Análise 2012. Falamos con Ibán do Castañazo

Obviamente, arredor da música do país móvese moita máis xente ca aquela que forma parte dunha banda. Neste balanzo do 2012, en GZmúsica quixemos tamén falar con algunha destas persoas. E comezamos con Ibán Gómez, membro da A.C. O Castañazo de Chantada. E mañá, a quenda de Lydia Botana.


GZm – Ben, antes de nada preguntarche polo Castañazo. Como resultou?

Ibán – Pois a verdade que estamos francamente satisfeitos, moita afluenza de público. A nosa ilusión e obxetivo era rondar os 2000 espectadores, e superouse con creces. E sobre todo penso que os alí presentes quedamos moi contentos, e tanto público, como organizadores, como artistas, poidemos gozar dunha gran festa. Ou polo menos esa e a sensación que se transmitia no mercado gandeiro de Chantada. Esta era unha edición moi ilusionante para nos, por tratarse do 10º aniversario, un reto para nós, pero tamén se trataba dunha edición algo ”difícil”, posto que se xogaba parte do futuro do festival, debido a precaria situación en canto a axudas económicas; pero por sorte a ilusión que tiñamos por facer un gran festival prevaleceu sobre as trabas encontradas. En definitiva estamos moi ledo sen tódolos aspectos, e dificilmente poderemos esquecer o Castañazo de 2012, polo moito que disfrutamos todos nos, e pola emotividade de volver a xuntar 3 históricas bandas galegas que tanto nos prestan, que ademais forman parte das orixes deste festival, no que se “inventou” o rock bravú. Incluso se puideron ver algunhas bagoas de emoción polo recinto. E tampouco se pode resaltar nada negativo.

GZm – Foi o décimo aniversario e o cartaz era impresionante. Costou moito traballo convencer Rastreros, Papaqueixos e Diplomáticos para se xuntaren de volta?

Ibán – Cando creamos a asociación, hai xa 5 anos, para recuperar o festival, que levaba 11 anos sen realizarse, xurdiu a idea de que se chegaba o festival a súa 10 edición (daquelas era a 5ª) teriamos que rendir unha verdadeira homenaxe ao bravú e volver xuntar a Diplomáticos, etc. Iso foi en 2007, e tampouco sabiamos os anos que seguiriamos co festival, por sorte chegou o 10 aniversario, e puxemos esforzos en intentar xuntar ao maior numero de bandas que formaban parte dos cartazes do Castañazo Rock dos anos 90. Sabiamos que non ia ser nada sinxelo o noso propósito, pero a resposta que obtivemos foi tremendamente positiva e o colleron con moitísimo agrado, posto que teñen unha gran estima ao que supuxo para eles o Castañazo naqueles anos, recordando así vellos tempos. Polo que estamos tremendamente agradecidos a estes fenomenais músicos, posto que voltaron aos ensaios exclusivamente para tocar no Castañazo, e non puxeron ningunha traba. A lástima foi que intentamos tamén xuntar algunha outra banda, coma Skornabois, pero non foi posible.

GZm – A asistencia masiva de público ao Castañazo 2012 supón a proba de que a música galega tamén pode vender entradas ou foi o tirón do propio festival o que máis axudou?

Ibán – Na pasada edición estiveron en Chantada grupos de renome estatal coma “Reincidentes”, “The Locos” ou “Habeas Corpus”, ademais de bandas galegas, pero este ano con só bandas galegas o nivel de público foi maior, polo que queda de manifesto que a música galega pode encher aforos. Poida que un posible tirón do festival axudase, non o sei, pero houbo algún aliciente mais este ano para que houbese mais espectadores, a pesar da crise económica e que o prezo da entrada foi un pouquiño maior, ao nos gozar de axudas económicas externas. Tamén nos sorprendeu que había xa moita afluencia de público no primeiro concerto, de “Liviao de Marrao”, que e un grupo con apenas un ano de existencia. Actualmente penso que a música galega atravesa unha boa etapa, cun montón de bandas emerxentes cada vez máis recoñecidas entre o público.

GZm – O Castañazo é un dos asistentes ás xuntanzas da Rede de Festivais, de feito a primeira reunión foi precisamente en Chantada. Que opinión che merece a Rede? Poderá axudar na supervivencia dos festivais do país?

Ibán – No momento en que me enterei de que se estaba a argallar unha xuntanza de organizadores de festivais mostreime moi ledo e entusiasmado, ademais da honra de que se elixise o Castañazo como o lugar da primeira xuntanza. Sempre considerei que debería haber mais contacto entre diferentes festivais galegos, posto que quizais si existise máis implicación entre xente que monta festivais na franxa costeira, pero pouco contacto coa xente doutras partes de Galiza. Polo tanto, paréceme unha gran e acertada noticia que se vaia a constituir unha Federación de festivais galegos, o cal, ao igual ca a nós, o acolleu fenomenal a maior parte das Asociacións que fan festivais existentes en Galiza, e con apenas recursos. Mais ala de todo o que se poida conseguir con esta Rede, ben sexa patrocinios conxuntos, acordos conxuntos de marcas de bebida, o cal axudaría enormemente na supervivencia destes festivais; penso que podemos acadar un beneficio moito maior, que é coñecernos entre nos,transmitir as nosas vivencias nos nosos festivais (non esquecernos que para todos os que estamos dentro da Rede facemos o festival como actividade de ocio), contarnos cada un dos problemas que poidamos ter que superar, colaborar e axudarnos conxuntamente, e en definitiva, facernos publicidade entre nos mesmos. Este penso que xa e un primeiro logro da Rede a curto prazo, estar todos en contacto e falar entre nos de musica, de festivais e demais vivencias; e poida que xere novos folgos para a resistencia de festivais, para que os organizadores non cesen na súa loita; e porqué non, salgan ideas para novos festivais.

GZm – Este ano as axudas da Xunta para os festivais primaban os eventos organizados por empresas fronte aos creados a partir do tecido asociativo do país. Que pensas disto? É a profesionalización o camiño? Poden e/ou deben coexistir as dúas fórmulas?

"Está moi ben a profesionalización de eventos musicais, pero as axudas públicas deberían estar máis encamiñadas ao tecido asociativo."

Ibán – É un tema delicado. En primeiro lugar teño que estar en desacordo coas políticas de subvencións a festivais da Xunta, posto que apoiou, penso eu, maioritariamente aos festivais con menores dificultades económicas, con acordos con empresas privadas para patrocinios, etc.; por dicilo dalgunha maneira, apoiou aos xa máis “ricos”. No entanto, esqueceron festivais organizados de forma desinteresada por colectivos, que xuntan moito esforzo en sacar adiante o seu proxecto, e en moitos casos poñendo diñeiro do seu peto; e ademais, moitos destes festivais se converteron en históricos e propios da cultura galega, como pode ser o Castañazo. Pola contra, tamén considero que se debe dignificar o traballo da produción musical, e que haxa xente que teña esta actividade como sustento económico propio. Polo tanto, deben coexistir na medida do posible, as dúas fórmulas, tendo en conta que moita xente organizadora de festivais ten outras profesións ou son estudantes, e que isto o fan como actividade de ocio poñendo moito entusiasmo á par que sacrificio. En cambio haberá outro tipo de festivais, que engloban a centos de artistas na sua programación ao longo de varias xornadas de festival, e que implica probablemente unha dedicación exclusiva. O que si, a Xunta de Galiza, ou outros organismos públicos: concellos ou Deputacións, á hora de subvencionar este tipo de eventos non debería mirar tanto quen é o promotor, e si mirar mais os contidos dos proxectos que se realizan, de forma que deberían prevalecer mais as axudas para o tecido asociativo; posto que, doutra volta, contan ademais con menos recursos (escenario, equipas de son, carpas, etc.), e que, en moitos casos, as empresas organizadoras de festivais xa contan en nómina con estes recursos, o cal supón un porcentaxe moi alto do orzamento dun festival. Por outro lado considero que as empresas teñen mais doado atopar patrocinios privados que as diferentes Asociacións. En definitiva, paréceme moi correcto a profesionalización de eventos musicais, pero as axudas públicas deberían estar máis encamiñadas a Entidades non lucrativas con escasos recursos.

GZm – Haberá Castañazo no 2013? Xa estades a traballar na vindeira edición?

Ibán – So pasaron dous meses da última edición, estamos a descansar un pouco para coller folgos e poñerse a traballar nun novo Castañazo Rock. E difícil a estas alturas asegurar ao 100% que haberá Castañazo 2013, porque poden pasar moitas cousas, pero a nosa intención e seguir adiante, e incluso mellorar a pasada edición, sabemos que non vai ser doado, pero intentarémolo. Tamén considero, e teño esperanzas, que dado o éxito da última edición haxa unha maior implicación por parte do Concello de Chantada e da Deputación de Lugo. Os establecementos da vila estaban repletos de xente desde primeira hora da tarde ese día, grazas en parte as actividades paralelas aos concertos, como o Concurso de Cantos de Taberna e os Xogos Bravús, e creo que debe ser tido en conta, un vez que considero que o apoio recibido neste pasado ano non foi o que se debería.

GZm – E xa para rematar, estámoslle a facer a mesma pregunta a todas as persoas coas que falamos para este Anuario. Dinos cales foron para ti os 5 discos do ano na música do país.

Ibán – Non é sinxelo destacar tan só 5 traballos, poderiamos facer unha listaxe moito máis completa. Se teño que destacar 5, en primeiro lugar quedo co álbum “A onda sonora chega do interior” de “O Sonoro Maxín”, é un discazo. Destacaría tamén o primeiro traballo de “Skarallaos” que leva por título “Sen Fronteiras”, o novo de “Quempallou” “Vellas novas”; gustoume moito tamén o novo de “Ruxe-Ruxe”. E para terminar unha revelación “Nhió!”, prestoume moio a súa primeira maqueta.


 {fcomment}



Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto