A Romería Rock Arenteiro e o OurenRock Sound, a última fin de semana de maio e a segunda de xuño respectivamente, serán as primeiras citas -aínda nesta primavera- dun verán festivaleiro que volverá encher de música todos os recantos do país. Dakidarría, Ezetaerre ou Rebeliom do Inframundo, dentro das propostas nacionais, e El Drogas, El Último Ke Zierre, 13 BATS, Riot Propaganda ou Xavi Sarriá, chegados de fóra, andarán pola vila do Arenteiro e pola cidade das Burgas dando o pistoletazo de saída a un verán que se presenta intenso.

A primeira destas grandes citas festivaleiras será a RomeríaRock Arenteiro. O sábado 26 de maio, con entradas desde 12€+gastos, Dakidarría, El Último Ke Zierre, 13 BATS, 33 Malandras, Susie Q'S e Nube Kingston pasarán polo escenario situado no Parque Municipal do Carballiño. Concretamente, será a zona das Barcias onde se celebrará o festival. A RomeríaRock aposta polo formato diurno e familiar, con actuacións que comezarán ás 11 da mañá e rematarán ás 23:30h. Unha aposta moi interesante, non sabemos se arriscada, que permitirá que, máis alá do público festivaleiro típico, as familias se acheguen a gozar coa música. Un formato, este diurno, que funciona moi ben no Surfing The Lérez ou no Festival do Leite e que desde logo racionaliza as xornadas maratonianas que acaba realizando noutros festivais todo o persoal, desde bandas a técnicos, xente das barras, etc. Velaquí vos queda o vídeo promocional do festival.

Dúas semana despois, o 8 e 9 de xuño, o epicentro musical do país trasládase a Ourense. Unha nova edición do OurenRock Sound, que traerá até Bemposta formacións como Riot Propaganda, El Drogas, Talco, Bohemian Betyars, Ezetaerre, Rebeliom, Blues do País, Pauliña, Brincadelia Troupe, etc. 30 euros o abono dos 2 días, con dereito a acampada, e 20€ se se trata de entrada para un só día nun festival que xa o ano pasado nos deixou grandísimos momentos nun lugar tan máxico como Bemposta. Desde as 8 da tarde da sexta feira 8 de xuño até as 5 da mañá do domingo 10, moitísima música nos diversos escenarios do festival. Eis os horarios completos:



Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.