A organización do Festival do Mundo Celta vén de anunciar hai unhas semanas as datas da edición de 2025. O Festival de Ortigueira amplía unha xornada máis a súa próxima edición para homenaxear á Escola de Gaitas no seu 50 aniversario. A organización aposta por ampliar as datas de catro a cinco días de duración, do 9 ao 13 de xullo.

O 2025 será un ano para o recordo para a Escola de Gaitas de Ortigueira que celebra o seu 50 aniversario, un fito significativo co que se celebra a súa dedicación, preservación e promoción da música tradicional galega. Con este motivo, o Comité Organizador do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, reunido a semana pasada, decidiu ampliar un día máis as datas do festival, coa intención de adicar unha xornada especial ás cinco décadas de historia da Escola de Gaitas. ‘A Escola’ (como se coñece entre os ortigueirenses) é un piar fundamental na organización e desenvolvemento do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira desde que o fundou en 1978. Este converteuse nun dos eventos musicais máis multitudinarios de toda España e nunha cita ineludible do verán, así como un dos referentes mundiais do folk e da música celta.

A programación cultural e musical do festival terá unha duración de cinco días, do mércores 9 de xullo ao domingo 13 de xullo, ampliando un día máis a duración do evento respecto á edición do 2024. Mantendo a liña dos últinos anos a programación centrarase en atraer a grupos de referencia do panorama Celta internacional pero prestando especial atención atención tamén ás novas propostas emerxentes da escena tradicional galega.

O cartaz completo será presentado nos vindeiros meses e, como xa se anunciou, será obra de Mónica Fustes, veciña de Espasantes elixida polo Comité Organizador. Mónica é unha destacada artista e profesional do marketing, que co seu cartaz representará o espíritu do Festival e homenaxeará o medio século de vida da Escola de Gaitas de Ortigueira.

+ INFO festivaldeortigueira.com

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.