A parroquia cullerdense de Castelo prepárase para recibir este venres 24 de agosto unha boa selección do mellor humor e a mellor música feita en Galicia: Xosé Antonio Touriñán, Carlos Blanco e Xosé Manuel Budiño, Recambios Tucho, Familia Caamagno, a Orquestra Aconfónica, Los22 e París DJ. Organizado pola Asociación Castelo Deporte, o festival contará con zona de acampada de balde ao pé do monte Xalo. As actuacións comezan ás oito do serán.


Por cuarto ano consecutivo, a asociación Castelo Deporte e a Comisión de Festas de Castelo organizan o Castelo Son, un festival que este ano cambia de nome para manter a esencia do que durante estas tres pasadas edicións foi o Castelo Music Festival, polo que pasaron grupos e DJ's da talla de Shine, DJ Goro ou Skarallaos. Desta volta, e en colaboración co Concello de Culleredo e Airapro Producións, o evento certifica un salto á primeira liña dos festivais do verán galego coa particularidade de manter a súa condición de festa gratuíta e aberta ao público de toda a comarca coruñesa.

O actor e presentador da Televisión de Galicia, Xosé A. Touriñán, nado na propia parroquia de Castelo, exerce de padriño dun festival que contará o venres 24 de agosto desde as 20.00 horas co espectáculo de Carlos Blanco e Xosé M. Budiño 'iLalelo', e coa banda do guitarrista de Heredeiros da Crus, Recambios Tucho, como cabezas de cartel. O grupo coruñés 'Los22', os carraleses 'Orquestra Aconfónica' e Familia Caamagno (Sigueiro), completarán un espectáculo no que o pincha local París DJ. será o encargado de poñer o punto e final na madrugada do Xalo.

Un ano máis, a organización do festival habilitará unha ampla zona de acampada, a poucos metros do recinto do evento, que se enmarca na programación das festas de Castelo, parroquia do concello de Culleredo, que durante esa mesma fin de semana, e o venres posterior, celebra o tradicional San Ramón.

No vídeo, a Familia Caamagno no Psicotroita deste ano.



Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.