Crónica e fotos do FestiVal das Brétemas 2013

Sábado 28, Ponteareas acolleu a segunda edición do FestiVal das Brétemas. Sesión vermú, treboada, labregos, inframundo e escándalo. Unha mestura poderosa que convidou á festa nunha carpa ateigada de xente malia as inclemencias meteorolóxicas. E para a ocasión, contamos por vez primeira cunha crónica do Cao e mais as fotos de Silvia Mella. 


O pasado sábado celebrouse a segunda edición do festival das Brétemas. Cun tempo que non invitaba a erguerse da cama fun de mañá para asistir a reunión da FEGAFE. Chovía a mares e nas curvas de Tameiga varios carros agardaban polo guindastre para alegría dos chapistas. Cheguei sobre as 11 da mañá ao torreiro e a organización traballaba a reo, sacho en man, para manter o terreo de xogo nas mellores condicións posibles e abofé que o conseguiron. A carpa non era moi grande e iso repercutiu positivamente no desenvolvemento do festival xa que se encheu completamente.
Reunión no C.S.A. O Fresco, (Graciñas!!!!) E de volta pró torreiro a dar conta de dúas perolas de callos coas que a organización agasallou os alí presentes mentres soaba a música dos gaiteiros O Son da Triga.
Xa a noite deu comezo o festival a golpe de treboada, e non da metereolóxica, a treboada Baixo Miño zoupaba nos bombos ao ritmo da Carolina e outros hits populares que o publico acompañaba con voces e palmas. Notábase no ambiente que a xente tiña gana de festa, e o primeiro grupo en subir ao escenario, Labreg@s do Tempo dos Sputniks, enseguida conectou cos alí presentes, que rapidamente tomaron posicións a carón do escenario.
Celso Emilio, o subcomandante Marcos, Mini e Mero e ata Cristo Bendito, estiveron presentes no repertorio. Notábase a comodidade dos labreg@s no escenario, a xente bailaba e coreaba os retrousos das suas cancións. Peludo, ex-guitarrista da Vagabanda e taberneiro en Pontevedra, ataviado como Cristo Bendito, subía de entre o público a colaborar en Soy tu perra, tocando o baixo. Unha canción que de seguro se convertirá nun himno para toda a festivalada galega.
Coa barra funcionando a pleno rendemento e a carpa chea de xente apareceron The Teta's Band, un descubrimento para min. Actitude enriba do escenario e versións de grupos como Coz ou Las Vulpes (con Cristo Bendito) pasando polo Xabarín fixeron un concerto ben divertido e bailongo.
Chegaba o turno dos grupos locais pero antes leuse un manifesto cargado de dignidade e carraxe que a continuación transcribo.

As brêtemas optarom por roubar-lhe o protagonismo a umhas quantas pingueiras, sem pedir permisso. De isso se trata, de nom pedir permiso para avançar, de seguir adiante ainda que a borralha institucional de este concelho nos vire as costas em cada umha das nossas visitas. Pretendem manipular-nos e mintem até por escrito. Hoje, ao igual que no século XIX, seguem a utilizar as mesmas prácticas caciquis. Temos direito a esigir o nosso, Nom pedimos as súas esmolas, demandamos gozar do que nos pertence. Desde o local, desde o nosso hábitat, trabalhamos para agitar conciências em um povo no que resulta muito difícil sair do regho. Nom vinhemos simplesmentes para fazer umha festa pontual, vinhemos para dizer, por meio do humor e a retranca, basta. Basta de maltratar os espaços naturais, o patrimonio cultural, material e inmaterial, a nossa terra. Basta de esplorar ao nosso povo, basta de tirar rendabilidade económica em todo o que é incomprável. Basta de inversons milhonárias em espectáculos alheios à cultura popular. Na Galiza temos centos de grupos e artistas da melhor qualidade posível que nos fam sentir orgulhos@s do que somos, sem complexos de nengum tipo. Sabemos que o Partido Popular e os seus acólitos utilizarám todas as ferramentas posíveis para eliminar qualquer signo de identidade, e fiel reflexo de isto som as súas políticas linguísitcas. Nós gostamos dos ditos populares e como o falar nom tem cancelas seguiremos a sacar a lingua a pastar porque, tam só assim, poderá sobreviver ao extermínio.

Desde aquí, queremos enviar todo o nosso apoio a todas as que seguem a luitar em esta longa noite de pedra. Desde as maes e pais do Ramiro Sabell que esigem o cumprimento da promesa das praças de comedor, as vizinhas afectadas polas preferentes, Patricia Reche que ela soa segue em pé de guerra às portas do Banco Popular para a eliminaçom da claúsula solo, as vizinhas de Ribadetea que se negam a aceitar os pesticidas como melhor soluçom, as mulheres organizadas no feminismo, à gente do CS O Fresco, às médicas que defendem também os nossos direitos a umha sanidade pública e a todas aquelas pessoas, colectivos e organizaçons que seguem avante, sofrendo a represom que dar a cara conleva em este estado fascista.

E para rematar, nom podemos deixar no esquecemento aos 4 independentistas galegos condeados a 10 e 18 anos pola Audiência Nacional, herdeira do Tribunal de excepçom franquista, por considerar todo o proceso como umha farsa política coa intençom de condear como terroristas a todo aquel que se mova ou afaste da linha marcada Desde aquí esigimos a pronta posta em liberdade de Teto, Edu, Antom e Maria. O Estado é o terrorista quando pretende matar-nos a fame para deixar vía livre aos interesses do capital. Sabemos que é muito dificil ir abrindo o caminho em esta noite de chuva e brétemas mas, ao fim, será o nosso caminho e se algo temos presente é a indestrutível força da nossa dignidade e a firme convinçom de que junt@s acadaremos o imposível e tomaremos o ceu por asalto. Entom sim, todas as nubes serám também as nubes que sonhamos.

Rebeliom do Inframundo, grupo de Ponteareas, mantivo o público metido no peto durante todo o concerto, grupo novo para min e ainda que o hip hop non é que me preste moito ainda lle botei uns bailes e berrei os seus retrousos.
Pechando os concertos Skandalo GZ. Tamén de Ponteareas e tamén cun público entregado. Letras comprometidas, un trombón que parece que ten o formighillo, un trompeta fóra de serie que fai o que lle peta e lle s
obra tempo. Foi un concertazo dos de non parar, pupurri de punkeiradas míticas incluído.
E como colofón unha canción feita cos Rebeliom para o festival, Brétemas, o escenario cheo, abaixo a xente berrando forte, tan forte que de seguro que se escoitou nas prazas onde dúas orquestras, contratadas polo concello, tocaban para case ninguén na programación das festas.
A festa continuou con Woozy Mu, picadiscos,  ata que chegou a policia local advertindo que se continuaba a música terían que denunciar.
Fronte ao mal tempo e os atrancos do concello, @s bretemoz@s foron quen de sacar adiante un festival, que como ben dicía García é do pobo, e para o pobo! Todo un exemplo de dignidade da xuventude unida de Ponteareas fronte aos que escapan polas ventás do concello. Longa vida ás Brétemas!!!

Texto: Cao

Fotos: Silvia Mella

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto