A inmensa maioría dos festivais do país adiaron ou suspenderon os concertos deste ano. Porén, seguen a traballar, desde as redes e enfocados xa a vindeira edición. Por exemplo, o Festival de Ortigueira que vén de anunciar que bota a andar o Runas 2020 para grupos noveis, con varias novidades.

Os 3 finalistas que saian do concurso deste ano xuntaranse cos 3 finalistas do Runas 2021 para actuar no Festival 2021. Ortigueira pasará de 4 a 5 xornadas na vindeira edición, cun día dedicado en exclusiva ao Runas -coas 6 bandas finalistas de 2020 e 2021, que cobrarán 1500€ pola actuación- do que sairán os 2 gañadores que tocarán no escenario principal no 2022, 3000€ neste caso de caché polo concerto. Por outra banda, os xaponeses Yuki Kojima Band e os galegos Dequenvessendo empataron o verán pasado na final do Runas 2019. Ambos os grupos percibirán 3.000 € e actuarán no 2021 no escenario Estrella Galicia.

Pero non só muda a estrutura do Runas. O concello de Ortigueira centra nas redes sociais os esforzos para impulsar o contacto cos seguidores do evento. Reforzará a campaña de difusión do concurso de novos talentos e estenderá o período online de votación, no que cada persoa poderá elixir os seus artistas favoritos até o 8 de xullo.

Deste xeito o festival intensifica nas redes a promoción e posta en valor do proxecto de promoción dos novos valores da música Celta. O Runas terá tamén máis presenza no Festival, que engade un día enteiro a súa programación de dicado por completo ás actuacións dos finalistas do concurso.

Yuki Kojima Band no seu concerto no Runas 2019

Poderán tomar parte no concurso as formacións cuxo repertorio aborde a música tradicional dos países de orixe celta, en sintonía coa música habitual que se programa no Festival, calquera que sexa a súa procedencia. O material para participar poderá enviarse ata o luns 15 de xuño e o proceso de selección constará de 2 fases:Unha primeira fase onde un comi té técnico nomeado polo Concello de Ortigueira fará unha selección dun máximo de dez traballos de entr e os recibidos que reúnan todos os requisitos. E unha segunda fase onde os traballos dos dez grupos seleccionados poderán escoitarse na páxina web do evento www.festivaldeortigueira.com a partires do luns 22 de xuño , momento no que se activará o proceso de votacións online e que finalizará o mércores 8 de xullo ás 14 h.

Dequenvessendo ao vivo na Coruña no 2018

Os finalistas determinaranse por un sistema de cinco votos. Un voto sairá da votación popular na páxina web do Festival, e os outros catro votos procederán dun xurado composto por músicos, xornalistas musicais e promotores seleccionados polo Concello. O tres grupos finalistas , serán anunciados na páxina web o martes 14, mércores 15 e xoves 16 de xullo, día no que tiña previsto comezar o Festival de de 2020. Anunciarase un grupo finalista cada día. Desde a elección dos finalistas ata a celebración do festival, realizarase a promoción dos grupos finalistas a través da publicación dos seus temas, entrevistas, vídeos, ou aquel material do que dispoñan ou xeren neste tempo nos perfís oficiais do festival en redes sociais, así como na web www.festivaldeortigueira.com .

Os grupos finalistas serán contratados para actuar no festival 2021 , onde cada grupo disporá de corenta minutos de actuación. Dos seis grupos que actuarán en 2021, (os tres finalistas de 2020 xunto cos 3 fina listas de 2021) escolleranse polo xurado aos 2 grupos merecedores de participar no Festival do ano 2022, que serán contratados para o dito fin e percibirán un caché de 3.000 euros, IVE incluído.

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.