O libro "Amadeo Goyanes e as Zanfoneiras de Monforte" preséntase mércores 1

O vindeiro mércores 1 de abril presentarase en Monforte o libro+CD sobre a figura de Amadeo Goyanes Vázquez. Unha investigación a fondo sobre un dos precursores do rexurdimento da zanfona no noso país, levada a cabo por Pablo Quintana. O dúo formado poloss galegos Óscar Fernández, zanfona, e Carlos Quintá, acordeón, e mais a actuación da canadense Tobie Miller, por vez primeira na Península, amenizarán o acto.

En 2015 cúmprese o centenario do nacemento do monfortino Amadeo Goyanes Vázquez e o XX aniversario do seu pasamento. Un momento no que deterse para profundizar no coñecemento dunha figura clave e fundamental na música tradicional galega e particularmente no movemento de rexeneración da zanfona en Galiza, onde foi todo un pioneiro.

Por iniciativa de aCentral Folque e grazas ao apoio do Concello de Monforte e da Área de Cultura da Deputación de Lugo púidose dar forma a unha demorada e exhaustiva investigación sobre a vida e a obra de Amadeo levada a cabo polo afamado Pablo Quintana que agora ve a luz.

Este traballo na súa forma definitiva de libro (con CD) “Amadeo Goyanes e as zanfoneiras de Monforte” será presentado na Casa da Cultura de Monforte o vindeiro mércores 1 de abril ás 20 h. A xornada que contará cun concerto de Tobie Miller + Dúo Fdez&Quintá e a palestra de presentación co autor do libro Pablo Quintana, o coordinador da serie Chave Mestra, Ramom Pinheiro Almuinha, o responsável de cultura da Deputación provincial Mario Vázquez e a concelleira de cultura de Monforte, Pilar López. Aproveitando a efeméride do centenario do seu nacemento e XX aniversario da súa morte, aCentral Folque pretende salientar o traballo fundamental dun persoeiro que fundou a primeira escolanía de zanfonas de Galicia, constructor humilde e mestre  gaiteiro e zanfoneiras.

O resultado é un libro con CD cun detallado texto sobre a vida e traballo musical de Amadeo Goyanes ameno e curioso para todos os públicos: partituras editadas para os músicos e especialistas da zanfona e un disco compacto no que se encontran inéditos de Amadeo Goyanes. Ademais deses históricos rexistros, graváronse especialmente para esta publicación músicas do seu repertorio e novos temas saídos da factoría da aula de zanfona da Escola Livre da MPG sita en Santiago de Compostela, atendida polo prestixioso zanfonista Óscar Fernández, no que pretende ser unha homenaxe As zanfoneiras de Monforte, a primeira escolanía de Zanfona de Galiza impulsada por Amadeo Goyanes.

Neste acto central de homenaxe a Amadeo no seu centenario non pode faltar a música de zanfona. Será  a actuación de dúas destacadas referencias a nivel galego e internacional. Por unha banda o mestre da Escola Livre daMPG,  Óscar Fernández acompañado ao acordeón de Carlos Quintá que interpretarán algunhas melodías tradicionais e de autor, con especial atención ao repertorio rescatado do propio Amadeo Goyanes. Para pechar a xornada no que pretende ser unha homenaxe ás Zanfoneiras de Monforte convidamos á intérprete feminina máis recoñecida do mundo, a canadense Tobie Miller, virtuosa do instrumento que actuará como solista por primeira vez na Península, presentado o seu último traballo “Journeys”.

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto