324
Publicado o 2021-01-09

Vídeo musical do tema Freixo, tema que pertencen a "Botánica", de Abe Rábade. *Freixo* é a primeira composición rematada para o que será o álbum de Abe Rábade _Botánica_. A gravación definitiva está prevista para finais do 2021. Esta primeira versión da peza captura xa a esencia dun proxecto que se propón traducir a forma de varias árbores galegas a forma musical. A morfoloxía da especie e a súa simboloxía reflexada en letras populares serán levadas a unha proposta de banda moi ecléctica: un noneto que hibrida elementos jazzísticos, clásicos e da música tradicional galega. Davide Salvado terá unha presencia moi destacada en Botánica, unha experiencia na que da man de Abe Rábade levarán as árbores do país de concerto. Ademáis, con este vídeo musical estréase Emerxencia, un proxecto de danza de Daniel Pardo. Emerxencia defínese como un desenrolo inesperado, unha necesidade de acción súbita. A que nos leva a bailar ás árbores. Esta necesidade en nós é a de expresar nosa admiración e o amor por estes seres cos que compartimos a vida. Segundo a corrente científica chamada emerxentismo: “o conxunto é sempre máis do que a suma das partes”, como xa dicía Aristóteles. A materia, ao unirse dacordo con leis físico-químicas, produce sistemas con propiedades novas, e que non se reducen a ningunha das propiedades das partes integrantes ailladas. As propiedades emerxentes contribúen a producir o comportamento dos sistemas reais ou vitais. Emerxencia xurde, como emprendemento artístico, dunha necesidade de recoñecer a importancia da complexidade dos sistemas vivos, de un impulso pra, coma especie, reverenciar o incomprensible, o inconmensurable, a orde inherente a todo aquilo que xera e mantén a vida. O valor daquilo cuxa importancia non é medible en termos económicos, sociais, culturais, biolóxicos. O máis próximo exemplo que temos disto son nosas árbores máis vellas, nosos bosques autóctonos e o seu solo. A complexidade e a orde que habita estes sistemas vivos é digna de veneración, e, nos días que vivimos, contunuamente desrespectada. Sabemos hoxe que as árbores anciás, as máis vellas do bosque, son fundamentais para a supervivencia deste, e do resto do ecosistema, que sen elas perdería orde, complexidade, biodiversidade. Moitos acudimos ao bosque para encontrar sosego. Os habitantes das nosas montañas: Os Ancares, O Courel, e dos nosos territorios forestais máis preservados, saben da pureza do aire, da riqueza e abundancia que produce unha terra cun solo formado polo manto do bosque. Con Emerxencia, o canto ás árbores é canción de amor, adicamos versos, coplas e danzas ás plantas de novo, coma se fixo sempre na música tradicional galega. Este traballo artístico nace, coma brota unha semente, humildemente buscando a luz, sen presa pero sen pausa, coma un ser vivo que leva a lonxevidade na esencia do seu ser, e que ten tempo por diante pra florecer e dar froito. Para quen sinta afinidade con esta obra, pedimos que compartan o cancelo #emerxencia coas súas mensaxes de amor polas súas árbores de maior estimación: adíquenlles un poema, unha copla, un canto, ou calquer outra mensaxe de amor. E nas redes, vitais ou virtuais, encontrarémonos. Composición e piano, produción musical: Abe Rábade Voz e pandeireta: Davide Salvado Produción e letra: Daniel Pardo Vídeo: Jairo Moreno Baile: Miguel Pardo e Daniel Pardo Son: Jose Trincado Agradecementos: Fransy González, Martín Millán, Galimusic, Lucus Donapel.

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.