Música e pintura urbanas hoxe no Pazo do Faramello

O novo proxecto de Xacobe Martínez Antelo e graffitis en directo hoxe sábado no pazo do Faramello, en Rois. Sábado día 20 de xuño, o músico galego Xacobe Martínez Antelo volve aos Encontros Musicais 2.0 do Pazo do Faramello. Desta volta regresa co seu último proxecto, Chanzo, acompañado por Max Gómez e Alex Salgueiro. Ademais, o graffiteiro NoveNoel fará pinturas en directo durante a sesión musical. Será ás 20 horas cando se celebre o concerto e, como non, ás 18:30 horas poderase realizar unha visita guidada ao Pazo. O serán rematará cun viño e uns petiscos. Aínda podes conseguir entradas para esta novidosa proposta.

Chanzo son Xacobe Martínez Antelo co baixo eléctrico, Max Gómez na batería e Alex Salgueiro cos sintetizadores e teclados. Traerán este novo proxecto ao Pazo do Faramello  coa intención de que o público experimente cunha nova paleta de elementos arriscados e informais, deixando que a música atope o seu propio camiño. Estes tres músicos galegos dispoñen da improvisación como fiel aliada, e comparten como unha obsesión a búsqueda de novos territorios musicais. Chanzo é música negra, pero non só. É groove, pero non só. É jazz, pero non só. Ademais, será a primeira acción cultural que achega a cultura urbana ao pazo do Faramello.

Se ben, hoxe sábado día 20 non só haberá música no pazo, senón que o graffiteiro NoveNoel porá, en directo, imaxes á música de Chanzo. Este novo artista ten feito traballos para o festival Imagina, de San Javier, Murcia, así como outros que podemos ver no Faro de Corrubedo, partipou pintando graffitis tamén para o Festival Intramus, de Valencia, ou na Freguesía de São João en Caldas de Vizela (Portugal), entre outros moitos lugares, feiras e festivais.

Ademais, ás seis e media, terá lugar unha visita guiada ao pazo do Faramello, un fermoso espazo que conta cunha paisaxe natural única e con árbores senlleiras protexidas. Ademais, alberga numerosas obras artísticas galegas, así como elementos declarados BIC (ben de interese cultural).

As entradas, a un prezo de 15 euros, -con dereito a concerto, visita ao pazo e petiscos- xa están á venda en http://www.madapro.es/gl/tenda/ e poden adquirirse nalgúns lugares de Compostela como Merlín e Familia (rúa Xelmírez, 14) ou o SCQ café-bar (rúa das Orfas, 2).

A iniciativa non podería terse levado a cabo sen a organización e produción propia do pazo do Faramello e Mada Producións e sen a colaboración das Adegas Martín Códax, Merlo Branco Producións, Grafideza, Paula Franco Fotografía e Tátara Comunicación.

Germán Díaz e Uxía & Sérgio Tannus

Os Encontros Musicais 2.0 inclúen unha visita guiada polo Pazo do Faramello, así como actividades musicais que combinan o aspecto lúdico co formativo e o gastronómico. A terceira sesión será de novo un sábado, o 27 de xuño. A programación comezará ás 18:30 cunha visita ao Pazo e ás 20h despois será a actuación de Germán Díaz e o seu 'Método cardiofónico'. Nestes primeiros concertos, o aforo será limitado e o prezo da entrada, con copa de viño D.O. máis petiscos será de 15 euros.

Ademais, ao concerto de Uxía & Sérgio Tannus aprazado desde o pasado día 6 de xuño xa se lle está a procurar unha nova data de celebración.

As entradas con dereito a visita guiada ao Pazo, petiscos e concertos de Xabier Díaz, Chanzo e Germánz Díaz están xa á venda, a un prezo de 15 euros, en http://www.madapro.es/gl/tenda/ e poden adquirirse nalgúns lugares de Compostela como Merlín e Familia (rúa Xelmírez, 14) ou o SCQ café-bar (rúa das Orfas, 2). Ademais, poden reservarse no 690 195 217.

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto