Carraxe Bravú desde o país do Faro

Liviao de Marrao vén de publicar o seu segundo LP, Que cada cão lamba a sua caralha. Os de Chantada dan un salto cualitativo con este seu segundo disco e convértense nunha das formacións a ter máis en conta no país para o 2016. Coa publicación do novo traballo, Liviao de Marrao deixa de ser unha banda "fundamentalmente de directo" para nos facer tamén remexer a conciencia e os pés na nosa casa. Velaquí a crítica do Lavesedo deste interesante disco.


Ir até o Castañazo de Chantada sempre presta. Moitas amizades, moitas lembranzas de troulas e encontros en Chantada. Ademais, nos últimos anos temos a sorte de colaborar coa organización do Castañazo, gravando un programa de GZmúsica TV que xa anda hai uns días polas redes. Fermosura total ver a xente de todos os recantos do país participando nos Cantos de Taberna, nos Xogos Bravús ou vibrando nos concertos. Por riba, este ano volvín de Chantada cun agasallo nas mans. O novo disco de Liviao de Marrao, Que cada cão lamba a sua caralha. Teño que dicir que me sorprendeu moito e para ben. A verdade, tiña os Liviao por unha banda moi enfocada ao directo -de feito, así llo preguntamos en GZmúsica TV cando os entrevistamos- nesa liña do balla e difendi que xa vén desde o rock radikal vasco. Ska moi bailable e letras comprometidas é o que agardaba atopar dentro deste novo traballo dos de Chantada. Obviamente diso hai, e moito, mais tamén veñen no pacote outras cousas, máis inesperadas, que fan este traballo un dos máis interesantes do rock galego neste 2015. 

Por unha banda, o seu son. A primeira sorpresa cando pos o disco no carro ou na casa -no noso caso, no camiño de volta de Chantada para O Morrazo- é o potente que soa. Mención especial para os ventos que, igual ca nos últimos concertos que lles teño visto, levan un peso grandísimo na maioría dos temas. Non sei se son ou non a mellor sección de ventos do país todo -como sempre di deles un amigo- pero desde logo non hai moitos que lles poidan tusir. Tamén hai que destacar a voz do Antóm, que demostra a mesma solvencia nun tema punk ca nunha ranchera, como só pode saber facer alguén criado entre o bravú e as verbenas. E claro, moito do mérito do son que os Liviao deron sacado neste disco está sen dúbida en Pousada Son, onde o Iago Pico fixo un traballo notable, encargándose da gravación, edición, mesturas e masterización el propio.

Pero alén do bo son, o disco ten un feixe de boas cancións -que darían bos singles, de eles traballaren nunha lóxica do capital e non en Creative Commons- e os Liviao van con este Que cada cão lamba a sua caralhamoito máis alá da letra panfletaria e o ritmo facilón. É xa demoledora a peza que abre o disco, Epigrama do esterco ou zarzuela da Troika canhí que nos debuxa en 3 potentes minutos o estado actual das cousas a nivel social. Indispensable tamén Viana Manifest homenaxe aos 20 anos do Bravú, do que tanto beben os Liviao. Mais non só esas. Mega-Super modernos (con este nome na contracapa no disco mais cun "Ultra" a maiores no libriño central, cousas dos trasnos) que ten un aire moi forte cos temas doutros grandes herdeiros do Bravú, os Ruxe, ou a curiosa A Faro um dia irei, madre onde musican un texto do Joham de Requeixo, xograr do século XIII que cantou a santuario do monte Faro. Tamén presta a instrumental Passodobre Argentino, que nos trae á cabeza os mellores Jarbanzo Negro ou A pesetinha, unha desas que empezan amodiño, case desenchufada, para despois soltar toda a forza do grupo na parte final. E sobre esta unha pequena recomendación: se tedes crianzas, non llela poñades, se non queredes que a mestra da escola vos pregunte que é iso que canta a crianza na escola, de que o alcalde de Palmeira lle arrincou as bragas a unha avogada. Pasoulle a unha persoa que eu coñezo ;-) 

Texto: Lavesedo

Fotos: Arquivo GZmúsica




Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto