Xa escoitamos o último de Ezetaerre "Pólvora e tormenta"

Falamos do novo traballo de Ezetaerre, “Pólvora e Tormenta”. Gravado, mesturado e masterizado por Iago Pico en Pousada Son Studios, é a confirmación de que este grupo de rapaces inda teñen moito que dicir no panorama da música galega e en galego. A presentación ao vivo deste disco, será este sábado 1 de decembro na sala Karma en Pontevedra, onde estarán acompañados dunha das, moitas, colaboracións que aparecen neste traballo, High Paw.

No novo disco apréciase algo que xa se deixaba enxergar no anterior traballo, “Aspiracións mínimas e urxentes”, que é a variedade de ritmos cos que xogan nos diferentes temas (10 temas máis unha intro). Esta diversidade de estilos, sempre co hip hop coma base de partida, faino fácil de escoitar.

A esta riqueza tamén axudan as numerosas colaboracións existentes. High Paw, Arnau de Zoo, Martín de Plan-B, Salma ou Samu Acaracán, entre outras moitas achegas que poderás atopar neste “Pólvora e tormenta”.

Máis polo miúdo Ezetaerre segue producindo letras combativas en temas de corte social, neste senso destacamos “No passarán” (con Júlia, Maio e Pau Serrasolsas) e “Vento Negro”. Pero tampouco esquecen facer cancións máis orientadas á festa, a facer bailar ao público nos seus concertos, como “Tremendo Combo” coa colaboración de La Pegatina.

Hai un tema que merece unha mención independente polo pouco habitual da súa letra. Este tema é “Fulanito e menganito”, onde empregan as palabras, non amables, que lles adican nas redes para facer a canción. Unha marabilla!

Despois disto, aquí queda o importante, o disco, para que non tardes máis en botarlle unha escoita.


Texto: Fer GV


Non podes engadir comentarios

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto