GZmúsica no Terra da Fraternidade

O Auditorio de Galiza encheuse totalmente para celebrar o 40º aniversario do Grândola, vila morena. Unha outra homenaxe ao Zeca Afonso das moitas que estes días se están a facer no país. Quizais a sobranceira, polo número e calidade dos artistas convidadxs e pola afluencia de público. Máis de mil persoas e o mellor da música galega para homenaxear o cantautor portugués. GZmúsica estivo aló.

Por que no Auditorio de Galiza? E por que o 10 de maio do 2012?

Pois porque nese lugar se atopaban os vellos barracóns do Burgo das Nacións, derrubados malia as protestas estudantís nos anos 90. E porque nese lugar, o 10 de maio de 1972 e diante de 3.000 persoas, o Zeca Afonso interpretaba por vez primeira o Grândola, Vila Morena. Sen se imaxinar na altura que esa canción ía convertelo de vez en parte da historia da humanidade. E o que é realmente complexo: en parte da historia positiva da humanidade. A verdadeira. Precisamente a que lle dá sentido real a ese nome colectivo, -colectivo somos-, que nos abrangue a todxs. Porque o 25 de abril é desas cousas que nos fai humanidade.

E como foi a cousa?

Pois como adoitan ir as homenaxes. Con emoción contida que retumbaba nos aplausos que os participantes arrincaban no público. Emoción que, todxs sabiamos, ía chegar á éxtase cun auditorio posto en pé recantando o Grándola no lugar onde o Zeca a estreara. Pero ademais houbo momentos en que a xenialidade rachou, -afrouxou cando menos-, o corsé emocional. Aconteceu con Chévere, cun impresionante Miguel de Lira aka Afonso a Secas. E musicalmente a primeira badalada dérona os Labregos do Tempo dos Sputniks. Disfrazados e irreverentes comezaron a xeira roqueira. E nela, destaca o traballo da banda Fura Fura na súa aposta por levar ao rock o repertorio do Zeca. Homes sen Medo, Roi Maceda, F. Amil, Antón Papaqueixos,...unha big band que foi banda de apoio das parellas que ían pasando polo escenario e que soou contundente. Sorprendeu tamén algún deses duetos. Nós gustamos moito do de Bocixa e Sés. Disque hai posibilidades de que os Fura Fura e o seu elenco de cantantes entren nun estudio a gravar un disco que complete a homenaxe. A ver se é verdade.




.


Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto