de 100, distribuídos heteroxeneamente polo país. Maioría esmagadora das comarcas costeiras de Pontevedra e da Coruña, incluso Lugo, fronte a un interior que vive o seu momento de esplendor festivaleiro –Castañazo, Candeloria, Rebusca, etc- na temporada de outono-inverno. E, claro, o verán conta apenas cunha ducia de fins de semana polo que, cada vez máis, nos quedan atrás citas “imprescindíbeis” das que non hai máis remedio que prescindir. Exemplo claro foi a primeira fin de semana de agosto con, entre outros, o SonRías Baixas, a Carballeira de Zás e Pardiñas a celebrarse asemade. Tocou tirar os dados e escoller. Destino Pardiñas.

Parte do equipo gzmusiqueiro estaba de vacacións nos Balcáns e outra parte choiando, precisamente nalgún deses festis, polo que recorrín ao facebook para facer unha chamada de auxilio e atopar compañeirxs para marchar até Pardiñas. A resposta chegou de parte de dúas brete-mosas que se apuntaron á viaxe. Así que, en equipo de tres, saímos para Guitiriz. Camiño entretido, parolando de moitas cousas, até a chegada a Guitiriz e ao xa clásico controlazo da benemérita na vía de acceso a Pardiñas. Pasámolo sen moito problema, que somos xente honrada e sabemos agachar as ilegalidades, e instalámonos nunha das veigas dispostas para a acampada.

Pardiñas é un festival diferente. A xente non vai mirar a este ou esoutro grupo, senón que vai a Pardiñas sen importar moito ou pouco quen toca alí. Poucos festivais –e todos enfocados ao folc e á tradición- poden presumir de ter mellor cartaz de seu do que as propias bandas que van tocar e aínda que a proposta deste ano para o sábado –Bloquinho, Crebinsky, Anxo Lorenzo, Rare Folk e Liviao de Marrao- era ben interesante, recoñezo que eu, coma moitas, fun a Pardiñas, sen me preocupar moito dos grupos. Iso si, quedoume pena de non ver os Fullset que tocaban domingo.

Despois de parolar con amigxs, visitar postos de artesáns, colectivos,…, e cear, chegamos ao torreiro para ver a Banda Crebinsky. Volvín miralos esta pasada fin de semana en Combarro, no Armadiña, e aquí confirmaron o que aló –en Pardiñas- xa deixaron albiscar. A entrada de Sergio Zearreta dálle un aire novo a unha banda que, na miña opinión, pecaba de ofrecer máis virtuosismo ca empatía até a altura. E iso que no festival de Guitiriz non deron conectado coa xente como fixeron en Combarro. No concerto debullaron temas do disco que están a piques de publicar, Zirkus Affe, moito máis enfocado á festa ca o anterior, con temas cantados en galego e castelán. Desde logo, grupo a ter en conta para o vindeiro verán festivaleiro.

Baixaron os “peliculeiros” Crebinsky e foi a quenda de Anxo Lorenzo e banda. Bandaza, sería mellor dicir, cun Eoghan Neff sobresaínte, e unha proposta máis que acaída para un festival como Pardiñas. Xa tivera a ocasións de velos ao vivo en Vilariño e seguen a presentar unha proposta infalíbel para esta caste de festivais: ritmos celtas, interpretados cunha calidade fóra de serie, e sen moito acougo para pezas lentas. Isto é, convite continuo ao baile, ao aturuxo festeiro e á catarse folqui, que en Pardiñas é doada de acadar. Despois, xa con varios licores no corpo, aproveitei o concerto de Rare Folk para dar un paso atrás e gardar forzas para Liviao. Non foi algo premeditado, nin moito menos, máis os folquies sevillanos parecéronme fríos e non conectei con eles. Da que lle comín algo e mollei a palleta, tocou volver ás primeiras filas para gozar cos Liviao.

Pardiñas abriuse hai uns anos a bandas non-folquies para fechar a noite de concertos. Así, Dios Ke Te Crew ou Nao –se a memoria non falla- xa pasaron pola carballeira de Pardiñas. Fixérono moi ben, como é habitual nesas dúas grandes bandas, mais o neo-bravú dos Liviao entroulles(nos) mellor no corpo, penso, ás persoas que aguantamos até o final este ano. Tampouco vou negar que licores e herbas varias xa nos levaran a moitas a un estado de euforia ben interesante, pero o vídeo que gravou Grandío do Galiñeiro Escuro mostra que non todo fora esaxeración etílico-alucinóxena.

 

A calor inaturábel do domingo devolveunos á crúa realidade, e as obrigas co capitalismo pendentes para o luns a primeira hora fixo que marchásemos sen sequera botar unha ollada ás bandas da segunda xornada. Queda riscado para o ano no almanaque.

{artsexylightbox picasaUser="gzmusicaweb" picasaAlbum="6325696100873055073"}{/artsexylightbox}

TEXTO E FOTOS: lavesedo


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.