O sábado 26 de xaneiro de 2013 constituíase en Santiago de Compostela a Federación Galega de Festivais. 15 asociacións sen ánimo de lucro, organizadoras todas elas de festivais de música na Galiza, deciden xuntar esforzos para optimizar os seus recursos e garantir a supervivencia da rede de festivais que ao longo de todo o ano serve de altofalante á música do país.


Na mañá do pasado sábado, entre o neboeiro que cubría a comarca de Compostela, representantes de varias das asociacións sen ánimo de lucro que turran do entramado festivaleiro galego ían chegando ao lugar acordado. A cita era no Polígono Industrial do Tambre. Nun local cedido pola Asociación Galega de Empresas Musicais constituíuse a Federación Galega de Festivais, que bota a andar co obxectivo de promocionar a música do país e a organización de concertos e festivais, con especial atención ás comarcas rurais. Pretende, ademais, dar apoio ás asociacións que dinamizan o tecido cultural galego e fomentar a comunicación e o intercambio de ideas entre elas.

A nova federación acolle polo de agora as asociacións organizadoras do Castañazo de Chantada, o Revenidas de Vilaxoán, A Festa da Poesía do Condado, o Treze-Catorze de Salceda, o Vibra do Bierzo, a Festa Folc de Vilariño, o Rebumbio de Mos, o Terra Brava do Incio, o Festival Furtivo e o A Chorar a Cangas desta vila, A Rebusca e A Rebusca de outono de Manzaneda, o Festival das Brétemas de Ponteareas, o San Martiño Caníbal de Sarria, o Festival Taíña de Goián, o Castelo Rock de Muros e o Berra Val Miñor. Moi logo ha aumentar o número de festivais, xa que hai varias asociacións que por distintos motivos non puideron enviar ninguén a Compostela ou non achegaron a documentación precisa para constituír a federación pero que se han asociar na vindeira Asemblea Xeral da federación, a primeira, que se prevé celebrar contra o mes de marzo. Ademais, desde a federación se quer facer un chamado ao tecido asociativo do país vinculado á organización de festivais musicais para se integrar neste proxecto que pretende darlle pulo á música ao vivo no país. Polo de agora, o contacto da Federación é o enderezo e-mail: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..
Tod@s sabemos que con unión e organización podemos facer moitas cousas, agora é o tempo de tentar facelas.


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.