O sábado 26 de outubro de 2024, no gaztetxe Etxeluze de Orio, xuntáronse dúas bandas vascas e unha galega, Ameba, Odolaren Mintzoa e mais Loita Amada, para volveren convocar baixo as palabras de orde 'Hamaika herri borroka bakarra’, quer dicir, distintos pobos mais a mesma loita, aos seareiros do rock vasco e galego. Igual que hai agora 6 anos, daquela cos Odolaren, Nao e SondaRúa, abrolla este irmanamento entre bandas das dúas nacións. Daquela, a primeira data fora en Compostela. Desta volta, foi Orio, en Euskal Herria onde comezaron os concertos. E GZmúsica estivo alí.

A relación do Jasper, o líder de Loita Amada, con Euskal Herria vén de vello, dos seus tempos cos Xenreira na auténtica prehistoria do rock galego. Ao longo dos anos, el e outros músicos como Amós, co que xa compartira banda en Nao e que segue na batera dos Loita Amada, fixeron amizade co Kaki Arkarazo, no seu estudio de Garate teñen gravado varias veces (non só eles, tamén O Sonoro Maxín ou Ruxe Ruxe teñen ido até aló gravar), e mais cos fillo de Arkarazo, Luken, e o resto dos Odolaren Mintzoa, unha interesante banda do novo rock euskaldún.

Amós, ex-baterista dos Nao, agora marcando a pauta con Loita Amada

GZmúsica xa ten estado tamén alá pola banda de Usurbil e no casarío Garate, onde o Kaki ten o seu estudio, así que cando chegou a chamada de Loita Amada hai un par de meses: 'Estamos a armar unha boa en Orio para outubro, vinde!' non puidemos dicir que non. O plan era saír en autobús de Compostela ás 12 da noite do venres, chegar a Euska Herria de mañá, pasar aló o día, concertos e volta para Galiza o domingo cedo. Até corenta e pico persoas aceptaron o reto e embarcaron na noite compostelá o pasado venres.

Ademais do concerto no Etxeluze de Orio acanda as dúas bandas vascas que exerceron de anfitrioas, a viaxe fugaz a EH tiña un outro concerto ben especial axendado. Loita Amada ía tocar tamén na cadea de Martutene, para as presas e presos que cumpren aló as súas penas de privación de liberdade, tanto comúns coma presos políticos. A verdade, foi a singularidade deste concerto o que máís nos animou a ir, aínda que finalmente non puidemos acceder con eles ao cárcere nin gravar no interior. Sabemos, polo que nos contaron á saída, que a actuación tras a reixa da cadea foi intensa, para músicos e internos, especialmente naquelas pezas da música euskalduna, -Txori Txoria, Zu atrapatu arte, etc-, que Loita Amada inclúe no seu directo.

Odolaren Mintxoa, tralla euskalduna de calidade, non deixen de os mirar ao vivo

Mentres Loita Amada tocaba en Martutene, a grei galega pasaba o tempo en Usurbil primeiro, onde xantamos marabillosamente ben, e en Orio despois, onde serían os concertos e a durmida, nun albergue. O orballo, cando non cairos impoñentes, acompañaron a xornada, polo que vascas e galegas buscamos o refuxio dos bares agardando polas escampadas para cambiar de local e irnos achegando cara á entrada da vila, onde está o Etxeluze.

O gaztetxe de Orio é un local fermoso e funcional, unha antiga nave á beira do río comprada polo concello e cedida para as actividades culturais da mocidade da vila, que xestiona o local. Ben reformado, alto, amplo, con capacidade para 200 ou 300 persoas comodamente, produce envexa para a xente dun país, o noso, non afeita a ver esa implicación das adminsitracións coa cultura de base.

A primeira banda en subir ao escenario foi Ameba. Banda local, cantando en éuscaro e cunha frontwoman potentísima, pero da que só puidemos gozar das 3 ou 4 últimas cancións. Deixamos ligazón á súa música, para que os descubrades.

Despois chegou a quenda de Loita Amada. Con moitas mudanzas con respecto á formación coa que xirou no verán até a Festa da Poesía e Revenidas, as novas incorporacións -apenas un par de concertos coa banda- superaron con nota a proba. Davide Salvado á guitarra e Alberte Fernández ao baixo demostraron solvencia e compenetración cos novos compañeiros. Soou moi ben Loita Amada e axiña conectou co público galego e vasco, o que non foi complicado pois xa Ameba se encargara de quentar o ambiente. De que soasen ben hai un principal responsable, o Kaki Arkarazo, exercendo de técnico de son esa noite. Nótase  a diferenza, con el na mesa con respecto a outros concertos, este mesmo verán, en que outras persoas levaron o son.

Subiron a colaborar Luken, de Odolaren e Mikel Alkorta, fantástico trikitixari que empatou moi ben co son dos Loita Amada. A outra nova incorporación á banda, Ana Cuñarro, trompeta, entrou por Meri (Brassica Rapa, Banda Xangai), non puido viaxar a Euskadi e foi Pablo Sotelino quen acompañou nos ventos a Xiana Naval. E combinaron moi ben co acordeón diatónico naqueles temas máis festeiros e menos punkroqueiros que diferencian a Loita Amada do que facían os Nao. Porén, e para os amantes desa vertente máis potente, no directo ten oco algunha versión dos Nao, sen os ventos no escenario. Versións, por certo, coreadas tanto polos seareiros galegos como polos vascos, que semellaban coñecer ben tanto as músicas e letras tanto dos vellos temas de Nao coma dos novos de Loita Amada.

Para fechar a noite, Odolaren Mintzoa. Xa teñen tocado no país, volverán en xaneiro, na segunda parte deste irmanamento vasco-galego, e desde logo é unha banda moi aconsellable de ver ao vivo. Fan hardcore, melódico por veces, moi ben tocado. Un son compacto, coas guitarras afiadas, unha base rítmica poderosa e a voz principal de Luken perfectamente empastadas. Por riba, tocando tamén na casa, son de Usurbil que vén estando apenas a 7-8 km de Orio, co público coreando os temas desde o comezo do concerto e con varias colabos nas que tanto Jasper como varias persoas do público, amigas da banda, subiron cantar ao seu carón algún tema.

+ FOTOS DE LOITA AMADA E ODOLAREN MINTZOA

Fotos: Lavesedo

Texto: GZmúsica

 

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.