1.3K
Publicado o 2023-06-05

Os países con alto PIB per cápita aprovéitanse da maior parte dos recursos naturais dispoñibles no noso planeta, que son, obviamente, finitos, para promover un estilo de vida baseado nunha economía que fomenta a produción de bens e o seu consumo en pos dun crecemento perpetuo. Canto máis se eleva a explotación de recursos e a produción de bens, maior é a cantidade de residuos xerados. Estes residuos son tratados de modo desigual segundo o territorio no que terminan e son os que menos culpa teñen deses excesos de consumo os que padecen as consecuencias. Os países con menor PIB per cápita convertéronse en grandes importadores de lixo proveniente dos países ricos. Nalgúns casos, nestes países máis do 90% do lixo acumúlase e/ou quéimase ao aire libre en grandes vertedoiros debido á ausencia de sistemas eficaces para a súa xestión. Alí, a cara máis amarga preséntana os máis de 15 millóns de recolectores informais de refugallos. A maioría deles son mulleres, nenos, anciáns, desocupados ou migrantes que viven entre e dos restos da sociedade, en condicións insalubres, con falta de protección social ou de seguro de saúde e cun estigma social persistente. Moitas veces fano a poucos metros do luxo máis obsceno. Algunhas medidas que se están levando a cabo reducen a cantidade de lixo e a contaminación xerada. Reutilizar e reciclar produtos ou utensilios minimiza o aumento de consumo e soluciona unha pequena porcentaxe do problema. Pero isto só son parches. A nivel global, debemos asumir que é imprescindible reducir o nivel de consumo actual e que é imposible continuar con este ritmo de xeración de lixo. É necesario reformar profundamente e reformular toda a cadea de produción e consumo, así como deter o estilo de vida devorador de recursos e xerador de residuos en cantidades que o noso planeta non pode soster. O momento de actuar é agora.

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.