Riobó presenta "Quiral", o seu novo disco

Quiral é o nome deste segundo disco de Riobó, que será presentado esta noite na Cova Céltica da Coruña e mañá venres pola mañá na Baiuca de Arteixo, despois de se estrar onte en Vigo. Os cinco integrantes de Riobó peneiran séculos de música tradicional desde o folk actual para crear a súa imaxe dela, que garda moitísimas semellanzas coa propia tradición mais que non é exactamente igual, mostrando a súa quiralidade.

Pon unha man enfronte da outra. Son iguais? Realmente non. Son dúas imaxes especulares perfectas mais se as queremos superpoñer vemos que os dedos non cadran no mesmo lugar. Eis o exemplo máis sinxelo de quiralidade. Velaí a capa do novo disco de Riobó. As persoas avezadas no estudo das isomerías da química orgánica coñecen ben o concepto. Tamén as que estudan a física das partículas elementais. Para as demais, apenas un concepto difuso que -e só con sorte- as retrotrae aos tempos do instituto.  

Tanta erudición científica no título do segundo disco de Riobó para exemplificar o que a súa música é con respecto á tradicional, que escolle para despois peneirar cunha banda onde o violín de Begoña Riobó marca a pauta a seguir nunha música historicamente pensada e interpretada con gaitas. Xa que logo, Quiral é un traballo onde a música tradicional de séculos pasados e a interpretación da mesma e filtrada polos cinco músicos de Riobó, dende un punto de vista folk contemporáneo.

A tradición e a vangarda míranse nun imaxinario espello onde atopamos as súas coincidencias e a imposibilidade de solapamento, de superposición dunha imaxe respecto á outra…amosando a súa quiralidade. No repertorio de Riobó o quinteto mergullase nas diversas posibilidades dos instrumentos máis tradicionais. Entretecendo a música de autor coa música de raíz. Interpretando pezas para escoitar inspiradas en todo momento nos ritmos máis bailables, nunha aposta clara pola música galega feita e aínda por facer.

Riobó estará en escena a partir de abril presentando o seu agardado “Quiral”. A andaina comezou onte en Vigo e continúa esta mesma noite, ás 22h, na Cova Céltica da Coruña. E terá a terceiraa paraxe mañá sexta feira, na taberna-museu A Baiuca de Arteixo. Tamén xa desde onte é posíbel mercar o disco, que foi gravado pola formación con que Riobó leva xa uns aniños percorrendo o mundo para mostrar a súa música. Eles son:

Begoña Riobó é unha artista integral, que ademais do violín, domina á perfección instrumentos como a zanfona e arpa céltica, da que imparte aulas na escola de música tradicional “e-Trad” de Vigo. Begoña é ben coñecida nos principais festivais internacionais, nos que ten actuado en numerosas ocasións con Carlos Núñez, Solas, The Chieftains, Sondeseu, Anxo Lorenzo, Susana Seivane, Budiño e unha longa lista de grandes artistas.Despois de anos de rodaxe e múltiples experiencias e colaboracións, no 2011 Begoña pon en marcha o quinteto “Riobó” co que grava un primeiro disco de título homónimo.

Marcos Campos, (gaita, acordeón e frautas) Formado como gaiteiro con mestres da talla de Xaime Estévez, Antón Corral ou Carlos Núñez, tomou parte en numerosos proxectos da época máis prolífica do folk galego. A súa experiencia como gaiteiro, e mestre de gaita, levouno a colaborar con The Chieftains nu súa xira europea do disco “Santiago”.

Fernando Pérez (frauta e requinta) Cunha sólida traxectoria no mundo da música tradicional, Fernando ten colaborado con grupos de primeira liña como Xarabal ou Berrogüetto. Actualmente é frautista titular da Orquestra Folk Sondeseu.

Xosé Liz (bouzouki) Un dos músicos máis activos do panorama folk galego. Produtor, compositor e arranxista, domina con mestría os instrumentos de corda e as frautas de traverso, instrumentos dos que é mestre na escola de música tradicional “e-Trad”, en Vigo.

Fernando Barroso, (guitarra) Un dos grandes valores da música galega, cunha prometedora carreira baseada nun xeito vangardista de entender o acompañamento nos instrumentos de corda. A súa xuventude contrasta coa implicación deste músico en numerosas formacións de proxección internacional como Assembly Point, Trim ou X.M. Budiño


Non podes engadir comentarios

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto