115
Publicado o 2024-10-29

O dúo vigués de black metal melódico en galego Dioivo ten xa un novo videoclip, titulado “O rei”. Foi gravado o ano pasado no festival Extreme Division Mallorca, celebrado na cidade de Palma, no que o dúo compartiu escenario con bandas de metal tan destacadas como Master, Vidres a la Sang, Totengott ou Trallery. As imaxes foron gravadas por Tuco Martín, e editadas pola propia banda, acompañando a unha canción que foi incluída no seu último álbum Cara os Ceios Incrementes. Este traballo foi lanzado no pasado ano 2023 polo selo especializado grego Sleaszy Rider, e o concerto en Palma foi un dos máis destacados da súa xira de presentación, que os levou tamén por Madrid, Gasteiz, Sant Adrià de Besòs, Braga, Covilhã, Ferrol, Pontevedra ou A Coruña.

O Extreme Division Mallorca, organizado por Deathlight Music, é unha das datas máis sinaladas do ano para o metal das Illes Balears, e axiña celebrará a súa quinta edición. Esta contará con bandas como Fuck Off, Ingested, Voidwomb, Norsemen ou Barbarian Prophecies. Dende Dioivo sinalan que “participar no festival foi unha das mellores oportunidades da historia do grupo, polo que había que aproveitar a ocasión de plasmar o concerto nun videoclip agora que o festival vai celebrar a súa seguinte edición”. “Estamos inmensamente agradecidos á organización por contar connosco, polo que lles desexamos todo o éxito do mundo este 9 de novembro”, engaden.

Dioivo ten xa confirmadas varias datas nas que seguirá presentando en directo o álbum e o novo videoclip. O 18 de outubro estarán en Madrid, na sala vallecana A Trincheira, xunto aos locais Deriva e Lust. O 9 de novembro tocarán de novo no Tronkobar de Pontevedra xunto ao dúo catalán Urgila e o dúo galego Pladür. “Enseguida confirmaremos outros bolos en diferentes puntos da península antes de final de ano, nunca tiveramos tantas actuacións como nesta época e polo momento contamos con seguir mantendo o ritmo”, sinalan desde a banda.

Dioivo naceu en 2016 en Vigo, e dende entón lanzaron múltiples traballos discográficos. O seu EP homónimo foi editado no mesmo ano de creación da banda, seguido do álbum Dioivo II en 2019 e do EP Dioivo III en 2021. Cara os Ceios Incrementes, o disco ao que pertence este “O rei”, é o seu segundo álbum, e foi gravado no estudo DS Audio de Vigo polo músico Dany Soengas, membro de agrupacións como Atreides, Lardelúa ou Skydancer. O traballo incluíu tamén outros videoclips, como os de “Paranoia”, lanzado no pasado mes de xullo, ou “Ata o final”, lanzado en febreiro.

Cara os Ceios Incrementes destaca tamén por incluír diversas adaptacións de obras da literatura galega, que foron tamén lanzadas xunto aos seus respectivos videoclips. “Que importa que nos craven as cadeas” musicaliza o poema homónimo de Darío Xohán Cabana, e “Hai sede na Nova Galicia” fai o mesmo con Florencio Delgado Gurriarán, o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022. Ademais, os vigueses sacaron, en colaboración con Xosé Luís Méndez Ferrín, “Retorno a Tagen Ata”, unha musicalización da mítica novela do autor na que este participou coa súa propia voz, achegando as súas narracións ao tema.

No pasado ano 2023, a banda sacou así mesmo a súa propia homenaxe ao equipo da súa cidade, o Celta de Vigo, con motivo do seu centenario. “Por 100 anos máis” foi lanzada un 17 de setembro, aniversario do mítico xogador celeste Hermidita. “Foi unha canción moi especial para nós, ao estar dedicada ao noso equipo nunha ocasión tan sinalada, e quedamos moi contentos coa acollida que a xente lle deu”, afirman os vigueses. “Facer videoclips é unha das mellores maneiras de compartir a túa música o máximo posible, e por iso seguimos nesa liña agora con esta nova entrega”, apuntan.

Dende os comezos da banda esta está integrada por Daniel Valladares Otero á batería e por Jacobo Mouriño Almeida á guitarra e á voz, que coincidiran previamente no cuarteto de thrash metal fundado en 2011 Rust in Peace. Co seu particular estilo de música metal, sempre cantado en galego, deron máis de 70 concertos por Galicia e pola península, compartindo táboas con destacadas bandas de metal como Cobra Spell, Serrabulho, Toxikull, Sovengar ou Bloodhunter. Ademais, resultaron galardoados en dúas ocasións no concurso Xuventude Crea da Xunta de Galicia.

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.