A consellaría de Cultura presenta a sexta edición do festival de músicas Espazos Sonoros, que se desenvolverá do 8 de setembro ao 27 de outubro de 2013, en espazos de interese cultural ao longo da xeografía galega. Nesta sexta edición do festival, destaca a presenza da formación vocal inglesa Gothic Voices, un dos mais nomeados grupos especializados na interpretación de música medieval, que actuará na igrexa de Santa María de Armenteira o domingo 6 de outubro. Un espectáculo de danza coa Cía. trasPediante, o guitarrista Marcos Teira, o arpista Emilio Cao, o grupo Odaiko ou Caxade son algunhas das propostas que completan o programa desta nova edición.


Unha programación que combina música, danza, poesía e actividades ao aire libre para o coñecemento do medio e do patrimonio

Concertos de música antiga, contemporánea, música de cámara, música para órgano,en harmonía con músicas que se resisten ás etiquetas, son ingredientes básicos desta edición 2013. O programa contará, como é habitual, con algunha das máis interesantes propostas de formacións e solistas que traballan en Galiza. Ademáis, contará coa presenza do grupo vocal inglés, Gothic Voices, un dos grupos senlleiros na interpretación de música medieval, que actuará por vez primeira no país. O guitarrista Marcos Teira, o grupo Odaiko, Il Combattimento, a organista Marisol Mendive, Música Acordada, The Delightful Companion, DandyLady, a Cía. de danza trasPediante ou o artista revelación do 2012, Caxade, forman o elenco de propopostas que, durante os meses de setembro e outubro, porán son a espazos excepcionais do noso patrimonio.


Nesta nova edición, o festival contará demáis cunha oferta de actividades paralelas á programación musical orientadas a todo tipo de públicos: obradoiros didácticos para público infantil, visitas guiadas polos espazos, actividades ao aire libre, ademáis do xa habitual espazo Escoitas arredor de..., este ano adicado ao cantautor e arpista Emilio Cao.
Un dos puntos fortes da programación segue a ser o interese pola difusión dos valores do patrimonio organístico. A exitosa experiencia das Roldas pola paisaxe organística galega iniciadas na pasada edición, continúa a súa andaina polos órganos da provincia de Ourense. Nela, o público é convidado a se achegar para coñecer e escoitar, en primeirísimo plano, algúns dos nosos máis interesantes órganos históricos. Ademáis,haberá concertos para órgano nas igrexas de Xunqueira de Ambía e San Rosendo de Celanova, e os e as máis cativas, terán oportunidade tamén, de participar nun obradoiro para aprender a construir o seu propio tubo de órgano de cartón e madeira e facer, deste xeito, un primeiro achegamento ao mundo do órgano e ao oficio do organeiro, nunha amena tarde de xogo e música en San Rosendo de Celanova.
Outros dous obradoiros, tamén para todos os públicos, un de música antiga dedicado aos instrumentos antigos de corda, e outro dedicado á improvisación, completan o apartado didáctico do programa.
Alén de concertos e obradoiros, poderemos asistir a un relatorio sobre a música na prehistoria da man de Lorena López Cobas, autora do libro Historia de Música en Galicia, tras realizar un roteiro guiado polo castro de Baroña.

Na web do festival podes consultar a programación completa.

{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.