As branquias absurdas de Oh Ayatollah!

Oh! Ayatollah estreáronse en abril deste ano cun EP cargado de punk, nihilismo, berridos e impotencia. O Brais Arroutado escribiu esta fantástica crónica un día de Breixit calquera, bo momento seguro para falar de algo tan british como Cancións por se non te quere xa e de paso facer coma os Lannister e saldar a súa débeda. Non deixes de ler a súa crónica e darlle unha escoita a estes cinco temas de OAh! Non te has arrepentir!

É día de Breixit. Últimamente collín o mal costume de escribir os días da vertixe, eses días nos que semella que algo vira, racha, podrece ou cuspe e que estan rodados nun constante plano contra-picado aberrante. Miro a Payet vestido de azul e granate na parede esquerda. A xente que cre nalgún deus faino porque adoita buscar dúas cousas: a salvación divina ou simplemente respostas. Eu, que últimamente só creo en Payet, son dos segundos. Miro para o seu póster como en Looking for Eric, agardando que me dea algunha explicación ao que sucede ao meu redor.

Creo que non hai mellor día ca hoxe para falar de algo tan british coma Oh! Ayatolah, nin para ser tan Lannister como para saldar a miña débeda con Nuno, o cantante do grupo, ao que lle debo este artigo dende vai uns meses. Debe ser ese máis ou menos o tempo que hai que nada me conmove nin me entusiasma, teño a sensación de que me puxeron un cepo cutre e oxidado no corazón no que alguén escribiu raiando cunha chave aquela frase da Terbutalina que apareceu unha vez grafiteada na zona vella, ”nunca pasa nada”.

Cancións por se non te quere xa ten algo diso, se me preguntasen que a que xénero pertence a primeira maqueta dos OAh! diría que son nihilismo entusiasta, aquí non hai unha dirección nin nada semellante, isto son berridos e impotencia porque sabes que che importa tanto a xente que che rodea como ti a eles, nada. Guitarras potentísimas, baixos pegañentos como o chan dun after, berridos estridentes e absurdo nas letras. Non queres esperar a Godot porque sabes que nunca vai vir, pero tampouco tes nada mellor que facer.

Non me resisto a intuír as influencias que creo que van dende os Homens, aos que nos recorda o primeiro tema do EP, Desaparecer, un toque dos Black Lips e ese aire aos Buzzcocks (aqueles que pasaron á historia por ser os Hello Kitty do punk, mimadriña se McLaren levantase cabeza) que ten para min Mr. Satán, pero o certo é que Oh! Ayatolah escapan de toda etiqueta posible, reinventan a carraxe do primeiro punk pero son menos Rotten e máis recycling, transforman toda esa forza nun sentimento limpo sen obxectivo algún, son fillas bastardas do posmodernismo e veñen a cortarlle o pescozo con navallas de barbear.

Os cinco temas que compoñen este primeiro EP, se os escoitamos de corrido, poden incluso marearnos. Xeran unha tensión pop que os convirte en algo confuso, desarraigado e tremendamente potente. Cancións por se non te quere xa podería ser perfectamente a banda sonora de High-Rise, a película de Ben Heatley, porque ambas deixan a mesma sensación de vértigo e logran recrear un caos de relacións persoais descompostas nun magma selvático e urbano con liñas estéticas paralelas. Non creo que ningún grupo do mundo se presente na súa primeira maqueta con esta actitude tan after-after, estando xa de volta de todo. Quizais non sexa nada ou quizais non sexa para tanto pero son o máis prometedor e orixinal que deu este curruncho en tempo.

Volvo mirar a Payet e segue sen darme respostas, sona Animal, ”a xente está contenta, que é o peor que podía pasar”. Volvo pensar en High-Rise e síntome Robert Lang clarividente entre os escombros ao igual que as OAh! A todas nos saíron branquias absurdas para sobrevivir ao caos.

TEXTO: Brais Arroutado

IMAXES: ohayatollah.bandcamp.com

Non podes engadir comentarios

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto