Escoita A Sindrome de Nerón, o novo de Machina

Machina volve ter novo material, accesible ademais na rede, despois do 'Ensaio sobre o silencio' do pasado ano. Os de Cerceda presentan 'A Síndrome de Nerón', un EP de 5 temas cuns Machina con máis guitarra e máis raiba, que agacha varios temazos no seu interior. Máis hardcore e menos melódico ou isto foi o que nos pareceu a nós o novo traballo, que  podes escoitar no interior do artigo.


Machina apresentou un novo EP a semana pasada. ‘A Síndrome de Nerón’, 5 temas co selo da banda, aínda que máis rápidos e metaleiros para a ocasión. E moito ollo ás letras. Polisémicas, actuais, un chisco máis agochadas entre as guitarras mais parte capital para abranguer toda a magnitude do EP. Apenas 5 cortes, que teñen un comezo brutal. O tema que dá nome ao disco, cunha letra que acubilla tantos significados coma ouvintes, leva unha cadencia ternaria que se acentúa nas repeticións finais do retrouso. Canción circular que só deixa de xirar con teimosía feroz no crescendo final. Despois, bomba hardcore con Acción-Reacción, da que fixeron videoclip. Tamén moi interesante Mazás mordidas. Grande tema e grande letra. Un deses, que ao estares a gozar cun disco novo,  escoitas de volta. Fódase nace coma un tema de letra típica-tópica pero estoupa no retrouso até que o Fodase! fica a ecoar no teu cerebro. E para rematar, Odio, pondo o ramo a un traballo máis directo e con máis rabia, acorde aos tempos que corren.
Agora, o mellor que podes facer é escoitalo e opinares ti!


{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto