Sotaque, o novo de Budiño


SOTAQUE, (Fol Música, 2013), é o novo traballo discográfico de BUDIÑO. Foi gravado no seu estudio “Ardora” e mesturado e masterizado nos estudios “Atlântico Blue Studios de Lisboa”. Este traballo de composición propia reflicte a impronta da música tradicional e en especial da percusión galega, sempre tocada e pulida a man, xunto coa utilización da electrónica co ACENTO característico de BUDIÑO, co seu SOTAQUE.

Un álbum conceptual onde as diferentes gaitas, percusións e voces galegas teñen a  labor de marcar o ritmo ao longo de nove músicas compostas por BUDIÑO mais unha peza tradicional, chea de sutileza e vitalidade.

Os amigos convidados ao SOTAQUE de BUDIÑO fan que na súa particular atmosfera se misturen os centos de capas percutivas utilizadas para a gravación:

* ANTÓNIO ZAMBUJO desde Portugal canta ao amor en “Déixame Adiviñar”, unha letra escrita por Carlos Blanco.

* LUIS TOSAR imprime o seu SOTAQUE cantando á vida, á saudade, na canción “Hoxe canto en Libertá” con letra de Celso Emilio Ferreiro.

* Os CANTAREIROS DE O FIADEIRO cantan e tocan as pandeiretas no único tema recollido da tradición galega, onde a gaita de BUDIÑO aparece mestúrase como unha voz mais do grupo de cantareiros.

* MICHAEL McGOLDRICK coa súa frauta máxica desde Manchester toca unha muiñeira, que da título ao novo traballo de BUDIÑO, SOTAQUE.

Budiño presentará o seu novo disco no país, a finais deste mes de abril: en Compostela, o día 25 ás 21 horas no Teatro Principal e en Ourense, ao día seguinte, ás 20:30h e tamén no Principal.

En Spotify xa é posible escoitar un tema de adianto do traballo.


Non podes engadir comentarios

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto