Este sábado 20 de abril en Rianxo, coincidindo coa celebración do Antrospinos Miúdo, a Federación Galega de Festivais de música volve celebrar unha xuntanza. A cita é ás 13h no Salón de Plenos do concello do Barbanza e á reunión están convidadas as Asociacións Culturais xa integrantes así como aquelas outras que queiran informarse de como formar parte da Federación.


Após da Asemblea constituínte celebrada en Compostela o pasado mes de xaneiro, a Federación Galega quedou legalizada no mes de marzo, despois de presentar toda a documentación pertinente na Xunta e recibir a conformidade da Administración. Agora, as 15 asociacións comezan o traballo en conxunto e fan un chamado a outras asociacións organizadoras de festivais de música do país para se integrar na Federación. Lembran que para formar parte do colectivo é preciso ter unha acta da asociación incluíndo a decisión de unirse á Fegafe e o nome do representante da asociación na Federación. Fotocopia CIF da asociación e DNI do representante. Tamén unha solicitude de inscrición, alén de pagar os 17,70 euros de taxas por cada asociación para a Xunta.

Desde a Federación convidan as asociacións interesadas a asistir a algunha asemblea para coñecer os obxectivos e proxectos de Fegafe e decidir deste xeito se lles interesa pasar a formar parte dela. Na que terá lugar este sábado, tratarán as solicitudes de inscrición xa existentes, -varias asociacións xa confirmaron que solicitarán entrar en Fegafe-, crearán un calendario conxunto dos festivais do 2013 e falarán acerca doutros aspectos da promoción conxunta.

A Federación ha celebrar máis asembleas nos vindeiros meses, coincidindo coa data de celebración dalgún dos festivais xa integrantes, nos que seguirán a traballar para botar a andar a iniciativa, unindo máis asociacións á iniciativa e dando os primeiros pasos en conxunto. O 4 de maio en Salceda de Caselas, co gallo do Treze-Catorze deste ano, probablemente teña lugar a vindeira destas reunións.

E despois da asemblea de Fegafe, festa rachada! O Antrospinos Miúdo con Familia Caamagno, Ulträqäns e Os 3 Trebóns porá o punto final á xornada.

{fcomments}



Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.