"O mellor festival con entrada de balde do país” segundo os organizadores, contará coa presenza do Sonoro Maxín, Terbutalina, Medomeda e A Compañía do Ruído nesta nova edición do Rock in Rian. A que constitúe a quinta deste festival rianxeiro celebrarase este sábado día 14 e chega cargada de boa música e de novos apoios, coma o de Culturactiva SCG na produción do evento. Serán 7 horas de festa de calidade e con entrada de balde.



Tal e como afirmaron os organizadores esta mañá en conferencia de prensa, a Comisión de Juadalupeñas, esta edición o Rock in Rian “reinvéntase e procura dar un salto en calidade, sona e difusión” conseguindo o apoio do concello, por unha banda, e organizando o festival de xeito profesional coa entidade Culturactiva SCG, cooperativa dedicada á xestión cultural en Galicia desde hai 12 anos, cunha dilatada experiencia na organización de eventos.
Así, din, o Rock in Rian “acada unha dimensión que nunca tivo”, contando cunha xestión profesional e un orzamento reforzado co fin de organizar “un festival á altura da festa e coa calidade doutros festivais” que se fan en toda Galicia. Proba diso, apuntan, é o cartel que este ano terá o festival, formado por Medomedá, A Compañía do Ruído, O Sonoro Maxín e Terbutalina, 4 grandes nomes que “de seguro” convocarán a toda a xente e farán arredor de 7 horas de concerto.
Neste sentido, tanto o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, como as peñas organizadoras e o responsable da entidade produtora do evento Culturactiva SCG, Nacho Fungueiriño, agradeceron o traballo de todas as partes implicadas, o que dá lugar, segundo Fungueiriño, ao “mellor festival con entrada de balde do país” cun grande cartel grazas ao “esforzo das peñas”, tal e como salientou o alcalde, e aos apoios municipais, por unha banda, e loxísiticos pola outra desde a entidade produtora, apuntaron desde a Comisión de Juadalupeñas.

Os inicios e o apoio de Culturactiva SCG

O Rock in Rian é un festival que leva 4 edicións sendo a alternativa xuvenil dentro dunha das festas patronais de máis sona e repercusión de todo o Barbanza, explican desde a Comisión. Miles de persoas danse cita nunhas festas, as da Guadalupe, recoñecidas non só no entorno, senón en toda Galicia. Deste xeito, os organizadores procuraron dar ese impulso que coloque o Rock in Rian no camiño festivaleiro do verán galego.
Neste sentido, Nacho Fungueiriño, responsable de Culturactiva SCG, amosouse “máis que encantado” de poder dar apoio loxístico e de produción a esta grande proposta “que xa é da xente de Rianxo” e “unha parte imprescindible” das Festas da Guadalupe. Ademais, agradeceu á Comisión de Juadalupeñas o ter contado coa experiencia de Culturactiva para esta quinta edición do Festival e augurou “mil edicións máis” para esta cita coa música do país.

{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.