Análise 2012. Falamos con Xoán Quintáns

Rematamos a semana falando con Xoán Quintáns, un dos membros da A.C Repichoca, organizadora do Festival Revenidas de Vilaxoán. Alén do labor na súa vila, Quintáns anda enleado sempre en varios proxectos máis. Por exemplo, a organización do Terra de Fraternidade, homenaxe galega ao Zeca, o pasado ano.



GZm – Ben, antes de nada preguntarche polo Revenidas. Como resultou?

Quintáns –Pois a verdade que moi ben, foi a primeira vez que cobrabamos entrada, feito que nos tiña un pouco asustados e divididos internamente, pero a medida foi moi satisfatoria.

A verdade que quedamos moi contentos coa resposta da xente.

GZm – Andaches tamén a moitas outras cousas este ano, como a organización do Terra da Fraternidade. Que tal a experiencia?

Quintáns –Pois fantática...e agotadora. Bea Bugalho máis eu metimonos no mundo dos soños colectivos e conseguimos involucrar a unha morea de xente para homenaxear ao grande Zeca Afonso. A verdade é que visto co paso do tempo foi unha pasada...imaxino que haberá que repetilo no 2017.

GZm –  Volvendo a Revenidas, este ano cobrastes entrada por vez primeira, igual ca o Antrospinos. Na Carballeira de Zas tamén cobran hai anos. Non hai futuro para un festival coma os citados, -xa con milleiros de asistentes, orzamento elevado, etc.- sen cobrar entrada?

Quintáns –Pois é unha pregunta complexa...a verdade é que a entrada asegúrache ter uns ingresos propios dos que careces se fas os concertos de balde, evita o botellón masivo...pero ten as partes malas xa que moita xente maior non entra perdendo un pouco o ambiente peculiar do Revenidas.

Pero cremos que o futuro son as entradas non moi caras, e concienciar a xente do valor do espéctaculo.

 GZm – A comezos de novembro fomos testemuños da primeira xuntanza festivaleira, creada coa idea de facer unha Rede de Festivais, para as asociacións organizadoras de festivais galegos traballaren en conxunto. Sabemos que houbo máis xuntanzas. En que punto está o proceso?

Quintáns – Pois xa está constituído, coa primeira directiva e comezando a ver as posibilidades de traballar en rede...a simple vista chama a atención, que ao igual ca o Bravú, a maioría de festivais que levan maioritariamente grupos galegos, non se fan nas grandes cidades.

GZm – O outro día na presentación da discográfica “Discos da Máquina” un coñecido comentou que no 2012 “traballara o triplo para cobrar a metade”, pero tamén deixou claro que “non arría”. Van poder as vacas fracas connosco ou supoñen un acicate para cousas como a Rede de Festivais?

Quintáns – A crise é tempo de oportunidades, pero tamén de pasalas moi putas...os festivais non son feitos illados, e hai que ter moi claro que facer un festival non é unha coña, que hai uns protocolos de traballo, seguridade e hai que respetar o oficio dos músicos  xa que en moitos casos é a forma que teñen de gañarse a vida. Creo que resistiremos moitos, pero aínda queda moito para deixar de ser eventos de resistencia para ser festivais plenamente normalizados. Tanto as institucións públicas como privadas marxinan a nosa cultura polo que non nos queda outra que traballar, traballar e pelexar...pero xa o dicía Castelao...”Denantes mortos que sen Revenidas”.

GZm – Sabemos que xa estades a traballar no Revenidas 2013. Podes confirmarnos xa data e/ou algunha banda?

Quintáns – Si, xa temos datas, 19 e 20 de xullo...vai ser o X aniversario e andamos a darlle á cabeza para facer algo moi especial. Temos confirmada xa a Banda Fura Fura, que é un pouco un All Stars do rock galego contemporáneo, e conversas avanzadas con bastantes formacións. En breve anunciaremos moitas novidades, e un avance grande do cartel e as primeiras entradas a prezos moi reducidos.

GZm – E xa para rematar, estámoslle a facer a mesma pregunta a todas as persoas coas que falamos para este Anuario. Dinos cales foron para ti os 5 discos do ano na música do país.

Quintáns – Eu son dos que prefiro pensar no futuro e  encher novos baleiros. Neste 2013 creo que veñen cousas moi interesantes...o novo da Compañía do Ruído, de Terbutalina, a ver que sae do novo de Heredeiros, o proxecto de Narf sobre Rosalía, o primeiro disco da Banda Fura Fura.

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto