Vieiras e vieiros, historias de peregrinos da man de Luar na Lubre


O álbum, editado por Warner Music e producido por Mirmidón, está dispoñible desde o venres 26 de xuño de 2020 en todas as plataformas dixitais e nas tendas físicas do territorio estatal. O fundador do grupo, Bieito Romero, sinala que o disco “é unha débeda que tiñamos pendente coa música, co público e, moi especialmente, con quen percorreu o Camiño de Santiago acompañado polas creacións de Luar Na Lubre”. Asemade, Luar na Lubre lanzou un novo single cantado integramente en latín, 'Dum Pater Familias', unha revisión transgresora do canto máis antigo dos peregrinos que se recolle no Códice Calixtino.

Luar Na Lubre publicou o pasado venres 26 de xuño o seu 19º traballo discográfico: Vieiras e vieiros, historias de peregrinos. O álbum pon en valor as historias vinculadas ás persoas que percorreron, e hoxe en día seguen a percorrer, o Camiño de Santiago: Os seus peregrinos.

O disco, editado por Warner Music e producido por Mirmidón, conta co apoio da Xunta de Galicia a través do programa O teu Xacobeo. Con Vieiras e vieiros, historias de peregrinos Luar Na Lubre pon a banda sonora ao Camiño de Santiago ao seu paso por Galicia a través de 27 temas nos que o grupo intercala as súas creacións con sonoridades propias dos sendeiros e lugares que percorre o itinerario xacobeo, ademais daquelas músicas tradicionais que perviviron ao longo dos tempos no territorio.


O factor humano do Camiño de Santiago fía o relato dun minucioso traballo artístico, que Luar Na Lubre desenvolveu ao longo dos últimos anos, e no que recolle vivencias persoais, feitos históricos, lendas e sonoridades vinculadas, intimamente, os diferentes carreiros da ruta, o antigo Camiño das Estrelas dos celtas. Bieito Romero, fundador do grupo, sinala que os temas deste novo álbum “visualizan historias de peregrinos chegados a Galicia que, desde Luar Na Lubre, recollimos en diferentes momentos e mediante diferentes vías, tamén por medio do relato de peregrinos modernos” Así, tal e como apunta Romero, o público atopará en Vieiras e vieiros, historias de peregrinos unha selección de fascinantes historias persoais e adaptacións de relatos que forman parte de textos coma o Códice Calixtino, ademais de sonoridades e elementos coñecidos a través de investigadores envorcados na temática xacobea e que o grupo tivo presente á hora de musicar. “As historias do Camiño e o seu factor humano son elementos dun patrimonio que debemos amosar e poñer en valor. Con este disco queremos reflexar e dar a entender, desde unha nova perspectiva, o valor do noso patrimonio inmaterial”, sinala o músico.

Deste xeito, Luar Na Lubre rende homenaxe ao labor de figuras como Don Elías Valiña, párroco no seu momento no Cebreiro, porta de entrada do Camiño en Galicia e recuperador fundamental do Camiño moderno. O álbum tamén rememora o encontro en Dumbría entre o bispo armenio Mártiros de Arzendjan e a besta maligna á que nomeou Vákner; ou lembra a lenda de Dugium, a cidade asolagada; á vez que achega sonoridades propias da ruta xacobea, como o son da Berenguela, os corvos da Ulloa ou as gaivotas e o mar de Fisterra. “Estamos moi felices por poder anunciar este lanzamento. Esta era unha débeda musical que tiñamos con nós, coas artes, co público, con Galicia e, moi especialmente, con quen percorreu ao longo destes últimos anos o Camiño de Santiago e, na volta ás súas localidades, escribiu para darnos as grazas por formar, coa música de Luar Na Lubre, parte da banda sonora da súa peregrinaxe, dun dos momentos máis especiais da súa vida”, di Romero.

O álbum acompáñase dunha recompilación de músicas relacionadas co Camiño de Santiago ao longo da traxectoria artística de Luar Na Lubre. Este segundo disco, no que aparecen cantigas versionadas polo grupo en anteriores traballos, conta con colaboracións de figuras recoñecidas como Pablo Milanés, Diana Navarro, Ismael Serrano, Miro Casabella, Carlos Jean ou mesmo a Orquestra Sinfónica de Bratislava. Un terceiro single cantado integramente en latín Logo da publicación no mes de marzo dos dous primeiros cortes do disco, Benvido e Mártiros e o vákner, o lanzamento do álbum acompañarase da publicación dun terceiro single que, ademais, contará cun videoclip animado: Dum Pater Familias, o canto máis antigo de peregrinos a Compostela e que aparece recollido no Códice Calixtino. A pre-venda do disco duplo Vieiras e vieiros, historias de peregrinos, asinadas pola propia banda, esgotáronse en menos de 24 horas.

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto