O pasado 21 de decembro, suposto día da fin do mundo, celebrouse en Camos (Nigrán) o festival Berra!. Moitos pensamos que este ano xa non contaríamos co festival, debido aos tempos que corren e o pouco apoio dalgúns concellos a este tipo de eventos. Pero aínda así o Colectivo Berra! (soporte alternativo de cultura do Val Miñor), tirou cara adiante e conseguiron levalo a cabo, este ano de forma totalmente autoxestionada, polo que pedían que a xente mercase o bono axuda ou entrada, non para gañar cartos, se non para tentar cubrir gastos.

O evento deu comezo a media tarde, sobre as cinco e media, coa programación para os máis pequerrechos da familia. No Centro Cultural "A Camoesa" os nenos poideron debuxar, colorear, collage, facer mouchos ou morcegos con rolos de papel reciclados, maquillarse e decorar a cara con motivos de animais entre outras e ata tiveron un obradoiro de decorar galletas. Despois de todo iso chegou con traxe e luvas vermellas o Mago César para entreter os cativos, algúns deles xa estaban en primeira fila agardando impacientes.

Os concertos deron comezo sobre as nove menos cuarto. Os veciños de Baiona-Baredo Kallaikoi foron os primeiros en subir o escenario. Pese a que o recinto aínda estaba bastante baleiro comezaron con moita forza. Este grupo formado por batería, gaita, baixo e dous guitarras (un deles cantante) amosaron temas propios e versións moi coñecidas como algunha de "La polla".
Os segundos en tomar posesión do escenario foron os integrantes  do grupo coruñes, -formado a principios do 96-, Konflikto. A banda é dificil metela dentro de un só estilo xa que aparte do rock ou o punk, amosa tamén algunha influencia do hardcore. A banda tocou entre outros os temas que adican aos "yankis" ou aos policías "sacaollos" entre outros. A sorpresa foi que trouxeron con eles dende Culleredo a artísta Lydia Botana. Nesta colaboración deixou a batería e a percusión de lado para acompañalos nun tema co acordeón e noutros como "El patio de mi carcel" o "La enana" (tema adicado a filla do cantante) co teclado. E o susto foi cando no último tema do grupo marchou a luz e quedamos por uns segundos sen luz e son.
Pasado o susto un dos pratos fortes da noite íase preparando. Chegados dende Vitoria-Gasteiz os Segismundo Toxicómano viñeron amosar os siareiros máis punks temas dos seus 7 discos de estudio.
Que por certo, as 100 primeiras persoas en mercar a entrada foron agasalladas co último cd “Ke No Cunda El Pánico” por parte da banda. Tocaron temas do seu anterior disco como "Una bala" (tema que dá título ao disco) ou "Hoy como ayer", e outros moito máis míticos coma "Mi vida" ou "Por ti" no que o público se animaba moito máis do que xa estaba, posto que neste concerto xa se podía dicir que na carpa había calorciño. Co tema "Las drogas" semellaba que marchaban, máis só foi o amago para a traca final.
Outro dos pratos fortes foron os madrileños Habeas Corpus, que dende o ano 93 que comezaron xa levan máis de dez de discos editados. Habeas foron os encargados de pór o toque máis metal a noite. Elixiron para amosar o seu hardcore punk ou metalcore (segundo quen os defina) temas como "Por una vez", "Nada os va a salvar" ou os que abren o disco Justicia, "La riqueza es un crimen" e "Ni una más", así como outros dos máis míticos da banda como "Cada vez más odio" o "Fascismo nunca más".
Os encargados de pechar os concertos (que non a festa) foron os da casa, da casa non só por lugar de procedencia, se non porque parte de Dakidarría está na organización do festival. A banda está composta por xente do Val miñor e do Morrazo, e como vai de mistura a cousa tampouco se pode poñer unha soa etiqueta musical a banda, hai temas que soan máis punk, mentres outros máis ska e ata algún camiña cara ao reggae. Coma sempre tocaron repertorio de todos os álbums ou incluso daquela maqueta sacada hai 10 anos e chamada Diskordia Nas Rías Baixas. Escoitamos temas como "Algo ke romper", "Rebelde corderito", "Mil berros" ou "A mocidade activa", para facer o spring final dos últimos 3 temas do tirón posto que xa se botaba o tempo enrriba, este spring constou da fusión do tema "Zambra" co "Billy Joe" de Agua Bendita, e como non os temas que máis teñen que ver co noso país e coas Rías Baixas "Non se vende" e "Terra" no que subiu ao escenario a cantar e brincar case o colectivo berra! o completo,  o que sen dúbida foi o momento máis emotivo da noite.
Con isto chegaba o momento de cortar o son da carpa, e voltar cara ao centro cultural. Pese a que parecía pechado, na planta baixa improvisaron unha sala de baile para que os Increpula Sound System lles desen aos pratos e pinchasen dende algún que outro reggae mítico, pasando por Skrillex ou misturando temas de debuxos animados como Marco coa electronica máis actual ata a madrugada.
Animo e forza rapaces!!! Que non se diga que a xuventude das Rías Baixas non tenta ofrecer cultura alternativa!!!

{artsexylightbox picasaUser="gzmusicaweb" picasaAlbum="VBerra"}{/artsexylightbox}

TEXTO: Lety GF
FOTOS: Carlos Gende


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.