Tres anos despois de Recuperar, o seu segundo álbum, Secho volta con "Parado no aire", nova peza na que Fanny & Alexander aportan a parte músical e audiovisual. O delicado pop acústico de Secho explora novas sonoridades da man de Fanny & Alexander na produción, ensanchando a súa tradicional fórmula enraizada na Americana polos vieiros dos arranxos do Chamber Pop e mesmo da electrónica máis minimalista. O autor de Dodro pon voz, versos e composición a unha canción cuxo significado foi mutando ao longo do proceso de gravación, en paralelo aos últimos acontecementos da xeopolítica mundial. O que naceu coma un tema intimista e persoal, artellada sobre a saudade e o baleiro do que fica vendo coma os seus seres queridos teñen que marchar, rematou calada até os ósos por unha realidade ante a que é imposible fechar os ollos. Un canto de laio e resistencia contra unha dor ante a que cómpre, en palabras de Bertolt Brecht, poñer a arte ao servizo da maior das artes: a vida en sí mesma.