Volve o rock Bravú, se é que algunha vez marchara. Este ano cumpríronse 25 anos do banquete inaugural daquel movemento xerminal da música en galego, que naceu o 1 de novembro de 1994 en Chantada, na véspera do II Castañazo Rock e dediante dunha boas postas de cocido. Igual que fixeran hai 5 anos co gallo do 20º aniversario, varias actividades e concertos reinvidicarán a importancia do Bravú, nunha xeira que comezou xa na Coruña a pasada fin de semana.
Xa o pasado venres 6, a Mardi Gras coruñesa acolleu un concerto dos Rastreros e Banda Xangai que supuxo o primeiro dos 3 eventos musicais programados por este 25º aniversario Bravú. A vindeira parada será en Mos, na cada vez máis consolidade Sala Rebullón. Aló terá lugar unha nova edición dun festival ben bravo que levaba extinto varios anos. O Rebumbio de Mos, histórico festival do sur do país que celebrara a súa última edición no 2013 -até foi soterrado como merecía no 2014- pero que rexorde agora da man do XXV aniversario do Manifesto de Viana.
Os Rastreros, que xa estiveron na Coruña a pasada sexta-feira e seguen a ser o grupo referencial do movemento, mais O Caimán do Río Tea -achega do Condado ao Bravú, coñecidos polo seu megahit televisivo 'Estou na lavadora', e Os Podridos, un grupo de Beade que facía Bravú antes de que tan sequera se inventara o concepto.
E como ramo desta conmemoración bravía, o 21 de decembro volve á Coruña un concerto que xa se fixo tradición nos últimos anos na cidade. Os Diplomáticos de Monte-Alto na Mardigras. Unha outra volta de porca da lendaria banda coruñesa na súa cidade. Momento coruñento.
Aquí vos deixamos un texto de Xurxo Souto falando deste 25º aniversario:
1994/2019 , XXV ANOS DE BRAVÚ
“No verán o sistema é comer churrasco, no inverno o sistema é comer cocido” , palabras do dono de “El Caballero”, taberna farturenta da aldea de Viana, coñecida por motivos obvios como “O Sistema”. Como era inverno, evidentemente, ceamos cocido. 1 de novembro de 1994, vésperas do II Castañazo Rock. Convocados polos Rastreros aló chegamos: de Lourenzá os Skornabois, de Vimianzo os Impresentables, dende Ponteareas o Caimán do Río Tea, da Coruña os Papaqueixos, os Bochechiñas dende Vigo, de Monte-Alto os Diplomáticos. E até apareceu Manolo Rivas, un chisco tarde, pero con desculpa. Conforme aterrou o seu avión transatlántico dende México, colleu dirección Chantada. Galiza estoupaba en rock &roll. Todos sabiamos de Negu Gorriak no País Vasco, ou de Mano Negra en París. Mais os Skornabois de Lourenzá non tiñan noticia dos Impresentables de Vimianzo, e viceversa. Afortunadamente os Rastreros decidiron superar tanta incomunicación. A carne prestou e nos brindes, mollada en licor café, agromou a palabra talismán bravú . O cheiro da carne do monte, sen castrar. Metáfora do que queriamos facer, música do noso tempo mais cun cheiro definitivo do lugar onde nacemos.
E aconteceu algo extraordinario. Inmediatamente houbo grupos “bravús”, grupos “anti-bravús”, grupos que eran e logo non foron, grupos que non eran e que logo viñeron a este retrouso. Un brinde dun grupo de rapaces que foi quen de incidir niso que se chama “cultura”. Un fato de xente nova reunido , non nunha cafetería da Coruña, nunha asemblea de estudantes en Santiago, ou nun pub de Vigo, senón na contorna marabillosa da taberna do “Sistema”, a converter a aldea, por primeira vez, no centro do mundo. Insisto, un exemplo de esperanza dende a xente para mudar a realidade, tamén en materia de música.
Por iso, vinte e cinco anos despois, quero expresar aquí con foguetes de sete estalos a felicidade extrema que nos deu o bravú. E de remate...-xa o dixo Alexandre de Fisterra, inventor do futbolín- que continúe ! Só agardo que unha nova formada de rapazas e rapaces volvan xuntarse onde lles pete decididos a deixar de ser espectadores, e converterse en verdadeiros protagonistas do seu tempo. Afortunadamente somos un pobo de artistas, e nesta fin do mundo temos paixón a eito –tamén no terceiro milenio- para tronzar o Universo !
Xurxo Souto