Nace Ouve! fanzine sobre a música galega

Un novo fanzine en papel vai darse a coñecer no festival da Candeloria. Alí repartiranse 1.000 exemplares gratuítos do número 0 de Ouve! Coa visión de futuro -e de negocio- que nos caracteriza, vari@s gzmusiqueir@s estamos metidos nesta aventura que naceu terradentro, no Castro de Caldelas. Desde a serra, Xose Manuel Rodriguez deseña e maqueta o fanzine que tamén se imprime en terras ourensás. Xa sabes, abre ben as orellas e...Ouve!

Alén dos exemplares que se repartirán na Candeloria, o fanzine Ouve! tamén se distribuirá por centros sociais e locais do país. Gratuíto, cunha periodicidade trimestral, Ouve! achegaranos a actualidade da música galega. Ouve! nace do traballo de Xose Manuel Rodríguez, membro da organización do Ponte Louco do Castro de Caldelas, localidade na que vive este ano por motivos laborais Lavesedo, un dos argallantes de GZmúsica, que axiña se uniu nesta aventura. Eles dous máis Paula Fernández forman a redacción de Ouve! que neste primeiro número conta cun bo número de colaboradores. Lety GF, Xabicas e Lucía Mallo nas fotografías e Miguel Duarte, Saínza Murias, Brais Arroutado e Antonio Pazos con diversos textos, compoñen a nómina de persoas que botaron a andar este primeiro número do fanzine. Xa sabes, se vas estar polo festival da Candeloria anda atento para te facer cun exemplar. E se non vas ir, nun par de semanas de seguro que tes o Ouve! para ler no centro social ou nalgún local da túa vila ou cidade. A vindeira semana anunciaranse os lugares onde Ouve! estará dispoñible. 

Deixámosvos o seu editorial, para que vexades de que vai a cousa:

"Somos OUVE! E somos raras. Decidimos montar un fanzine en papel, gratuíto, sobre a música galega, desde o Castro de Caldelas para a terra toda. Non se nos pode negar a orixinalidade e a visión de futuro. Porén, desde a máis absoluta marxinalidade prometemos caer nas túas mans sempre que a situación o requira para che revirar un pouco os sentidos coa actualidade musical do país. Declarámonos fillas non recoñecidas da Bravú!, netas guerrilleiras do Cuco de Velle, e irmás pequenas do estourido da música galega do século XXI.

Porque Galiza é un país que ferve en festivais, en grupos de música, en seareiras que demostran que temos unha escena musical potente. Dentro dos nosos limitados medios mais con toda a ilusión e o agarimo que lle temos á música galega, en OUVE! atoparás reportaxes sobre festivais, reseñas das novidades musicais, entrevistas e moitas cousas máis.

Agora xa o sabes, velaquí nos tes preparadas para facerche ouvir o que mellor soa na Galiza. Fai bo uso de nós, lenos de cabo a rabo ou empréganos para acender o lume da lareira. OUVE! val pra todo."

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto