Pesdelán ensinará a bailar a todos os públicos este domingo na Illa do Covo

O vindeiro domingo día 6 de outubro os grandes músicos e bailadores/as do grupo Pesdelán farannos mover os pés na pontevedresa Illa do Covo ao tempo que nos divertimos sen importar a idade, condición física ou experiencia que teñamos. Este proxecto cultural, de enorme éxito desde a súa creación, chega á cidade do Lérez para nos amosar outra perspectiva á hora de asistirmos a un espectáculo. Ademais de escoitar, poderá participar nel, con entrada de balde e por partida dobre.


Así, na Illa das Esculturas de Pontevedra (Illa do Covo), o vindeiro domingo día 6 ás 13:30 horas Pesdelán animaranos a bailar e cantar no seu obradoiro de baile tradicional, para ás 18:30, volver ao mesmo escenario xa cun concerto no que poder bailar o aprendido pola mañá. Para todos os públicos e con entrada de balde, será un xeito novidoso de pasar a fin de semana en familia. A proposta está inserida no programa 'Faiponting' e forma parte das actividades do 'Picnic' dese día 6, co obxectivo de ofertar unha forma diferente de vivir a cidade de Pontevedra.

Deste xeito, a Illa do Covo acollerá a maiores, pequenos e mozos/as, que poderán gozar, e por partida dobre, do bo facer de Pesdelán á hora de dinamizar grupos de persoas a través da música tradicional. Este proxecto de música para baile pretende cambiar o concepto de público espectador polo de público participante e leva vendidas máis de 4.000 copias do seu primeiro disco 'Na punta do pé'. E o domingo poderemos achegarnos a el ao tempo que xantamos nos postos de comida distribuídos pola Illa.

Pesdelán é moito máis que un grupo de música. Mediante a música en vivo e o ensino de bailes e xogos sinxelos ao grupo de persoas asistente, pretende recuperar o espírito participativo das festas e integrar a todas as persoas sen importar a súa idade, condición física ou experiencia. Unha proposta novidosa e atrevida cunha dobre finalidade: substituír o concepto de público espectador polo de público participante, e como non, pasalo ben.

Unha das integrantes do grupo animaranos a seguir os seus pasos, que nos explicará de forma sinxela e amena, para que todos e todas poidamos unirnos á festa. Acompáñana un grupo de grandes músicos e músicas que interpretarán as melodías tradicionais para podelas bailar. O tempo pasará sen darnos conta mentres aprendemos, rimos, bailamos e coñecemos as e os nosos novos compañeiros de baile.



Movendo pés desde 2008


Pesdelán xorde no 2008 da unión de reputados músicos, bailadores e mestres de coñecidas formacións musicais de Galicia e Portugal tales como Leilía, Susana Seivane Grupo, Xochilmica, Montelunai ou Pula-lle-o-pe, entre outras.

O seu repertorio abrangue temas tradicionais galegos e portugueses arranxados de xeito orixinal e divertido. Sorprendeu nas festas do Apóstolo de Santiago de Compostela no 2008 facendo participar a centos de persoas, no Festival dos Abrazos da mesma cidade, en Barcelona, Quart de Poblet (Valencia), Festival San Froilanciño (Lugo).

Esta é unha proposta didáctica dirixida por Mercedes Prieto e Montse Rivera coa produción musical de Pedro Pascual e colaboracións como Guadi Galego ou Celina Piedade. O traballo publicado en Galicia e Portugal (Pezinhos de lã) pola editorial Kalandraka conta ademais coas ilustracións de João Vaz de Carvalho, un dos debuxantes máis relevantes do actual panorama artístico en Portugal e leva vendidas máis de 4.000 copias.



Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto