Unha finca á beira do Masma, -na parroquia de Celeiro de Mariñaos, na Mariña-, vai ser o epicentro musical da comarca este sábado 16 de xuño. O Colectivo Cultural Ollomao e mais os Tumba e Dálle, -grupo local-, están atrás desta iniciativa que nace co obxectivo de se converter en referente dos afeccionadxs á música galega da comarca da Mariña. Feira de artesanía, roteiro cultural, billarda...e música! Ao son do Masma.


A xornada comezará pola mañá coa apertura da Feira, con numerosos postos moi variados: instrumentos musicais, alimentación, complementos, traxe tradicional, etc. que encherán de vida e cores a beira do Masma. Tamén antes do xantar hase realizar un roteiro pola beira do Masma, co obxectivo de dar a coñecer e pór en valor esta paraxe do concello de Barreiros que tan importante economicamente ten sido no seu momento. Arredor do Masma centra o Colectivo Cultural Ollomao a actividade deste ano 2012 co fin de reivindicar os recursos naturais e económicos de Barreiros.

Na hora do xantar, a organización contará con racións  e bebidas a módicos prezos para que as persoas asistentes poidan disfrutar de toda a actividade sen necesidade de saír da propia finca na que terán lugar as actividades.

Precisamente, contra a hora da xanta comezarán as actuacións musicais. O Grupo Arandela do Incio, que animará toda a xornada, será o encargado de empezar coa música e a continuación terán lugar obradoiros de baile, instrumentos musicais, artesanía, etc. Tamén se celebrará o I Aberto de Billarda do Masma. Para estas actividades, os organizadores contán coa colaboración doutras asociacións do concello como O Arco da Vella ou O Varal, “tecendo lazos de colaboración e traballo conxunto entre asociacións para optimizar os recursos e lograr que, ademais, esta sexa unha xornada de convivencia do mundo asociativo barreirense”, segundo explica Tamara Rubiños Varela, membro do colectivo Ollomao.

Xa á noite chegarán os concertos. Un cartaz de altura, cos anfitrións Tumba e Dálle, ao carón dos grupos Os Modernos, Tanto Nos Ten e Quempallou.

Xoán Manuel Díaz Branco, membro dos Tumba e Dálle, afirma que “nesta primeira edición quixemos contar coa presenza de Quempallou, un grupo xa consolidado na música galega, que vén de editar o seu cuarto disco e que pon o culme a unha xornada de convivencia e festa que agardamos que sexa a primeira de moitas”.

A organización do festival contará tamén cunha zona de acampada habilitada para que as persoas que o desexen poidan pasar a noite e disfrutar do I Ao Son do Masma sen preocupacións.

As asociacións organizadoras amósanse moi ilusionadas con esta actividade e animan a asistir durante todo o día para poder tomar parte de todas as actividades programadas.

Queres ver os Tumba e Dálle a tocar enriba dun camión? Pois dálle ao play!!



Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.